Revista CERNA

Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 69 - Charcas con...

Primavera 2013

CERNA Nº 69 - Charcas con Vida: os pequenos humidais na túa man

Artigos da revista CERNA Nº 69

Xornadas Charcas con Vida. Iniciativas para a conservación de charcas

Redacción/Cerna

Páx. 41

O pasado 2 de febreiro de 2013, Día mundial dos humidais, celebrouse no Pazo da Cultura de Pontevedra unha xornada sobre charcas, organizada por ADEGA coa colaboración da Fundación Biodiversidad, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e financiada polo Concello de Pontevedra. A finalidade foi divulgar a importancia destes ameazados ecosistemas e coñecer diferentes iniciativas de estudo e conservación, alén de dar a coñecer o novo proxecto de custodia e voluntariado ambiental de ADEGA: Charcas con Vida.

Proxecto "Charcas con vida"

Lucía Parente e Ramsés Pérez

Páx. 42-43

As charcas son pequenos ecosistemas cun grande valor, porén apenas teñen sido obxecto de inciativas para o seu estudo e conservación en Galiza. ADEGA vén de poñer en marcha unha iniciativa que baixo o nome de "Charcas con vida" pretende contribuír á divulgación dos valores dos pequenos humidais mediante actuacións que vinculen educación ambiental, voluntariado ambiental e custodia do territorio. O proxecto conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e realízase en convenio co CIBIO (Centro de Investigação em Biodiversidade e Recursos Genéticos de Portugal).

Homenaxe na Eira da Xoana aos cristiáns comprometidos con Galiza

Victorino Pérez Prieto

Páx. 44-46

“En recoñecemento a todas as persoas e comunidades cristiás: leigas e leigos, cregos, monxas,frades e monxes, que ao longo da nosa historia, honraron á Terra nai, unindo cristianismo e galeguidade.” Este foi o texto da placa inserida nun monólito que foi chantado na Eira de Xoana (Ramil-Agolada), en recoñecemento ás persoas que desde a fe cristiá e as convicións galeguistas contribuíron a construción dunha Galiza mellor e para revivir a súa memoria. Un encontro organizado por ADEGA, a Irmandade Moncho Valcarce e a Asociación Cultural O Galo. A resposta dos numerosos colectivos implicados e a salientábel participación da xente nese encontro o pasado 22 de setembro de 2012 manifesta a realidade e xusteza desta homenaxe.

Os diminutos musgaños

Xosé Salvadores

Páx. 48

Xosé Salvadores afonda nas cualidades morfolóxicas destes pequenos mamíferos para diferencialos dos roedores, cos que se adoitan confundir. Explica cales son as súas funcións na natureza e a dificultade que están a ter para sobrevivir, debido fundamentalmente aos agrotóxicos e ao rexeitamento das persoas descoñecedoras da súa valía natural.

Herba do demo ou estramonio

Margarida Miguens

Páx. 49

O estramonio leva connosco arredor de 500 anos, foi introducido en Europa aló polo século XVI mediante unhas sementes orixinarias de Turquía. Dise que esta planta é nativa da India e Sudamérica. Adaptouse perfectamente ás nosas condicións polo que se dá ben en toda a xeografía galega desde unha altitude de 1900-2500 m e incluso a nivel do mar, por iso é que está catalogada como especie invasora. Así que neste artigo imos coñecer unha planta que non é galega, pero que si abunda na Galiza. Non obstante, o estramonio non é coñecido polo seu carácter invasor, senón pola súa toxicidade. Neste artigo, afondamos nas súas cualidades.

"Cando fales dos fungos, fala dos malos e non terás pleitos cos aconsellados"

C. Ruiz Leivas

Páx. 50

A micoloxía, como ciencia que estuda os cogomelos en todas os seus facetas, non é allea á evolución do coñecemento e ao progreso. É moito o que aínda ignoramos do misterioso mundo dos fungos, pero tamén se fixeron grandes avances nestes últimos anos, polo que calquera persoa que estea interesada neles, a nivel científico ou gastronómico, debería estar ao tanto dos descubrimentos que poden deixar obsoletos libros, sabedorías propias e até arraigados costumes de consumo. Neste sentido, hai alertas, algunhas relativamente recentes, sobre o perigo de inxestión de especies tradicionalmente consideradas inocuas e que non están reflectidas en antigas guías de campo consultadas por numerosos afeccionados, nas que seguen a aparecer como bos comestíbeis.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal