ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Contencioso contra a Xunta pola chafallada...

03-12-2014

Contencioso contra a Xunta pola chafallada xurídica ao denegar protección para o ameneiral de Sarria

Logo de que a Secretaría Xeral da Consellaría de Medio Ambiente desestimara o recurso de alzada de ADEGA contra a resolución da D. X. de Conservación pola que se denegaba a nosa petición de incluir o ameneiral de Sarria no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, e perante os manifestos vicios e graves infraccións legais cometidas pola Xunta neste expediente, ADEGA (co apoio da Plataforma Sarriana polo Río) vén de interpoñer un recurso contencioso-administrativo no TSXG.

Unha chafallada administrativa propia doutros tempos

Algunhas das irregularidades cometidas pola administración neste procedemento e que ao noso entender anulan completamente a resolución, son as seguintes:

-Excluir unilateralmente da convocatoria e deliberacións dun órgano consultivo colexiado a un dos seus membros: A D. X. de Conservación excluíu á representante de ADEGA no Comité das Árbores Senlleiras do que forma parte como membro de pleno dereito, privándoa da convocatoria, de participar nas sesións e de exercer o dereito ao voto, sen respaldo legal algún e infrinxindo os preceitos invocados e tamén o art. 4 do “Réximen de funcionamento” do propio Comité. A Administración xustificouse en que ADEGA estaría incursa en causa de abstención ou recusación, esquecendo que a abstención é unha decisión voluntaria do propio interesado, e dende logo ADEGA nunca formulou a súa abstención no presente expediente. En canto á recusación, no expediente non existiu trámite algún de recusación malia a ser un procedemento legalmente establecido no art. 29 da Lei 30/1992 de Procedemento Administrativo, que fixa a audiencia do recusado e a resolución sobor da recusación, sen que tais xestións se tiveran realizado. Trátase pois dunha ilegalidade e unha arbitrariedade inauditas por parte da Xunta.

-Inexistencia de informe do Comité das Senlleiras nin reunión formal deste órgano: No canto de reunir o Comité, a Directora Xeral de Conservación preferiu ignorar a regulación legal (art. 7.1 do Decreto 67/2007 que regula o Catálogo das Senlleiras) sobre a formación da vontade de dito órgano consultivo, e substituiu a reunión, a acta desta e o propio informe por un intercambio de correos electrónicos entre algúns –non todos- membros do Comité. Tais feitos son unha palmaria infracción dos arts. 26 e 27 da Lei 30/1992, aos que se remite o art. 7.2 do Decreto 67/2007, e como consecuencia, furtouse o preceptivo informe do Comité das Árbores Senlleiras, o que supón outra infracción, desta volta do art. 6.c) do Decreto 67/2007.

-Substituir unha reunión formal dun órgano colexiado por consultas informais e por riba sen o quorum preciso: Para a válida constitución dun órgano colexiado coma o Comité de Árbores Senlleiras, é necesario que concorran cando menos a metade dos seus membros (art. 26.1 da Lei 30/1992). No procedemento, á suposta reunión mediante correo electrónico únicamente "concorriron" e contestaron 5 membros dos 11 que compoñen o Comité, polo cal é evidente que non se acadou o quorum legalmente requerido, resultando que o pretendido acordo do Comité é nulo tamén por este motivo.

Estas son só algunhas das irregularidades e ilegalidades que salfiren o vergoñento proceder da administración neste asunto. Saltándose a lexislación, a D. X. de Conservación pretendía asinar a sentenza de morte dun espazo natural senlleiro e que ela mesma debería encarregarse de protexer.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal