Revista CERNA

Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 60 - Sentenzas...

Inverno 2009

CERNA Nº 60 - Sentenzas Xudiciais: Caso Rinlo

Artigos da revista CERNA Nº 60

Medio físico e ordenación do litoral en Galiza

Juan López Bedoya

Páx. 18 - 21

A ordenación do territorio é un eficaz instrumento de aforro, no referido aos investimentos públicos no territorio, e de preservación dos valores naturais. Esta última debe contar coa participación dunha comunidade científica independente, non instrumentalizada polos grandes axentes económicos ou os partidos políticos. A visión tecnicista do medio físico, especialmente en áreas tan sensíbeis como a costa, levou aos límites da capacidade de carga do medio natural. Desta actitude derivan perdas económicas e medioambientais previsíbeis que alimentan investimentos restauradores nun círculo vicioso non casual e no que a administración pública acaba salvagardando os intereses privados.

O Intermareal, un espazo cheo de vida

Xandro García Regueira

Páx. 22 - 23

O intermareal é a porción de costa máis próxima ao dominio terrestre, situada entre as posicións que acadan as mareas: entre o máximo histórico de marea alta e mínimo histórico de marea baixa. Nas nosas costas a distancia vertical entre estes dous extremos é aproximadamente de 4 metros e temos dúas mareas altas e dúas mareas baixas ao día. Por diversos factores, o intermareal é unha zona de fortes contrastes, grande variedade de hábitats e elevada produtividade.

O debate eólico

Daniel López Vispo

Páx. 24 - 25

Os anos 60 é a data clave para entender as novas políticas enerxéticas na Galiza, a época dos encoros e os espolios dos principais recursos da terra. Mais é a partires da década dos 90 cando a enerxía eólica fai a súa gran aparición. O que parecía ser o achado do século, é dicir, o aproveitamento dunha enerxía renovábel tornouse no sometemento aos ditames das grandes empresas, sen que exista o máis mínimo respecto polo medio nin natural nin patrimonial. A substitución das enerxías “tradicionais” polas renovábeis é o paso lóxico a seguir, pero son precisas unha serie de garantías que a aseguren o bo seu desenvolvemento. O presente artigo fai un repaso polas políticas dos últimos anos por parte da Xunta en canto a enerxía eólica, os seus acertos e carencias, e como estas afectan ao medio ambiente.

Enerxía eólica e Rede Natura 2000 en Galiza

Xavier Simón Fernández e Damián Copena Rodríguez

Páx. 26 - 29

No actual contexto económico capitalista a problemática do cambio climático aparece como un dos principais problemas ambientais, facendo que nas derradeiras décadas a utilización de fontes enerxéticas renovábeis comece a xeneralizarse. Neste contexto, a enerxía eólica aparece como unha importante alternativa aos combustíbeis fósiles. O noso País non ficou alleo a esta realidade, e nos últimos 15 anos a produción de enerxía eólica pasou de ser unha actividade case anecdótica, a converter a Galiza nunha potencia eólica europea e mesmo mundial. Este feito, apoiado polo marco regulador autonómico, supuxo a instalación de múltiples aeroxeradores ao longo de moitos dos cumios do territorio galego. Se, por unha parte, permiten producir electricidade que non contribúe ao cambio climático, por outra, segundo sexan os espazos que ocupan as instalacións dos parques eólicos, pode resultar agresiva ambientalmente. Neste artigo repásase brevemente o tratamento ambiental dos parques eólicos na normativa autonómica reguladora desas instalacións e faise un repaso dos seus principais impactos ambientais, facendo especial mención á afectación directa aos ecosistemas de interese ecolóxico e a espazos pertencentes á Rede Natura 2000.

Contaminación por fluoruros no contorno de Alcoa, San Cibrao

Luís Díaz Cabanela

Páx. 30 - 32

Diferentes análises realizadas nos arredores da factoría de aluminio ALCOA-INESPAL de San Cibrao (Lugo) amosan unha alta contaminación por fluoruros. O fluoruro de calcio é utilizado como electrólito e o fluoruro de sodio como fundente na fabricación de aluminio. Neste artigo amósanse os niveis da presenza deste contaminante nos diversos ecosistemas da zona.

A vía primitiva a Compostela

Ricardo Polín

Páx. 33 - 34

O auxe das autoestradas fai que hoxe en día os camiños xa non unan pobos, senón que unen capitais. Por iso, a conservación do Camiño de Santiago, nas súas distintas manifestacións, é un tesouro que nos resta da lóxica dos que viviron antes que nós. A simbiose destes antigos trazados coa natureza e os núcleos primixenios fai que, para o camiñante, percorrer estes camiños sexa como transportarse a outra época e proporciona a oportunidade de experimentar o entorno dun xeito distinto. Por todo isto, a protección do Camiño e dos bens, tanto naturais como patrimoniais, que o acompaña é o xeito de garantir a súa preservación por mil anos máis.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal