ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA pide unha nova avaliación ambiental dos...

18-06-2015

ADEGA pide unha nova avaliación ambiental dos recheos en Sada, Gandarío e Miño

Desbaldimento inútil de cartos

A dimensión do proxecto, tanto técnica como económica, aliás da súa afección aos recursos mariños, aconsellaría unha revisión dunha DIA xa antiga (máis de 5 anos dende que se aprobou).

O proxecto, co que se prevé mover 866.000 m3 de area dende o exterior da Ría de Betanzos-Sada até as praias Grande e Pequena de Miño, Gandarío e Sada, vai supoñer un gasto de 6'1 millóns de €. A mesma Demarcación de Costas recolle na documentación do proxecto que a actuación non vai solucionar definitivamente o problema e que en pouco tempo haberá que intervir novamente e achegar máis area e cartos.
Trátase pois dun gasto inútil, un desbaldimento de cartos públicos que só pretende "adecentar" as praias d ecara ao verán.

Afeccións aos recursos mariños

Esta intervención non só é custosa en termos económicos senón que tamén o é en termos ecolóxicos. Vai causar unha alteración tanto na zona da que se extraerá a area como no ecosistema das praias onde se vai deitar. ADEGA quere recordar que as praias non son linguas estériles de area senón que teñen unha grande biodiversidade, sobre todo de macroinvertebrados, que son animais de pequeno tamaño que están na base da cadea trófica.
Os responsábeis desta obra deberían preocuparde, alén de polo aspecto estético das praias, polos efectos que esta obra pode ter nas zonas de produción pesqueira e marisqueira próximas.

Unha DIA antiga con moias eivas

A Declaración de Impacto Ambiental (DIA) deste proxecto foi elaborada tiña unha validez de 5 anos, que xa venceron. ADEGA cre axeitada a revisión do documento, apesar de que segundo a lexislación actual está vixente.
No propio documento do proxecto recoñécense posíbeis alteracións nos recursos pesqueiro-marisqueiros e nos valores patrimoniais e naturais da zona, motivo polo cal o proxecto sufriu varias modificacións para reducir, en parte, este impacto (non se dragará na zona do Pedrido nin se deitará area na praia do Regueiro).
Sería un bo exemplo de transparencia que a DIA dun proxecto de tal calibre, fose actualizada e puidera ser revisada pola cidadanía, logo dos 5 anos que teñen pasado dende a súa aprobación e das modificacións que se teñen realizado.
Na veciñanza da zona hai grande sensibilidade cara este problema, e noutras ocasións tense xa manifestado contra os recheos realizados na praia de Miño.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal