Revista CERNA

Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 60 - Sentenzas...

Inverno 2009

CERNA Nº 60 - Sentenzas Xudiciais: Caso Rinlo

Artigos da revista CERNA Nº 60

Entrevista a Ulf Helke

María García

Páx. 35 - 36

“25 anos da caída do Muro de Berlín: unha perspectiva ecolóxica”O pasado 9 de novembro cumpríronse 20 anos dende a caída do Muro de Berlín, un acontecemento histórico a escala mundial que mudou radicalmente o contexto político e socioeconómico de grande parte do planeta. Ás moitas revisións e interpretacións, quixemos sumarlle a nosa particular análise: que repercusións tivo no medio ambiente a caída do Muro e a reunificación de Alemaña? Entrevistamos a Ulf Helke, biólogo e activista ecoloxista da antiga Alemaña Oriental.

CMVMC Santo Estevo de Parga: Unha maneira de sacarlle o proveito aos montes

David Díaz Losada

Páx. 37

Traio aquí un exemplo de como sacarlle o máximo proveito aos nosos montes, establecendo un plan racional de aproveitamento e traballo programado para os mesmos. A parroquia de Santo Estevo de Parga, Concello de Guitiriz, atópase situada na parte norte da provincia de Lugo, bañada na meirande parte polo río Parga, por certo, moi rico en troitas. Ten unha poboación aproximada de 800 habitantes e unhas 200 casas que forman a Comunidade á que lle dá o nome a parroquia, cos seus oito pobos máis a vila de Parga. A parroquia de Santo Estevo ten unha extensión de aproximadamente 1.000 Has de monte veciñal man común, das que 375 Has foron clasificadas polo Xurado Provincial de Lugo con data 25 de Agosto de 1.975. As restantes, atópanse repartidas entre comuneiros e comuneiras desde hai 80 anos, sen criterio de proporcionalidade. Así que, para centrármonos no tema que nos ocupa imos falar só do monte legalmente clasificado, no que existen varias canteiras de granito desde 1979.

A Salamantesa

Pepe Salvadores

Páx. 38

Na Comarca de Valdeorras, onde o clima se torna “Mediterráneo”, atopamos unha biodiversidade extraordinaria, mais hoxe ímonos centrar na salamantesa (Tarentola mauritanica), tamén chamada “osga” polos galegos. Este pequeno réptil, parecido á lagartixa pero máis rerechoncha e de tons marróns e grises, con gran poder trepador, soe entrar con facilidade na casa e proporciona múltiples beneficios, tal como limpar esta dos insectos, a par de ser totalmente inofensivas. Coñecer as especies que nos rodean e os beneficios que aportan a nosa vida é de vital importancia para respectalas e convivir con elas de xeito normal.

O Couselo

Gemma Pérez e María Xosé Castro

Páx. 39

O Couselo (Umelicus rupestris) é unha das plantas máis comúns da xeografía galega. O aspecto das súas follas, redondas, carnosas e afundidas no medio, descríbese á perfección en outro dos nome co que se coñece: “Embigo de Venus”. Estes nomes son dous dos moitos que ten esta abundante planta, que se denomina de xeito diferente dependendo da zona na que nos atopemos, mostrando así a súa popularidade. O couselo ten, ademais, unha flor vistosa de cores brancos e que medra de xeito vertical, que o fan moi recoñecible. Este artigo mostraranos as características desta planta a par que abordará os beneficios medicinais que nela se atopan: queimaduras, feridas, dor de oídos... esta planta serve para case todo. E se serve para a medicina, tampouco é mala para engadila a algún que outro prato.

Proxecto Castieixas: Anfibios, pozas e persoas

Ramsés Pérez

Páx. 40 - 41

As pozas e regos son elementos singulares da paisaxe galega posuidores duns interesantes valores culturais e naturais. Consecuencia do abandono do rural, nomeadamente das prácticas agrícolas asociadas, pozas e regos deixan de manterse, “perdéndose”, provocando unha simplificación da paisaxe e a desaparición de espazos vitais para flora e fauna. Anfibios como as ras, sapos, píntegas, etc., vense especialmente afectados xa que pola súa “dobre vida” son vertebrados moi sensíbeis a estas modificacións nos usos do territorio.

Equal Soc. Coop. Galega, centro de educación ambiental

Mª Xosé e Amparo Vázquez Ramos

Páx. 42 - 43

O centro de educación ambiental Equal Soc. Coop. Galega está situado na localidade de A Barra, no Concello de Coles, provincia de Ourense. O centro é un equipamento fixo con capacidade para 48 persoas en réxime de pensión completa. O espazo interior conta con dormitorios compartidos, comedor e aula multiusos, ademais dos aseos e a recepción. O espazo exterior está formado basicamente por unha hectárea de bosque de carballos e pradería, espazos que na primavera e o verán acollen a meirande parte das actividades dos nenos e nenas que asisten a xornadas de educación ambiental, a actividades de lecer e a campamentos.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal