Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 38 - -
Páx. 12-13
A Comisión Europea propuxo recentemente un novo sistema para a regulación da produción, importación e do uso de produtos químicos, que afecta tanto aos produtos existentes coma aos novos, polo que deberán ser rexistrados e avaliados nos seus diferentes riscos para a saúde e o ambiente. As substancias químicas de maior risco necesitarían ser autorizadas antes de calquera uso, para o que se propón recoñecer5 a responsabilidade da industria en proveer datos sobre o comportamento das substancias. Neste artigo resumimos algúns aspectos do actual debate sobre o tema e damos conta de tres cuestións particulares relacionadas cos contaminantes químicos: a eliminación de PCB´S, o abandono do mercurio , a nova normativa sobre deterxentes.
Páx. 15-16
Continuamos coa segunda parte dun artigo que iniciamos no número 36 de CERNA, destinado á divulgar a necesidade de políticas de protección, conservación e xestión do patrimonio xeolóxico. na primeira parte repasábanse os conceptos de patrimonio xeolóxico, xeodiversidade, xeorecurso cultural e xeoconservación, considerados homólogos aos de patrimonio biolóxico, biodiversidade, biorecursos culturais, e bioconservación, pero non incluídos nestes, para continuar cunha breve referencia á situación legal e ao escenario galego. Nesta segunda parte, o autor subliña o papel que deben cumprir unha futura estratexia galega para a conservación da xeodiversidade e o urxente inventario de xeorecursos culturais nesas políticas de xestión e conservación, no contexto da situación estatal e das iniciativas e tendencias europeas ou internacionais.
Páx. 18-19
A historia que vos imos contar, aínda que escándalosa, non é de ciencia ficción senón que acontece no século XXI, nin nun lugar recóndito pois é un concello limítrofe co de Ourense, Toén, ao lado dun dos espazos máis transitados da Galiza, pola autovía A-52, entre a cidade e o viaducto de Barbantes, onde podes seguir cara Vigo ou ben torcer á dereita para ir a Pontevedra.
Páx. 20-21
Na fin do mar de Orzán , ao noroeste da cidade da Coruña, érguese o monte de San Pedro. Este anaco de costa virxe entre San Roque e o Portiño é o derradeiro espazo natural que lle queda á cidade totalmente libre da man do home. Lamentablemente o furor inmobiliario e a controvertida forma ten o ser humano de adaptarse ao medio farán da súa ladeira un espazo pavimentado para "desfrutar" desde o automóbil. As obras de ampliación do paseo marítimo da Coruña, supoñerán o desmonte de gran parte da ladeira do acantilado coa inevitable desaparición e dano irreparable para importantes especies de flora e fauna propias desta zona do noso litoral.
Páx. 22
Trala catástrofe do Prestige, vivimos un auxe do movemento social, no seo dunha cidadanía unida pola terra e polo benestar do país. Neste senso, nace "NUNCA MÁIS", unha plataforma cidadá que reflexa o emerxemento da dignidade dun país.