Páx. 36-39
A relación que as persoas manteñen co contorno inmediato ten sido de explotación e esquilmación. Hoxe en día existen numerosas evidencias de que este modelo de desenvolvemento non é viábel nin tan sequera a curto prazo.A educación ambiental é unha disciplina teórico- práctica, de reflexión e de acción, que cre na capacidade de resposta nas sociedades humanas para configurar unha orde social ambientalmente sustentábel e socialmente xusta.Unha atenta viaxe por Galiza adiante permite comprobar a cantidade de centros que existen dedicados á divulgación do noso patrimonio mais xurde rapidamente a seguinte pregunta: sendo tantos, como é que resultan tan invisibles?
Páx. 40-41
O CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galiza, nado en 1992 mais que non comezou realmente a andar até 2001, presentou recentemente a súa Memoria de Actividades 2001-2005. Este período coincide coa dirección do CEIDA por parte de Carlos Vales, motivo polo que o entrevistamos para Cerna. Experto en bioloxía da conservación, en particular dos sistemas forestais e dos bosques autóctonos galegos, Carlos Vales foi secretario xeral de ADEGA e conta con varios libros publicados sobre problemas ambientais de Galiza. Forma parte da Comisión de Educación e Comunicación da UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza) e da sección de Ciencia Técnica e Sociedade do Consello da Cultura Galega.
Páx. 42-44
A configuración xeográfica da Terra de Caldelas dá lugar a áreas cunha forte contraste, como o demostran os máis de mil metros de desnivel entre o río Sil e os altos de San Mamede. Porén, a comarca ofrécenos espazos para gozar de lugares nun medio de transporte ecolóxico e saudábel como a bicicleta. Propoñémosvos un paseo pola terra da bica, o licor café e a vaca caldelá, sempre vixiados dende os altos da serra polo lobo e a aguia real.
Páx. 8
Se estás interesad@ en que divulguemos na revista galega de ecoloxía e medio ambiente Cerna algún libro, CD, revista, película, documental...ponte en contacto con nós no seguinte enderezo electrónico: ramses@adega.gal, indicando ‘Recursos Cerna’. Consulta as nosas recomendacións desta edición.
Páx. 10
ADEGA trasladouse ao Teatro Borbón de Vigo para celebrar a súa XXXII Asemblea Xeral o 28 e 29 de abril deste mesmo ano. O saneamento das rías, a protección dos espazos da rede natura e do litoral, a xestión dos residuos, o cambio climático, e a política forestal centraron o debate ecoloxista. Asi mesmo, ADEGA renovou a Xunta Directiva con mudanzas e novas incorporacións, de tal forma que Virxinia Rodríguez pasa a ser a nova Secretaria Xeral de ADEGA.
Páx. 13
Actualmente todas as plantas de tratamento de residuos están situadas no norte. É evidente que hai que dar unha solución aos residuos do sur, mais non compartimos o anuncio da Consellería de crear un “macro-polígono industrial do lixo”, que eufemisticamente chaman “Parque Medioambiental de Galiza”. Leváronse a cabo propostas como a creación de plantas de compostaxe comarcais e rexeitáronse outras técnicas como a incineración tradicional. O Ribeiro debe ter a súa planta de compostaxe, o mesmo que Vigo, Pontevedra e Ourense, pero Carballeda de Avia non é o lugar axeitado para o tratamento de refugallos industrias, xa que non garda a distancia regulamentaria ás poboacións, ademais de estar xusto ao carón da captación de auga potábel de Ribadavia.