Revista CERNA

Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 51 - .

Primavera 2007

CERNA Nº 51 - .

Artigos da revista CERNA Nº 51

Informe proxecto ríos 2006. O estado de saúde dos ríos galegos

Virginia Rodríguez, Paco Bañobre e Cristina Rosas

Páx. 22-23

Cada grupo de voluntarios/as do Proxecto Ríos fai un seguimento dúas veces ao ano (primavera e outono) dun treito de río. O seguimento inclúe o control de parámetros fisicoquímicos(caudal, velocidade da auga, anchura e fondo do leito, tipo de substrato, pH, nitratos…), parámetros biolóxicos (fauna, flora e estado do bosque de ribeira) e tamén a detención de posíbeis alteracións debidas a vertidos, presenza de contaminantes na auga, afeccións por seca... O informe anual 2006 presenta as principais liñas de traballo do voluntariado do Proxecto Ríos e resume o estado de saúde dos ríos galegos, derivado deste seguimento.

Plataforma pola defensa do río Verdugo: “No río Verdugo hai salmón e sería doado recuperalo”

Belén Rodríguez

Páx. 24

Existen moitos ríos galegos onde o salmón está considerado oficialmente unha especie extinguida. É o caso da conca Verdugo- Oitavén, catalogada pola Xunta de Galiza como curso fluvial exclusivamente troiteiro. Mais a Plataforma pola Defensa do río Verdugo (PLADEVER) leva uns anos afirmando a presenza de salmóns neste afluente e realizando tarefas de recuperación a man das femias que quedan atrapadas nas diversas presas do río no seu camiño cara as zonas de desove. O voceiro desta Plataforma, Alberte Lema, asegura que “ existen solucións moi sinxelas e baratas que permitirían aos salmóns contemplar o seu ciclo reprodutivo e que deberían ser adoptadas pola Administración para garantir a continuidade da especie.

O tempo dos ríos

Manuel Soto

Páx. 25-27

O pasado ano 2006 ofreceunos importantes novas en relación cos ríos, comezando pola toma en consideración da iniciativa lexislativa popular en defensa dos ríos e a súa aprobación como lei polo parlamento galego, pasando por interesantes publicacións sobre os ríos galegos. Entre estas, destacan “O tempo dos ríos”, libro publicado pola Universidade da Coruña, e “Os ríos galegos: calidade e biodiversidade” monografías nº 14 e 15 da serie ADEGA-Cadernos. Xunto coa paralización de decenas de proxectos hidroeléctricos, estes feitos son outra mostra da intensa loita a favor do uso social e a conservación do dominio público fluvial.

Lodos de depuración. Alternativas de xestión e sustentabilidade

Xosé Antonio González Ferreira

Páx. 28-31

Como consecuencia das diferentes actividades humanas xéranse unha serie de augas residuais que representan para a colectividade un perigo sanitario e ocasionan un grande problema para a súa eliminación. Os elementos contaminantes e a súa concentración dependen da orixe das augas e varían ao mesturárense unhas augas con outras.É preciso un plano de residuos galego onde a xestión dos residuos orgánicos se conciba de maneira global e integral, aproveitando as posibilidades e beneficios que a combinación de diferentes tipos de residuos pode ter. Nunha terra coma a nosa, coas necesidades evidentes de materia orgánica para manter os niveis de fertilidade e prever a erosión, non se concibe que non se dedique un mínimo de reflexión ao aproveitamento de residuos orgánicos.

A contaminación dos lodos

Manuel Soto Castiñeira

Páx. 32-33

O debate acerca do uso dos lodos de depuración na agricultura é unha realidade internacional. Desde o punto de vista de reutilización e o tratamento axeitado dos lodos, a aplicación ao terreo ten importantes vantaxes, xa que é considerada unha opción moi segura, unha alternativa ao uso de fertilizantes inorgánicos, e moi beneficiosa na restauración de solos. Por outra banda, grupos de consumidores, veciños e agricultores consideran que a seguridade no uso dos lodos é incerta ou mesmo causa situacións de grave risco ambiental e sanitario. A permisiva e confusa normativa actual e a falta de transparencia na xestión non axudan a clarificar esta situación.

Malestar veciñal polo vertido de lodos nas terras

Belén Rodríguez

Páx. 34

A falla de planificación na xestión de lodos de depuradora e de plantas de tratamento específico no noso país está a fomentar nos últimos anos as queixas de comunidades de veciños afectadas polos vertidos directos dos lodos de depuración nas terras de cultivo e nos montes. Veciños das parroquias próximas ao lugar dos depósitos néganse a soportar os fortes cheiros que se desprenden dos lodos tras o seu vertido, e dubidan das consecuencias que estas prácticas poidan ocasionar, en termos de contaminación, sobre os terreos e sobre os acuíferos dos que se abastecen.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal