ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA considera inmoral que a Xunta alente á...

20-07-2012

ADEGA considera inmoral que a Xunta alente á acuicultura industrial a especular coa Rede Natura

Pesca Xunta Consellería do Mar

Compostela, 20 de xullo de 2012. Ante o anuncio do conselleiro de Medio Ambiente de que as empresas de acuicultura van poder instalarse en áreas protexidas como Rede Natura dacordo co Plano Director da Rede Natura, ADEGA advírtelle á Xunta que está a promover, non só actuacións contrarias á lexislación ambiental, senón atentados contra recursos fundamentais para a calidade de vida da poboación e a sustentabilidade futura do litoral galego. É unha inmoralidade alentar ás empresas de acuicultura a especular cos espazos protexidos, degradar uns bens naturais que son de todos e todas para beneficio de moi poucos, e agraviar aos propietarios dos terreos protexidos que ata o momento se lles impediu desenvolver neles calquera outra actividade que non fose a tradicional. A nova non cae por sorpresa para ADEGA, pola desregulación territorial que o país leva sufrindo desde a chegada do goberno de Alberte Núñez Feixóo e pola pouca sensibilidade ambiental e social que os responsables deste Executivo xa teñen demostrado noutras etapas de goberno. Desde ADEGA, manifestamos a nosa intención de seguir traballando para que os plans da Xunta de entregar os espazos protexidos ao capital privado e especulador non cheguen a bo fin.

Dun goberno que suprime a Consellaría de Medio Ambiente para incluír a meirande parte das súas competencias na Consellaría de Territorio e Infraestruturas a cargo dun conselleiro e dun presidente da Xunta de moi destacado historial na degradación do Territorio, agardábase pouca sensibilidade ambiental e a volta á época da especulación e do tráfico de influencias do último goberno de Fraga. Daquela o actual presidente da Xunta estaba á fronte da Consellería de Política Territorial, a cal non tivo reparos para entregar o mellor dos nosos ríos aos monopolios eléctricos e o mellor do noso litoral ao negocio da acuicultura (Touriñán, en Muxía, para Pescanova; Rinlo, en Ribadeo, para Ramón Á lvarez-Cascos).

A maiores das sucesivas modificacións da Lei do Solo de Galiza que avanzaban na desprotección do solo e na legalización da especulación, o Plan de Ordenación do Litoral deixa supeditados os usos do litoral ao desenvolvemento de posteriores Plans Sectoriais (Plan de Acuicultura, eólico, de infraestruturas, de minaría, etc), co cal o que tiña que ser un plan para a ordenación quedou convertido nun mero exercicio literario. Pero ademais modifícase o Plan de Acuicultura da etapa bipartita, non para depurar as súas contradicións, senón para entregar a propiedade do noso litoral ás empresas e ao negocio da acuicultura. Mesmo, recuperan espazos para a acuicultura desautorizados por sentenza xudicial, como é o caso de Rinlo (Ribadeo) onde un recurso de ADEGA ante os tribunais impediu a construción da piscifactoría de Ramón Álvarez-Cascos; ou espazos emblemáticos da nosa costa como é Cabo Touriñán, entregado a Pescanova .

Nada sorprende, por tanto, que o Sr. Agustín Hernández, con motivo da presentación do seu Plan Director da Rede Natura 2000, veña de anunciar que as empresas de acuicultura van poder instalarse (seguir instalándose) en zonas Rede Natura, incluso nas zonas de máis alta protección ambiental. A este respecto, ADEGA lémbralle ao Sr. Conselleiro e a todo o goberno da Xunta, que a conservación e protección dos espazos e dos hábitats naturais non son un artigo de luxo superfluo do que podamos prescindir en tempos de crise, senón un recurso fundamental para asegurar a calidade de vida da poboación e tamén a sustentabilidade ambiental, social e económica de calquera actividade.

ADEGA considera que non merece confianza algunha o criterio baixo o cal os responsábeis do goberno promete compensacións ambientais a cambio de granxas acuícolas no litoral, xa que son os mesmos que no seu día aprobaron as declaracións de impacto ambiental das piscifactorías de Rinlo e Touriñan, sobre hábitats prioritarios sen sequera esixirlle ás empresas cautela algunha. Tamén son os mesmos que recortaron de forma arbitraria e ilegal o ámbito do parque Limia-Xurés ou que aprobaron o proxecto sectorial do parque eólico da Serra do Iribio no Courel sen que a empresa promotora tivese aportado as sete hectáreas de compensación que lle esixía a declaración de impacto ambiental.


Pero non só é unha cuestión de falla de confianza. Desde o punto de vista ambiental non hai alternativas que podan compensar a destrución ou a perda de hábitats e de especies protexidas e moito menos se se trata de hábitats ou de especies prioritarias, que, por definición, son escasos e/ou están en serio perigo de extinción. Os hábitats e espazos protexidos teñen tamén a consideración legal de utilidade pública e resulta indigno que o negocio privado, -sexa a acuicultura, a minaría, a enerxía ou o urbanismo-, poida prevalecer por riba da utilidade pública duns espazos imprescindibles para a protección e conservación da biodiversidade e para garantir a salubridade pública e a calidade de vida. Garantir esta prevalencia é precisamente a pretensión da actual lexislación europea e estatal sobre a Rede Natura ao dispoñer que “En caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritaria, unicamente se poderán alegar as seguintes consideracións: as relacionadas coa saúde humana e a seguridade e a seguridade pública; as relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente; ou outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde, previa consulta á Comisión Europea.”

Por outra banda, ADEGA cre que esta permisividade da Xunta constitúe unha auténtica inmoralidade social e un inaceptable acto de especulación territorial. O goberno está agraviando aos propietarios dos terreos protexidos, aos cales non se lles permitiu outro uso do solo que non fose o uso tradicional, cando os terreos poderían ser completamente arrasado e destruídos polo negocio da acuicultura. Ademais impedíuselles aos propietarios alterar os terreos protexidos para agora serenlle entregados en propiedade ás empresas do negocio acuícola. Desde ningunha moralidade pública minimamente democrática se poden xustificar tales reservas de solo e privilexios de uso a favor da acuicultura.

Fronte as mentiras desta administración (que semella actuar ao ditado das empresas acuícolas), queremos advertir á opinión pública que a protección ambiental e a protección do solo e dos espazos protexidos non constitúen obstáculo algún á recuperación económica. Ben ao contrario, ten sido a desprotección do solo, promovida desde a etapa de Aznar, a que nos afondou máis aínda nos graves problemas económicos que hoxe sufrimos os traballadores e traballadoras deste país.

Por último, ADEGA insta á Administración de Xustiza, a través do Ministerio Fiscal, que en defensa da salubridade social e política investigue o tráfico de influencias que sospeitosamente se puido ter xerado arredor do proxecto acuícola de Cabo Touriñán. Cabe destacar que, malia que a declaración de impacto ambiental do proxecto é manifestamente ilegal, inexplicablemente a Consellaría de Medio Rural e Mar segue a puxar polo proxecto de Pescanova en Cabo Touriñán.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal