Revista CERNA

Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 55 - .

Verán 2008

CERNA Nº 55 - .

Artigos da revista CERNA Nº 55

Voluntarios en defensa do monte galego. Defender os montes dos lumes é cuestión de vontade

Belén Rodríguez

Páx. 36 - 37

Tras a vaga de lumes de 2006, xurdiu un movemento social de voluntarismo e solidariedade co fin de encamiñar accións de axuda para superar, en parte, os problemas derivados da crise incendiaria. Constituíuse así o chamado “Voluntariado en Defensa do Monte Galego”. Nun primeiro momento, coordinado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, chegou a consolidarse no panorama galego da man da Dirección Xeral de Xuventude, Voluntariado e Solidariedade da Vicepresidencia da Xunta de Galiza e coa colaboración da Consellaría de Medio Rural. Para esta reportaxe acompañamos a xornada de traballo dun grupo de voluntarios/as en terras do alto Ulla.

O uso dos xurros mitiga o impacto ambiental no agro galego

Juan Castro Insua

Páx. 38 - 41

O autor sostén que a actividade agrogandeira actual na Galiza presenta un impacto ambiental menor que o doutras agriculturas de referencia grazas ao mantemento da integración da actividade agrícola e gandeira pola vía do uso dos xurros como fertilizante. Así mesmo, avoga polo mantemento e mellora deste modelo, promovendo a valorización do xurro como un importante recurso económico e ambiental e evitando que pase a ser considerado como un residuo.

Os morcegos de Galicia. Situación e retos de conservación

Roberto X. Hermida

Páx. 43 - 45

Os morcegos non gozan de boa fama na cultura galega, esa pode ser unha das razóns polas que hai tanto descoñecemento sobre estes animais, nin sequera a nivel científico se poden responder preguntas simples sobre estas especies. Inda que nos últimos anos se foi avanzando no seu estudo, descubrindo que son especies frecuentes en Galiza, que a conservación destes depende en bos medida dos refuxios e ribeiras fluviais ou que é preciso facer un esforzo específico para coñecer a distribución bioloxía e o estado de conservación das especies máis discretas.

A algaria, discreta furatoxos de longa cauda

X.L.Salvadores

Páx. 46

A algaria é unha especie autóctona galega inda que algúns estudos indican que sería unha especie africana introducido polos humanos na nosa terra. Vive en zonas de matogueira e sotobosque e fai vida nocturna, é difícil vela porque se agocha en canto nota presenza. Nos últimos tempos coa chegada do asfalto a cada corredoira e tamén dos automóbiles as mortes aumentan considerablemente, de maneira que non é infrecuente atopalos restos dunha algaria en estradas galegas.

O Torbisco

María Xosé Castro

Páx. 47

O Torbisco é un arbusto que pode chegar ao metro de altura, e perenne polo que podemos observalo verde todo o ano. Tanto as follas como os froitos son tóxicos e moito, de forma que a súa inxestión poden causala morte en menores ou persoas febles. Inda así os humanos souberon aproveitarse dela para pescar, facer cordas, cicatrizar feridas ou como insecticida.

O Proxecto Corna. Proposta educativa e de conservación de dunas

Fíns Eirexas

Páx. 48 - 49

A praia da Corna, nos límites dos concellos de A Pobra do Caramiñal e Ribeira, alberga un dos campos dunares máis importantes e ata fai pouco mellor conservado do Norte da Ría de Arousa. Non en tanto, historicamente, este espazo ven sufrindo repetidos impactos que poñen en perigo o seu equilibrio ecolóxico e comprometen a súa conservación. Neste contorno, ADEGA está a desenvolver un proxecto de restauración e conservación que inclúe diversas actuacións brandas, a realizar maioritariamente por voluntariado ambiental, así como outras que son recomendacións para as administracións implicadas.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal