ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O Ministerio dinamita o procedemento de...

06-04-2022

O Ministerio dinamita o procedemento de avaliación ambiental dos proxectos de renovábeis

Zonificación estatal enerxía eólica en Galiza

Un decreto estatal suspende por tres anos (até decembro de 2024) a tramitación ambiental dos parques eólicos e centrais solares, substituíndoa por un informe de parte sen consulta pública. Asemade, redúcense e concéntranse os prazos e trámites, tal como fixera Feijóo coa lei de "depredación".

O Real Decreto-Lei 6/2022 polo que se adoptan medidas urxentes no marco do Plan Nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína, trae un agasallo envelenado para o medio ambiente galego. No seu Capítulo III e en en só 2 artigos, o Goberno de España elimina a tramitación ambiental dos proxectos de enerxías renovábeis de competencia estatal e até os 75 MW de potencia, substituíndoa por un "informe de determinación de afección ambiental". Este documento, de ser favorábel para a empresa solicitante será equiparábel a unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental), coa difereza de que non foi sometido a consulta pública.

Esta manobra permitirá ás empresas enerxéticas unha tramitación "express" dos seus proxectos, dificultando aínda máis a participación da veciñanza, colectivos sociais e concellos na tramitación de parques que atinxan ao seu territorio, e ficando sen apenas marxe para poder defender os seus intereses. Na xustificación desta medida de excepción, o Goberno de España refírese á crise provocada pola guerra de Ucraína e á necesidade de "acelerar a descarbonización e reducir a dependencia enerxética". A supresión do trámite de AIA apóiase nunha "porta traseira" (art. 4) deixada na Directiva 2011/92/UE de Avaliación de Impacto Ambiental.

Maior desprotección ambiental e maiores prebendas para o oligopolio eléctrico

Zonificación estatal enerxía eólica en Galiza

As condicións que establece este RDL 6/2022 para os proxectos potencialmente "exentos" de avaliación de impacto sinalan que esta fórmula do informe en substitución da DIA é aplicábel só a aqueles parques con menos de 15 quilómetros de liñas de evacuación, menos de 75 MW de potencia eólica (ou 150 MW de solar), que non estean en Rede Natura 2000 ou no mar, e que fiquen dentro das áreas de sensibilidade "baixa" e "moderada" da "Zonificación ambiental para a implantación das enerxías renovábeis" elaborada polo propio Ministerio.

Este mapa de zonificacion elaborado polo MITERD sen participación pública e definido como "una aproximación metodológica orientativa para conocer desde fases tempranas los condicionantes ambientales asociados a las ubicaciones de los proyectos" estase a aplicar, de facto, como se fose un instrumento de planificación territorial pois pretende determinar as zonas máis e menos sensíbeis para a implantación de proxectos eólicos e fotovoltaicos. Así pois, divide o territorio do Estado en áreas de sensibilidade "baixa", "moderada", "alta", "moi alta" e "máxima" en función dunha serie de indicadores que poden ser "excluíntes" ou "de ponderación". Entre os primeiros atópanse as zonas urbanas, masas de auga, RN2000 e outros espazos protexidos, humidais, zonas núcleo das Reservas da Biosfera, áreas críticas para a conservación de espacies (con planos aprobados), Camiño de Santiago e vías pecuarias.

Acontece que en Galiza, por obra e graza da Xunta, temos a Rede Natura 2000 máis cativa de todo o Estado (non chega ao 11%); os humidais protexidos cóntanse cos dedos dunha soa man e só 4 das 200 especies ameazadas contan cun plano de conservación ou recuperación aprobado. Como consecuencia deste secular desleixo da Xunta pola conservación ambiental, o Ministerio incluíu como aptos espazos tan sensíbeis como a Serra do Suído, as Chans do Barbanza ou a Lagoa de Alcaián, entre outros moitos incluidos nas propostas de apliación da RN2000 que a Xunta nunca quixo aprobar e que deste xeito fican no albo da especulación eólica.

Aínda máis recurtes de prazos para a tramitación e a participación pública

Remedando o lexislado por Feijóo en Galiza cos "proxectos de especial interese, o Goberno de España introduce tamén a posibilidade dun procedemento "express" ou de urxencia para os proxectos de renovábeis que obteñan ese "informe de determinación ambiental" favorábel. Para estes, os prazos redúcense á metade tanto os de tramitación como os de exposición pública, unificándose trámites (informes sectoriais, autorización previa, proxecto de execución, utilidade pública...) e mesmo considerando a falla de resposta dalgún organismo como favorábel.

A inmitación de Feijóo en Galiza coas súas leis de "depredación", o Goberno de España vén de perpetrar unha das maiores rebaixas das garantías ambientais e da participación pública na tramitación de proxectos de xeración eléctrica. Coa excusa dunha rápida descarbonización e transición enerxética, póñense en perigo máis espazos naturais e ecosistemas moi sensíbeis, chave para o amortecemento dos impactos desa mudanza climática que primeiro ignoraron e agora teñen presa por remediar. De novo o medio ambiente e a cidadanía quedan fóra desa suposta "transición verde" que só beneficia aos intereses especulativos do oligopolio eléctrico, en cuxos consellos de administración sen dúbida acabarán os responsábeis de propoñer estas vergoñentas medidas.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal