Radio CERNA

Radio CERNA

Inicio / Que é

Que é RADIO CERNA?

RADIO CERNA é a única produción radiofónica de Galiza especializada en medio ambiente e ecoloxismo. Trátase dun proxecto pioneiro no país que, a través do soporte sonoro, aborda a cuestión ambiental e cultural desde unha óptica local.

Nace en 2005 da man de ADEGA cos seguintes propósitos:

  • Achegar a realidade ambiental, ecoloxista e cultural do país a un público xeral e de forma directa.
  • Contribuír á pluralidade informativa e mediática do país na lingua propia, o galego.
  • Ser voceiro das actividades e actos dos distintos movementos ecoloxistas do país e de todo aquel colectivo ou entidade que defenda os nosos valores patrimoniais.
  • Dar a coñecer outros modelos sociais e económicos de desenvolvemento máis sostíbeis e respectuosos coa natureza, así como as experiencias relacionadas.
  • En definitiva, ser un instrumento de educación e información ambiental que consiga divulgar a importancia dos nosos valores ambientais e culturais para crear conciencias críticas co seu contorno.

Onde se emite e con que frecuencia?

RADIO CERNA é un espazo radiofónico de 10 minutos diarios que actualmente se emite os venres na maior parte das emisoras locais e municipais de Galiza. De feito, grazas á colaboración non lucrativa destas emisoras, desde 2005, RADIO CERNA difundiuse en máis de 30 frecuencias moduladas de toda Galiza. Este formato e frecuencia de emisión permiten que as radios locais poidan inserir o espazo CERNA na súa programación no horario que máis lles conveña. Consulta cales son as emisoras colaboradoras e os horarios de emisión no apartado desta web ONDE ESCOITALA.

E, por suposto, tamén podes escoitar RADIO CERNA a través desta páxina web, descargando o audio ou por streaming, e noutros soportes da rede como Facebook ou no audiokiosco ivoox.com.

Que tipo de contidos se tratan en RADIO CERNA?

Polo xeral, todos os venres, RADIO CERNA ofrece un Boletín informativo ambiental que fai o repaso da novas ambientais máis destacadas da última semana. Ademais, atoparás neste portal centos de programas que versan sobre cuestións que teñan que ver coa realidade ambiental galega, cada programa versa sobre unha ou a varias destas temáticas aplicadas ao ámbito territorial de Galiza: conservación e biodiversidade, contaminación e residuos, enerxía e cambio climático, medio rural e montes, territorio e urbanismo, educación ambiental, auga e ríos, litoral ou cultura, patrimonio e lingua.

RADIO CERNA contou ademais co inestimábel traballo desinteresado de persoas colaboradoras que elaboraron para o programa seccións fixas sobre flora e fauna de Galiza, lexislación ambiental, terminoloxía en galego, consellos útiles para a vida cotiá, patrimonio cultural ou o espazo das mil músicas, entre outros.

Lembra que no buscador de RADIO CERNA poderás seleccionar por categorías temáticas o programa que máis che interesa escoitar.

Como se financia RADIO CERNA?

Desde a súa posta en marcha, RADIO CERNA foi financiada pola organización ADEGA xunto coas axudas económicas de varios organismos institucionais relacionados coa promoción cultural ou co eido ambiental de Galiza (Consellaría de Cultura, Política Lingüística, INEGA, Deputación da Coruña, Deputación de Lugo). Actualmente, o proxecto está a ser patrocinado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Como colaborar con RADIO CERNA?

  • Como colaborador/a: Podes crear unha sección fixa para o programa que teña que ver con algunha das temáticas que trata. Email: radiocerna@adega.gal
  • Como informador/a: Podes expresarnos a túa opinión ou propoñer algunha temática concreta a tratar en RADIO CERNA. Email: radiocerna@adega.gal
  • Como patrocinador/a: Podes contribuír ao mantemento económico deste proxecto de comunicación como anunciante, patrocinador ou doante.

Agradecementos

RADIO CERNA quere expresar o seu agradecemento especial a todas aquelas emisoras que colaboraron co proxecto desde a súa posta en marcha, ademais de facer un recoñecemento expreso ás persoas que desde o ano 2005 contribuíron á edición de contidos para RADIO CERNA a través das seccións fixas:

  • Isaac Alonso Estraviz
  • Marta Vázquez
  • Adela Figueroa
  • Elvira Cienfuegos
  • Ramsés Pérez
  • Rocío Toxo
  • Daniel López Vispo
  • Fernán Mourenza
  • Gemma Pérez
  • María Xosé García
  • Pepe Salvadores
  • Ignacio Hermida
  • Alba Nogueira
  • Marga Miguens
  • Lois Toirán
  • Manolo Lence
  • Pilar Maseda
  • Etnoga


Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal