Radio CERNA

Radio CERNA

Buscador

Formulario de busca

30/05/2024   [10:00:00]   [7.14 MB]

Boletín informativo ambiental 31/05/24

Palas de Rei acolle unha mobilización histórica contra a macrocelulosa proxectada por Altri e Greenalia no corazón de Galiza. A campaña de recadación solidaria Ti Podes Paralos precisa axuda para reunir os fondos necesarios para levar o polígono eólico Monte Contado ante a Xustiza. A empresa Erimsa proxecta unha mina a ceo aberto dunhas 1.000 hectáreas na comarca de Ordes. A Xunta de Galiza dálle a razón a ADEGA e recoñece que a tramitación da Rolda Leste era irregular. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

23/05/2024   [10:00:00]   [7.14 MB]

Boletín informativo ambiental 24/05/24

A factoría de Altri contaminará a atmosfera máis que todas as celulosas do Estado. A análise da documentación do “Proxecto GAMA” non deixa de achegar datos preocupantes. E mentres, empresas e produtoras agroalimentarias da propia Ulloa, do Deza, Melide e Arzúa mostran tamén o seu rexeitamento ao proxecto de macrocelulosa cun manifesto. Ademais, con motivo do Día Europeo da Rede Natura 2000, unha trintena de organizacións ecoloxistas piden triplicar en seis anos a superficie actual da Rede Natura en Galiza. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

16/05/2024   [10:00:00]   [7.11 MB]

Boletín informativo ambiental 17/05/2024

A megafactoría de Altri constituiría un problema de saúde pública, segundo alertan médicas. Xa son 40 os proxectos eólicos paralizados cautelarmente pola Xustiza no que vai de ano; un dos últimos, o Acibal, no que a empresa promotora, Norvento, segue traballando tras a resolución xudicial, segundo a plataforma Amil Sen Eólicos. O sector marisqueiro atravesa un dos seus peores momentos; e ADEGA celebra a súa Asemblea Xeral en Melide. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

03/05/2024   [26:00:00]   [12.23 MB]

AUDIO ROLDA DE PRENSA | Greenfiber impediría o cumprimento da Directiva Marco de Auga e suporía o colapso da Ría de Arousa

03.05.2024 |  A Plataforma na defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) alertan da inviabilidade ecolóxica do proxecto de Greenfiber (Altri e Greenalia) por constituír o golpe de graza do río Ulla e da ría de Arousa. A vogal de augas de ADEGA, Ana Fernández Santamarina, advertiu en rolda de prensa que o levantamento dunha planta de celulosas na parte alta da bacía do Ulla terá consecuencias negativas para toda a bacía, a cal se verá afectada de maneira significativa, tanto pola detracción de caudais como pola contaminación con elevadas cantidades de compostos químicos orgánicos. A fábrica de Altri comprometerá así, non só a viabilidade ecolóxica do río Ulla, senón tamén a de outros usos aos que se destina a súa auga, e impactará directamente a medio e longo prazo sobre a ría máis produtiva de Galiza, a Ría de Arousa.

Escoita toda a rolda de prensa! 

25/04/2024   [10:00:00]   [7.11 MB]

Boletín informativo ambiental 26/04/24

A Xunta deixa a porta aberta a financiar a macrocelulosa de Altri na Ulloa. Mentres, cada vez máis persoas se unen á defensa da Ulloa fronte ao proxecto. A primeira gran manifestación para mostrar a forza social terá lugar o 26 de maio en Palas de Rei, convocada pola Plataforma Ulloa Viva. Doutra banda, ADEGA e plataforma veciñal de afectados e afectadas pola A-57 conseguen en tempo récord os fondos necesarios para recorrer a autovía A-57 de Pontevedra na Audiencia Nacional. E Medio Rural está a destruír a Devesa do Lusío en Samos ao non facer efectiva unha orde de paralización. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

18/04/2024   [10:00:00]   [24.21 MB]

A loita contra a celulosa de Altri, en Bruxelas

A loita contra a macrocelulosa de Altri chega a Bruxelas. O pasado 15 e 16 de abril, da man da eurodeputada do BNG Ana Miranda, representantes de ADEGA (a vogal de augas, Ana F. Santamarina), Ulloa Viva, Santiso Vivo, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción ou Queremos Parcelarias Xa, xunto con persoal científico e alcaldes dos municipios afectados, visitamos o Europarlamento e a Comisión Europea para denunciar o atentado ambiental que supón a instalación desta factoría na Ulloa. Alí reunímonos con alto funcionariado especializado en normativa medioambiental e expuxemos todos os impactos ambientais e socioeconómicos que implicaría Altri. Estas son as intervencións dos diferentes colectivos en loita contra Altri aos medios de comunicación ao remate das dúas xornadas de traballo. Escoita! 

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal