Radio CERNA

Radio CERNA

Buscador

Formulario de busca

21/10/2022   [00:10:00]   [7.12 MB]

Boletín informativo ambiental 21/10/22

As últimas semanas están deixando unha colleita favorable de sentenzas e autos dos tribunais que deixan en evidencia a fallida política eólica da Xunta de Galiza. ADEGA, xunto con outras entidades, vén de acadar en tan só quince días 3 resolucións xudiciais favorables fronte a invasión eólica: a anulación definitiva do PE Serra do Iribio, en Samos e Triacastela, e a paralización cautelar dos proxectos eólicos Campelo e Bustelo de Greenalia, nos concellos de Santa Comba, Coristanco e Carballo. Porén, vese obrigada a depositar antes do 1 de novembro para facer efectiva as dúas paralizacións cautelares mencionadas, para o cal lanza a campaña https://tipodesparalos.adega.gal Esta e outras novas da semana en #RadioCerna.

14/10/2022   [00:10:00]   [7.22 MB]

Boletín informativo ambiental 14/10/22

Semana chea de éxitos para o movemento ecoloxista! ADEGA, SGO e FOP conseguen tumbar definitivamente o parque eólico Serra do Iribio nos tribunais. O Supremo avala o fallo do TSXG que anulara a autorización da Xunta por dar por válida unha avaliación ambiental obsoleta, de 2005, e estar dentro dun espazo de Rede Natura 2000, onde hoxe se prohíben parques eólicos. Por outra banda, a Fiscalía abre dilixencia de investigación pola actuación da Xunta na vaga de incendios do pasado verán, tras acoller a denuncia dos colectivos conformados na Plataforma Por un Monte Galego con Futuro. Os montes veciñais tamén se reivindican este sábado! Escoita Radio Cerna!

30/09/2022   [00:10:00]   [7.46 MB]

Boletín informativo ambiental 30/09/22

A Xunta ofrece por primeira vez datos sobre a superficie queimada de espazos protexidos na vaga incendiaria do pasado verán. As cifras son sorprendentes! ADEGA advirte dun outono duro para as aves mariñas, e mesmo para as domésticas, se non se fai nada para frear o andazo da gripe aviaria e o presidente Rueda anuncia unha planta de biogás para xeración de enerxía a prol de Reganosa, Repsol e Naturgy. Se queres saber máis, preme e escoita!

23/09/2022   [00:10:00]   [7.24 MB]

Boletín informativo ambiental 23/09/22

A actualidade ambiental desta semana ten que ver coa balsa de lodos de Alcoa, os lumes en Rede Natura, novos gromos de botulismo nas aves acuáticas e o recurso no Supreno ao Plan Nacional de Enerxía do Estado español. Para coñecer os detalles, escoita Radio Cerna!

16/09/2022   [00:10:00]   [6.88 MB]

Boletín informativo ambiental 16/09/22

Adíase o fallo do Supremo sobre ENCE, aparece un novo gromo de botulismo no encoro de Vilagudín, e segue a afronta veciñal contra os megaproxectos eólicos e as centrais hidroeléctricas de bombeo que ameazan espazos de elevado valor ambiental. Retomamos o pulso informativo ambiental do país co boletín de novas de Radio Cerna!

12/08/2022   [00:10:00]   [6.92 MB]

Boletín informativo ambiental 12/08/22

Nesta semana os lumes forestais volveron repuntar no país, nomeadamente na provincia de Ourense, no Macizo Central e en dirección ao Teixadal de Casaio! O presidente da Xunta anuncia un cambio no modelo de extinción á vista das dificultades coas que se atopa para frear o avance das chamas... Galiza volve estar á cabeza da produción eléctrica renovable no conxunto do Estado durante o primeiro cuadrimestre, segundo datos de REE, no que exportou máis do 32% da enerxía producida. Mentres seguen saíndo a exposición pública numerosos proxectos eólicos, e autorízase o PE Farrapa II en Pastoriza e Abadín. Tamén xorden novos proxectos de centrais de bombeo, desta volta en Mazaricos, no río Xallas, promovido pola empresa Xeal. A veciñanza crítica co proxecto vén de constituír a plataforma Salvemos A Ruña, monte onde pretende colocarse a balsa de bombeo. Radio Cerna regrasará ás ondas e á túa emisora local no mes de setembro. Feliz verán!

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal