ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / De cultivos a pasteiros e finalmente a...

09-03-2017

De cultivos a pasteiros e finalmente a eucaliptais: así conquista o eucalipto o rural galego

As limitacións á forestación das terras agrarias, especialmente con eucalipto, presentes na Lei 7/2012 de Montes baten coa "doutrina" da Dir. Xeral de Montes que considera de xeito sistemático aos pasteiros como terreo forestal. Por esta vía e grazas a unha interpretación torticeira da norma e ao desleixo de Medio Rural, centos de hectáreas agrícolas están virando en eucaliptais.
Isto tradúcese directamente na perda de superficie agraria útil, convetida agora en plantíos de eucaliptos: por volta dunhas 5000 hectáreas só nos dous últimos anos.

Este grave incumprimento do artigo 61 da lei de Montes 7/2012, que establece severos condicionantes para o paso de uso agrícola a forestal, débese á interpretación que os servizos centrais da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal fan do pastoreo, uso regulamentado na mesma norma (art. 86.2: O aproveitamento de pastos polo gando en terreos forestais é un aproveitamento forestal segundo o establecido nesta lei). Deste xeito, para D. X. de Montes  todos os terreos "pastables" son forestais e, portanto, susceptíbeis de seren plantados, mesmo con eucaliptos.

Malia a resultar evidente que a Lei de Montes só regulamenta o aproveitamento de pastos en terreos forestais como un máis dos moitos usos do monte, e a que tamén hai pastos en terreos agrícolas, os responsábeis da consellaría consideran torticeiramente que "todo pasteiro é monte". Esta interpretación está a permitir a forestación mais ou menos encoberta de terreos agrícolas, que pasan de cultivos a pasteiros e finalmente a eucaliptais, sen sequera verse afectados polos condicionantes do artigo 61 (forestación de terras agrícolas), entre os que está a obriga de plantar en exclusiva frondosas autóctonas.

Esta directriz, a "instrución pasteiros" tense xirado dende San Lázaro ás delegacións provinciais e distritos forestais, xunto con outra particular instrución: a de considerar prevalente a clasificación do solo nun PXOM sobre o uso real do terreo. Deste xeito se no PXOM do concello o solo figura como "de especial protección forestal" malia a que o uso real sexa agrícola, Montes permite o "ponteo" do art. 61 e autoriza a súa forestación, mesmo con eucaliptos.

Estas interpretacións espúreas da norma que promove a cúpula directiva de Medio Rural e deben acatar os distritos e delegacións provinciais están a provocar que ducias de denuncias de plantacións ilegais sexan arquivadas. Resultado: a forestación "pola porta de atrás" de milleiros de hectáreas agrícolas con eucaliptos.
Este proceder non é casual: explícase pola total submisión da Xunta ao lobby do eucalipto e a indiferenza fronte ao dspoboamento do rural. Primeiro, promóvese o abandono das explotacións e dos labores agrícolas nas terras produtivas, convertidas no millor dos casos en praderíos. E este abandono fomentado a mantenta, xunto co retorcimento cómplice da norma, trae despois consigo o eucalipto.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal