ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Día Mundial dos Humidais: Móllate e faite...

30-01-2014

Día Mundial dos Humidais: Móllate e faite protagonista da súa conservación!

O 2 de febreiro celébrase o día dos Humidais, comemorando a convención celebrada en 1971 na cidade de Ramsar, na que varios países asinaron un documento en prol da conservación dos Humidais para manter a súa biodiversidade e seguir aproveitando os beneficios ecosistémicos que nos ofrecen.

Dende aquel entón, téñense dado pasos adiante mais tamén atrás na conservación destes valiosos ecosistemas. No Estado existen hoxe en día 74 Humidais protexidos baixo esta figura que cubren 303.090 hectáreas. Galiza conta con 5 destes humidais Ramsar: Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira; Rías de Ortigueira e Ladrido; Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; Lagoa e areal de Valdoviño; Ría do Eo.

Porén a meirande parte dos humidais non son grandes lagoas se non que están constituídos por pequenas zonas húmidas como brañas, turbeiras ou charcas que acubillan unha importante biodiversidade e desenvolven un papel fundamental na regulación do ciclo da auga. En xeral estes ecosistemas foron tradicionalmente esquecidos e pouco valorados e como consecuencia atópanse desprotexidas.

O pasado ano ADEGA comezou unha nova liña de actuación, o proxecto "Charcas con Vida", coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura  Alimentación e Medio Ambiente, en convenio co Centro de Investigaçao en Biodiversidade e Recursos Genéticos do Porto (CIBIO), e co apoio da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza. Unha iniciativa de voluntariado, educación ambiental e custodia do territorio que nos levou por todo o País involucrando a unha manchea de voluntarias e voluntarios.

Charcas con Vida conta con tres liñas de acción principais: 

  • Divulgación da importancia e dos valores das charcas         
  • Creación dunha rede cidadá para o seu estudo e inventariado        
  • Actuacións de construción e recuperación de charcas mediante acordos de custodia do territorio e voluntariado ambiental

Colabora co inventario: Entra en www.charcasconvida.org e engade a túa charca!

Inventario Galego de Charcas

"Charcas con Vida" conta tamén cunha plataforma web con novas do proxecto e información sobre estes pequenos ecosistemas. Unha das utilidades nas que podes colaborar é o Inventario de Charcas. Esta ferramenta permite que calquera persoa introduza a localización e os datos dunha charca, amáis algunha foto, dun xeito rápido e doado. O obxectivo é inventariar grazas ao voluntariado os pequenos humidais galegos. Son moitas as charcas que xa aparecen nel, pero queremos que sexan moitas máis. Se coñeces algunha charca, pilón, braña, ou zona inundada podes engadila nesta listaxe:

Entra na web e engade a túa charca

Ligazón ao inventario de charcas de Galiza







Charcas con Vida conta con tres liñas de acción principais:

  • Divulgación da importancia e dos valores das charcas
  • Creación dunha rede cidadá para o seu estudo e inventariado
  • Actuacións de construción e recuperación de charcas mediante acordos de custodia do territorio e voluntariado ambiental

Divulgación da importancia e dos valores das charcas

ADEGA desenvolve numerosas accións divulgativas para facer fincapé na importancia destes ecosistemas e a súa nula protección. As charcas son espazos moi valiosos que albergan unha importante biodiversidade, ás veces rara e ameazada, pero que non contan con figura de protección algunha.

Unha rede cidadá para o inventario e estudo das charcas

Contamos con material educativo para a inspección de charcas e actividades que permiten coñecer a súa hidromorfoloxía e identificar a biodiversidade que albergan, tanto de fauna coma de flora. Até hoxe son 20 os grupos que se sumaron á iniciativa, inspeccionando charcas por todo o País. Centros de ensino, particulares, asociacións culturais, campamentos de verán, comunidades de montes, etc. que suman xa máis de 200 participantes. Ti tamén podes facer parte desta rede!

Construción e recuperación de charcas mediante custodia do territorio e voluntariado ambiental

En 2013 Charcas con Vida conseguiu crear e recuperar charcas en 7 lugares de Galiza e a comarca veciña do Bierzo, participando da man de particulares, universidades, concellos, centros de ensino e asociacións de todo tipo. Nestas actuacións grupos de voluntariado ambiental traballaron para crear novas charcas ou recuperar puntos de auga como pozas de rega, ou barreiras abandonadas. Estas actuacións permitiron poñer en valor e dar a coñecer estes ecosistemas tan valiosos. ADEGA asinou acordos de custodia do territorio, permitindo un compromiso por parte daquelas persoas propietarias dos espazos onde se crearon charcas. Nestas actuacións participaron máis de 200 persoas voluntarias

No 2014 Charcas con vida continúa. Únete!

En 2014 queremos seguir ampliando o noso compromiso coas charcas, respostando ás demandas de máis actividades de voluntariado e inspeccións. Convidámosvos a unirvos a este proxecto, a contactando con ADEGA para seguirmos inspeccionando, descubrindo, recuperando e construíndo charcas. Os nosos humidais precisan de ti!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal