ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Consellaría de Medio Ambiente favorece a corta...

01-10-2014

A Consellaría de Medio Ambiente favorece a corta do ameneiral do río Sarria

ADEGA e a Plataforma sarriana polo río critican en forma e contido o desestimento da Consellaría de medio ambiente do recurso de alzada interposto por ADEGA contra a denegación de inclusión do ameneiral do río Sarria no Catálogo galego de árbores senlleiras.

O pasado 25 de setembro o Secretario Xeral Técnico da Consellería, por delegación da Conselleira de Medio Ambiente, Dª Ethel Vázquez, desestimou o recurso de alzada interposto por ADEGA contra a denegación de inclusión no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras do ameneiral das ribeiras do río Sarria no seu treito urbano ao seu paso pola vila do mesmo nome.

A resolución non foi comunicada a ADEGA até o 29 de setembro. Pero antes, con toda probabilidade, foi transmitida aos compañeiros de partido: á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e ao Sr. Alcalde de Sarria, ningún deles parte neste procedemento. Só así se explican as declaracións do Sr. Alcalde de Sarria aparecidas na prensa do 27 de setembro anunciando unha maior actividade das obras a partir desta semana. ADEGA aínda non sabía que o seu recurso de alzada tiña sido resolto. Pero o Sr. Alcalde de Sarria xa estaba ao tanto.

Polo demais, a resolución deixa en mal lugar á Dirección Xeral de Patrimonio, porque unha das escusas para non catalogar o ameneiral do río Sarria como formación senlleira é a de considerar que o feito de estar dentro do ámbito delimitado do Ben de Interese Cultural do Camiño de Santiago non ten relevancia, porque as árbores xa contan coa protección propia da lexislación propia dos BIC e do Camiño de Santiago, que abrangue tamén a protección do entorno arbóreo. Porén, o certo é que a Dirección Xeral de Patrimonio nada fixo para protexer o ameneiral situado dentro do BIC do Camiño de Santiago, tolerando a corta de árbores á beira mesma do Camiño sen tomar medida algunha pese ás reiteradas denuncias cursadas.

A tramitación da solicitude de inclusión do ameneiral de Sarria no Catálogo de Árbores Senlleiras, e a propia resolución do recurso de alzada, son exemplos de chapuzas xurídicas que superan todos os límites da desvergoña. Está claro que a Conselleira de Medio Ambiente tiña decidido de antemán non aceptar a inclusión do ameneiral de Sarria no Catálogo de Árbores Senlleiras; pero o que non pode facer de ningunha maneira é pasar por riba da Lei de Procedemento Administrativo para lograr os seus fins, que consisten en facilitarlle a vida á Confederación Hidrográfica para que execute un proxecto que, de ter funcionado os sistemas de control administrativo, non debería ter sido aprobado nunca.

O que non pode facer a Sra. Conselleira, entre outras cousas, é excluír, sen respaldo legal algún, a ADEGA da preceptiva actuación do Comité das Árbores Senlleiras, do que forma parte como membro de pleno dereito, na tramitación dunha solicitude de inclusión dunha formación arbórea no Catálogo. Algunha dúbida debe ter a Sra. Conselleira sobre a legalidade desta actuación cando, a pesar de ser esta a primeira alegación que se fai no recurso de alzada presentado por ADEGA, a cuestión nin sequera se menciona na resolución do recurso.

A Plataforma Sarriana polo Río e ADEGA aproveitan esta oportunidade para reiterar a súa vontade de levar ata o límite a esixencia de responsabilidades persoais derivadas da elaboración, autorización e execución do proxecto de encanamento do río Sarria e doutros procedementos relacionados como o relativo á inclusión do ameneiral do río Sarria no Catálogo de Árbores Senlleiras.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal