ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Decreto do eucalipto: as bágoas de crocodilo da...

01-03-2017

Decreto do eucalipto: as bágoas de crocodilo da Xunta

Extensión do eucalipto en 2008 (UVigo)

O rascuño de decreto que supostamente limita os plantíos de eucalipto en determinadas áreas e que está a provocar reaccións a prol desta árbore nos concellos afectados, é pouco ambicioso, ambiguo e na práctica prohibe ben pouco...

Fica claro que a Xunta está preocupada polo eucalipto. Logo de anos de "barra libre" e ollos pechados na administración perante a expansión desta árbore, agora a Xunta semella descobrir que ten un problema con esta especie.
Mais o famoso "decreto do eucalipto" co que pretende, con décadas de retraso, endereitar a situación, na práctica non achega nada novo á prolixa lexislación forestal xa en vigor, normas que a propia Xunta adoita incumprir.

O feito de que a Xunta recoñeza na parte expositiva do decreto, que "a superficie de eucaliptais creceu de forma significativa en Galicia" e que os plantíos de eucalipto superaron de longo a superficie máxima permitida no vixente plano forestal, supón un recoñecemento implícito do problema e do fracaso (intencionado) da planificación forestal.

Porén, e aliás das medidas "cosméticas" de prohibición dos aproveitamentos de acacias e Robinias (ambas as dúas invasoras como o Eucalipus nitens) e do desenvolvemento do (sempre incumprido) catálogo de masas de frondosas autóctonas; este decreto ben pouco contribúe a revertir a desfeita ocasionada pola imparábel estensión do eucalipto.

De entrada, os concellos e colectivos pro-eucalipto non teñen motivo para arrepoñerse contra esta norma: a suposta limitación xeográfica do cultivo do E. nitens xa ficou aprobada na ORDE do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia, contra a que por certo ninguén protestou.
O decreto do eucalipto, portanto, non limita xeograficamente o territorio do E. nitens, senon que mesmo abre a posibilidade de trascender os condicionamentos xeográficos da Orde de 2014, se a Xunta aproba outra orde ad hoc para permitir a un concello aderirse a un determinado modelo silvícola orientativo (art. 4.4). Isto significa que a Xunta ten mans libres para "pontear" a norma de 2014 e permitir o cultivo do E. nitens a discreción. Onde está pois a suposta prohibición? Se acaso, a Xunta introduce máis discrecionalidade no desenvolvemento dunha norma, e como sabemos, cando a excepción é a regra, na práctica non hai regras...

Outro motivo de ledicia para ENCE e os amigos do eucalipto que contén o conflitivo decreto é o feito de eximir de calquera autorización aos plantíos menores de 5 hectáreas (art. 5.1). Como sabemos, moitas das recentes plantacións de E. nitens estanse a producir en pequenas parcelas, moitas veces incumprindo os usos previos e as distancias mínimas, coa comenencia da administración. A Xunta pechou os ollos perante esta problemática que está a provocar unha imparábel eucaliptización das terras de cultivo, ferrado a ferrado. Agora, nen tan sequera van ter que pedir autorización, polo que ademais de cega a Xunta ficará xorda... E tamén muda, xa que para as plantacións de máis de 5 ha que teñan que pedir permiso, o silenzo administrativo implica autorización automática (art. 7.3).

Como colofón, para regocixo dos amigos do eucalipto, a norma que pretende "regular" esta especie permite que masas mixtas de autóctonas sexan reconvertidas en eucaliptais se contan con máis dun 30% de eucaliptos (art. 4.2). Como sabemos, moitos bosques caducifolios están salferidos de eucaliptos debido á expansión incontrolada desta especie (eucaliptos "ventureiros" ou asilvestrados) dende as plantacións. Agora, e a todos os efectos, estas masas de autóctonas en troques de seren "liberadas" das plantas invasoras, son consideradas "sacrificábeis" e poden ser reconvertidas en eucaliptais, continuando coa espiral da invasión.

Como vimos, o lobby pro-eucalipto ten ben poucos motivos para rexeitar este decreto: se cadra o que lles proe é que a Xunta recoñeza nun texto legal que o eucalipto se lle foi das mans e que tense convertido nun grave problema. Por desgraza, o xeito de afrontar este problema por parte da administración lembra moito ás bágoas do crocodilo: láiase da situación mais continúa impasíbel fronte á desfeita do rural galego.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal