Revista CERNA

Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 81 - Emerxencia...

Verán 2019

CERNA Nº 81 - Emerxencia climática

Artigos da revista CERNA Nº 81

Recursos 81

Ramsés Pérez

Páx. 4

Se estás interesad@ en que divulguemos na revista galega de ecoloxía e medio ambiente CERNA algún libro, CD, revista, película, documental, etc., ponte en contacto con nós no seguinte enderezo electrónico: ramses@adega.gal, indicando ‘Recursos Cerna’. Consulta as nosas recomendacións desta edición.

Xornada polo Clima, histórica para o movemento ecoloxista

Ángel E. López

Páx. 5-7

Impulsado pola mocidade a través do movemento Fridays For Future, xurdido a través dos actos de protesta da adolescente sueca Greta Thunberg, tivo lugar unha semana de reivindicacións mundiais polo Clima que rematou o 27S cun día de folga e mobilizacións en máis de dúas mil cidades de 155 países diferentes. Na Galiza, máis de dez cidades e vilas viviron accións e actos a prol do Clima para reclamar unha declaración real e efectiva de Emerxencia climática. Culminou en grandes manifestacións que botaron á rúa unhas 8.000 persoas en Vigo, 5.000 na Coruña ou 4.000 en Compostela.

15M, a primeira folga polo clima en Ferrol

Belén Feal Cabezón

Páx. 8

Xa hai case un ano, unha rapaza sueca de 16 anos, chamada Greta Thunberg, iniciou un movemento en contra do cambio climático. O que fixo Greta, foi poñerse en folga todos os venres no seu instituto, protestando contra a inacción do seu goberno ante a crise climática. A día de hoxe, milleiras de mozas e mozos en todo o mundo, sumámonos a esta iniciativa baixo o nome de “Fridays For Future”. Desde Ferrol, quixemos formar parte deste movemento, poñer a semente na nosa cidade e unirnos á Folga polo Clima.

O tratamento do lixo en Galiza: O caso paradigmático de Grixoa-Miramontes

Xosé A. Grela

Páx. 9-11

Non será preciso acudir a Aristóteles nin a Francis Bacon para concluír que o estudo dun caso particular nos aproxima a unha visión xeral, cobrando máis importancia se cabe, na medida en que non se trate dun caso illado. O caso do vertedoiro Grixoa-Miramontes revela o serio problema no noso país para procesar adecuadamente todos os seus residuos. A plataforma de afectados polo vertedoiro de Miramontes traslada a súa propia proposta para afrontar este reto.

A diversidade e aves decrece coa abandono da agricultura en Galiza

Mar Sobral, Luis Salaverri, José Guitián e Ignacio Munilla

Páx. 12-13

O abandono da terra no medio rural é un dos principais factores de cambio na composición e na riqueza da biodiversidade europea. Neste traballo exploramos se o abandono da agricultura tradicional en Galicia inflúe na diversidade de aves. Realizamos censos de aves en 39 aldeas da provincia de Lugo nas que se dan diferentes graos de abandono da terra. Os nosos resultados indican que tanto o número de especies de aves, como a abundancia total de aves, diminuíron ao aumentar a proporción de terras abandonadas. En consecuencia, deben favorecerse medidas de conservación capaces de contrarrestar os efectos do abandono da terra, unha agricultura de subsistencia e axudar a manter a diversidade de aves ligada aos agroecosistemas.

Efectos da agricultura ecolóxica sobre as aves en Galiza

Sandra Goded, Johan Ekroos, Jesús Domínguez, José A. Guitián, Henrik G. Smith

Páx. 14-16

Malia ao incremento da agricultura ecolóxica en Galicia, ata o momento non había estudos sobre os beneficios deste tipo de agricultura sobre a biodiversidade. Por iso, como parte dunha tese doutoral, analizáronse os efectos da agricultura ecolóxica sobre as aves no centro de Galicia. Os resultados amosaron que durante o inverno, cando a comida é escasa, máis especies de aves se alimentan nas granxas ecolóxicas que nas convencionais. Ademais, as granxas ecolóxicas conteñen unha maior abundancia de aves cando hai unha maior proporción de bosque autóctono e menor de eucaliptos ao seu redor.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal