Revista CERNA

Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 70 - Reforma...

Outono 2013

CERNA Nº 70 - Reforma eléctrica contra as enerxías renovábeis

Artigos da revista CERNA Nº 70

A orixe das rías galegas

Xoán R. Vidal Romaní

Páx. 29-31

O xeólogo, Xoán Ramón Vidal Romaní, achéganos un pouco máis á nosa historia natural explicando de forma moi sinxela como se formaron as rías galegas; rías que, por certo, non son exclusivas en Galiza. O proceso xeolóxico no que se crearon as rías e que se iniciou hai 200 millóns de anos, hoxe en día presenta unha situación de fraxilidade ecolóxica. A isto tamén se refire o catedrático neste artigo.

Especies exóticas mariñas de Galiza

Rafael Bañón Díaz

Páx. 32-35

En Galiza hai polo menos 521 especies exóticas inventariadas, a maioría delas de orixe terrestre. Pero, no mar, que sucede no mar? Alguén podería nomear unha soa especie exótica mariña? Existe un grande descoñecemento do número de especies exóticas mariñas e das alteracións que están a provocar sobre os ecosistemas nativos de Galiza. Este artigo ofrece algo de luz a esta incógnita.

A Zarra da Pena nos sobreirais do Arnego

Ascensión Castro Batán

Páx. 36-37

Os Sobreirais do Río Arnego constitúen un espazo natural que está incluído dentro da proposta da Rede Natura 2000. Este espazo conta cunha superficie de 1.537 ha e localízase nos termos municipais de Agolada, Lalín e Vila de Cruces, na provincia de Pontevedra. O sobreiral Zarra da Pena forma parte deste Lugar de Interese Comunitario e sobre el botaremos una ollada para coñecer algúns dos seus usos que definiron boa parte do seu estado actual.

Campos de voluntariado ambiental no río Tea. Seis anos eliminando flora exótica invasora

Ramsés Pérez, Paco Bañobre

Páx. 38-39

Nas seguintes páxinas recóllese un resumo do traballo que durante seis anos un numeroso grupo de persoas, coordinadas polo Proxecto Ríos–ADEGA, ao abeiro do Programa de Voluntariado en Ríos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA), desenvolveu nas beiras do río Tea. Máis de 300 voluntarios/as participaron nesta iniciativa que tivo como un dos seus principais obxectivos divulgar a problemática que as especies exóticas invasoras (EEI en diante) provocan sobre o medio ambiente en xeral e os ríos en particular.

Como construír charcas

Lucía Parente, Ramsés Pérez

Páx. 40-41

As charcas son ecosistemas valiosos e ameazados que veñen desaparecendo da nosa xeografía por diversos motivos. En 2013, ADEGA puxo en marcha o proxecto “Charcas con vida” co obxectivo de poñer en valor estes lugares e axudar a súa conservación. Unha das liñas do proxecto céntrase na creación ou recuperación destes puntos de auga. Neste artigo, apuntamos algunhas das cuestións que debemos ter en conta á hora de construír charcas.

Unha plataforma para un Sar con vida

Xosé M. Penas Patiño

Páx. 42-43

Como cada mañá antes de marchar ao traballo Xan achegouse ata o río. Coñecía o Sar desde neno, pois cos amigos da aldea tiña que pasar a carón del cada vez que ía á escola. Alí onde as augas paraban, entre xuncos, centos de troitas mortas mostraban o bandullo ao sol. Non era a primeira vez, nin a segunda. E xa non era nin a primeira, nin a segunda vez, que o tiñan comentado na taberna de Arturo. O río era parte deles mesmos e sentían a desfeita en carne propia. Sen máis voltas, Xan pensou en falar con xente doutras aldeas e en crear una asociación. Así o fixo con amigos de Brión, da Gandariña ou de Padrón, e tamén coa Asociación de veciños de Conxo Doutor Maceira, co Club de sendeirismo Vía Láctea, co Colectivo Remonte, coaSociedade de Caza e Pesca padronesas e co Club de pesca deportiva Londra de Rois. ADEGA tamén estivo apoiando desde o primeiro momento. A nova asociación recibiu o nome de Plataforma pola Recuperación do Sar.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal