Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 64 - O impacto do...
Páx. 41
Os beneficios aportados polos animais á saúde son ben probados en todo o mundo. En Galiza, a asociación ANDREA, única no seu campo, leva traballando con asnos dende o 2005. Os traballos que se están a realizar son de estimulación psicomotriz e a estimulación emocional e de vínculos afectivos, dirixidos principalmente a persoas con algún tipo de discapacidade. Ademais, esta iniciativa aposta pola rehabilitación e a conservación do asno, especie en grave perigo de extinción.
Páx. 43
O pasado mes de febreiro o Proxecto Ríos e ADEGA realizaron unha serie de actividades ao abeiro do Día Mundial dos Humidais e do Ano Europeo do Voluntariado. A proposta consistiu na realización de actividades cos centros de ensino, así como nunha xornada de voluntariado ambiental centrada na eliminación de flora exótica invasora. A actividade desenvolveuse nas lagoas de Xuño e Muro, en Porto do Son.
Páx. 44
O Centro de Educación Ambiental (CEA) O Rexo está situado en Allariz, na estrada que discorre ao carón do Río Arnoia cara a Xunqueira de Ambía, na Parroquia de Requeixo de Valverde. Enclavado no corazón da Reserva da Biosfera Área de Allariz , artéllase como un instrumento de divulgación dos valores na defensa do equilibrio entre o ser humano e a natureza que a UNESCO promove para estes territorios, ao tempo que permite achegar a grupos e individuos aos valores medioambientais nun contorno privilexiado, no ámbito da actuación pictórica de Agustín Ibarrola coñecida como Ecoespazo do Rexo.
Páx. 46
Os boletus son un manxar cobizado en calquera gastronomía e facilmente recoñecibles grazas a súa carne branca. Saber identificar as especies, as súas características principais, o seu hábitat e os meses de colleita e como se deben recolectar é fundamental para evitar os perigos asociados coa recolección de fungos e para garantir a súa óptima continuidade.
Páx. 47
Aínda que o outono é a época do cogomelo por excelencia, na primavera tamén atopamos varios exemplares de fungos. E para os amantes de cogomelos que queiran consumir este produto durante todo o ano, empresas como Hifas da Terra realizan cultivos reciclando materiais vexetais e garantindo un produto ecolóxico e de calidade.
Páx. 48
Ata o de agora o Castelo de Pambre é coñecido como mostra do patrimonio histórico e artístico medieval, mais a partires de agora tamén será coñecido como hábitat do caracol de Quimper, hoxe en día en grave perigo de extinción. Ademais, este curioso caracol tivo a sorte de atoparse na Eira da Xoana, casa de ADEGA en Ramil (A Golada), onde se realizaron todos os traballos necesarios para garantir o benestar da especie.