ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA e SomosCedeira esixen un estudo de impacto...

25-02-2014

ADEGA e SomosCedeira esixen un estudo de impacto ambiental para o recheo da praia da Madalena

Recheos e diques nunha reserva mariña?

ADEGA e SomosCedeira consideramos que é perceptiva a elaboración dun estudo de impacto ambiental previo ás actuacións, xa que  a zona de actuación atópase dentro dun espazo, a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro de Cedeira, protexido por acordos internacionais. Amais do recheo, a construción dunha estrutura fixa -dique de encauzamento do río Condomiñas- como pretende a Demarcación de Costas, esixiría tamén unha avaliación ambiental segundo a lexislación vixente.

Importantes alteracións

As actuacións de Costas van supoñer unha alteración grave do ecosistema da praia-enseada de Cedeira. Ao soterramento das comunidades faunísticas provocada polo deitado da area, haberá que engadir a alteración do pH, ao usar para o recheo area de canteira. Estes áridos son de composición silícea mentres que a area da praia da Madalena é de natureza calcárea organóxena (restos de cunchas) o que podería provocar o descenso do pH da auga e unha alta mortalidade.

Construindo a toda costa...

Descoñecemos tamén as consecuencias que terá para a enseada a construción do dique (xa que o documento da Demarcación de Costas non o analiza), pero sumaranse ás xa provocadas polas diversas estruturas mariñas esistentes (porto pesqueiro, paseo marítimo, et). Esta política de construír no mar sen mirar as consecuencias é a causante da desaparición da area na praia, polo que unha nova construción non semella que vaia solucionar o problema, podendo mesmo acrescentalo. O que sí vai aumentar a construción do dique de encauzamento será a artificialización e o deterioro desta zona natural.

Desbaldimento de cartos públicos

Alén de consecuencias para o medio ambiente, as actuacións de Costas repercutirán tamén nos petos de toda a cidadanía: O custo será de case 1 millón de €. Sería o terceiro recheo dende o ano 2001, e nada nos fai pensar que nun futuro, tal como aconteceu en moitos outros lugares da costa, non vaia haber actuacións semellantes. A estes gastos haberá que sumarlle tamén as consecuencias indirectas –lucro cesante- provocadas polo deterioro dos recursos pesqueiros: Construír enriba dunha reserva mariña podería repercutir á baixa nas capturas e no banco marisqueiro natural de berberecho fronte ao río Condomiñas.

Pola retirada dun proxecto chafalleiro

En consecuencia, ADEGA e SomosCedeira solicitamos a retirada deste proxecto e pedimos ademais que a "Memoria resumen" que elaborou a Demarcación de Costas en Galiza, sexa devolta a esta entidade por non cumprir co mínimo esixible a un documento destas características.  Aparte de utilizar como referenza unha lexislación obsoleta, non achega datos sobre as consecuencias das actuacións, nin propón alternativas reais a este recheo e o propio documento recoñece eivas na caracterización da zona de actuación. Ademáis, existen numerosos erros ao logo de todo o documento (na elección do método de mostraxe, na nomenclatura científica empregada, etc) que o fan inaceitábel como documento inicial para un proceso de avaliación ambiental.

Por último, solicitamos que se constitúa dun grupo interdisciplinar (formado pola administración, investigadores, axentes sociais locais e cidadanía en xeral) que se encargue da elaboración dun estudo detallado do medio baixo unha visión integral e un plano de usos respectuoso co ambiente e cos recursos do litoral.

Fotos: SomosCedeira e Ollaparo.com

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal