ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Multas de 6.900€ e recurte de dereitos por...

16-06-2014

Multas de 6.900€ e recurte de dereitos por defender os nosos bosques

Multados por defender a legalidade e a natureza

A represión das plataformas cívicas que, neste caso, defenden o noso patrimonio ambiental continúa. Desta volta a subdelegación do governo en Lugo iniciou 9 expedientes sancionadores contra outros tantos activistas que protestaban contra a tala ilegal do bosque de ribeira do río Sarria. Acúsanos de "graves desordes públicas" e pretenden multalos con un total de 6.900€.

Resulta lamentábel que sexan as propias administracións, pola vía da represión policial e os feitos consumados, as que incumpren as normas legais para as que despois esixen  respecto á veciñanza.

Dende ADEGA trasladamos novamente a nosa solidariedade coa veciñanza represaliada de Sarria. Resulta moi revelador que sexa a propia cidadanía e as organizacións sociais as que teñamos que adicar tempo e esforzos, mesmo con risco para a nosa integridade física, a defender o noso patrimonio fronte ao desleixo, o engano e a prepotencia das institucións que deberían respectalo.

Poda normativa e recurte de dereitos ambientais

ADEGA promoveu a apertura dun procedemento para a inclusión do bosque de ribeira do río Sarria como formación arbórea senlleira, dada a significación que este ameneiral ten para a cidadanía sarriana.

Como consecuencia directa desta iniciativa, paralizáronse cautelarmente as talas consonte ao disposto no Decreto 67/2007 polo que se cria e regulamenta o Catálogo Galego de Árbores e Formacións Arbóreas Senlleiras. Porén, a Xunta resolveu non aceitar a nosa proposta mediante unha resolución (recorrida en alzada por nula) despois dun procedemento irregular. A obrigada consulta ao Comité das Árbores Senlleiras fíxose excluindo a ADEGA, representante ecoloxista neste organismo, das deliberacións, ocultando portanto os informes técnicos e os argumentos do resto dos integrantes, que só coñecimos "a posteriori". Vaites co organismo consultivo!

Non contentos con vulnerar o procedemento, agora a Xunta vén de trasladarnos unha proposta para modificar o Decreto 67/2007, no senso de recurtar os dereitos ambientais e baleirar de contido o Comité das Árbores, non vaia a ser que a cidadanía e os ecoloxistas lles "metamos outro gol".

A proposta da Xunta traslada a resolución dos expedientes de catalogación ás xefaturas territoriais (antes era competencia da Dirección Xeral de Conservación da Natureza); suprime o informe preceitivo do Comité das Árbores, que pasa a ser facultativo e a criterio da xefatura territorial e elimina a obrigatoriedade de aplicar medidas cautelares, que ficaría de novo a discreción da administración periférica.

En definitiva: Unha poda en toda regra das funcións de consulta e salvagarda do Comité das Árbores Senlleiras, e portanto da participación da sociedade na xestión das nosas árbores, que pasan a ser tuteladas dende as delegacións provinciais. A elas compete tamén autorizar intervencións e podas coma a de Sarria, sen máis criterio que o que decida o xefe de servizo de turno. As nosas árbores senlleiras fican pois na práctica, totalmente desprotexidas.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal