ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Alerta biolóxica: Desembarcan en Galiza as...

19-02-2014

Alerta biolóxica: Desembarcan en Galiza as granxas de visóns prohibidas en Europa

A espantada cara Galiza das pelexeiras europeas pon en risco a nosa biodiversidade

Sobrado, Agolada, A Estrada, Oza dos Ríos, Oia, Forcarei... Por todo o país agroman as solicitudes para instalar novas granxas pelexeiras de visón americano. Perante a recente prohibición destas instalacións en moitos países europeos (Holanda, Reino Unido, Alemaña, Suíza, Austria, Croacia...) empresas de capital holandés, británico ou finés como Grislee International Furs, Celtic Mink ou Saga Furs, entre outras,  buscan abrir novas granxas en Galiza.

O noso país xa concentra o 80% das granxas de visón americano do estado, especialmente nas provincias de Pontevedra e A Coruña polo clima máis favorábel para a cría desta especie.

O grande número de instalacións, as fugas e o alto potencial invasor da especie, levaron a que o visón americano xa se reproduza en liberdade en Galiza, causando graves danos á nosa biodiversidade. Esta especie é un predador xeralista que ocupa múltiples hábitats e compite polos recursos cos carnívoros autóctonos como a marta, a xeneta, a denociña ou a lontra.

Cañete amnistiou a especies invasoras polo seu interese comercial

nada máis chegar ao poder, o PP modificou o catálogo español de especies invasoras para amnistiar á troita "arco iris", o "black bass" ou o cangrexo americano, e permitir o seu aproveitamento comercial. No caso do visón americano e debido ás presións da industria pelexeira, autorizouse a súa cría "nos territorios onde non compita co visón europeo".

Mais como sinalaron científicos e conservacionistas, a permisividade co visón americano pon tamén en risco outras especies autóctonas, mesmo en perigo de extinción, como a auganeira (Galemys pyneraicus) ou o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis). Nas Cíes (Parque Nacional) a predación por visón americano é unha das principais causas do devalar do corvo mariño cristado (ver foto).

O visón americano pode tamén ser portador de enfermidades como a toxoplasmose, a enterite vírica, o botulismo C ou a pneumonía hemorráxica que, alén de afectar a especies autóctonas como a lontra, poden contaxiarse ás persoas.



A Xunta debe prohibir novas instalacións e considerar ás existentes como de alto risco biolóxico

Diante desta avalancha de novas instalacións, mesmo en zonas de ampliación da Rede Natura 2000, ADEGA solicita da Xunta que, tal como aconteceu en moitos países de Europa, non autorice máis granxas de visón en Galiza.

A administración debería considerar tamén ás existentes como instalacións de alto risco biolóxico para a biodiversidade e a saúde humana, obrigándoas a dispoñer de medidas efectivas de contanción.

Alén de seren lugares de sufrimento e innecesaria crueldade cos animais para uso exclusivo da industria do luxo, moitas destas granxas son pouco máis que galpóns cun peche de bloques ou arame.

As lamentábeiss condicións de vida (e morte) dos visóns nestas granxas, a ameaza que supoñen para a biodiversidade e os custos que ocasiona a erradicación dos animais silvestres, xustifican sobradamente unha inmediata moratoria para novas solicitudes ou ampliación.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal