ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Conselleira de Medio Ambiente abandona...

27-01-2022

A Conselleira de Medio Ambiente abandona precipitadamente a xuntanza do COGAMADS bloqueando a votación da moratoria eólica

Ángeles Vázquez. Xunta de Galiza

Compostela, 27 de xaneiro de 2022. Ao longo da tarde de onte tivo lugar unha sesión do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel (COGAMADS) que, canto menos, evidenciou certo nerviosismo na Consellería de Medio Ambiente no tocante á oposición social e condenas xudiciais que están poñendo en evidencia os abusos que hai detrás da invasión eólica do noso territorio.

A petición de distintas entidades sociais, entre as que figuran o Sindicato Labrego Galego- Comisións Labregas (SLG-CCLL), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), na orde do día foi incluído o tratamento dun punto sobre eólicos.

Logo de realizar a súa intervención, o vogal do SLG-CCLL no COGAMADS, Diego Sánchez Agra, solicitou, co apoio de ADEGA, FEG e SGHN, a votación do Consello para emitir un “Acordo” sobre a necesidade de paralización dos informes e concesións de parques eólicos até que o Plan Sectorial Eólico de Galicia -que data do ano 1997 e non foi sometido á avaliación ambiental estratéxica que obriga a Lei- sexa revisado e sometido a avaliación. Esta posición instaría tamén ao establecemento de criterios de avaliación que eviten o fraccionamento dos proxectos -e, por tanto, a emisión de informes parciais sobre os seus impactos-, así como a promover un cambio na lexislación para a mellor protección da cidadanía, o medio ambiente e o patrimonio. Polo que afecta á protección do territorio e ós valores medioambientais, subliñamos que este acordo debería facer mención explicita á necesidade de derogar as Leis de Depredación (5/2017 e 9/2021).

En segundo termo, e tendo en conta que entre as funcións do Consello está informar e elaborar propostas sobre cuestións de sustentabilidade a iniciativa propia dos seus membros, solicitamos levar tamén a votación a elaboración por parte do COGAMADS dun informe sobre o encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego.

Sen embargo, a Conselleira de Medio Ambiente, presidenta do COGAMADS, eludíu tramitar a solicitude abandonando precipitadamente a xuntanza ante a sorpresa e indignación das asistentes, quedando mesmo sen tratar o último punto da orde do día da reunión.

Ao tempo que expresamos o malestar do SLG-CCLL, ADEGA, FEG e SGHN diante deste comportamento por parte da Conselleira, pedimos a constancia en acta das dúas solicitudes de votación realizadas, as irregularidades no peche abrupto da sesión, e a convocatoria á maior brevidade posíbel dun pleno extraordinario do COGAMADS para tratar as propostas bloquedas pola conselleira Ángeles Vázquez. Habida conta que a anterior conselleira de medio ambiente, Beatriz Mato, pasou directamente do seu cargo como responsable medioambiental a traballar en Greenalia, unha das empresas eólicas que máis presión está a exercer sobre o noso territorio, dende o SLG, ADEGA, FEG e SGHN advertimos que imos estar moi atentas á tramitación das solicitudes de votación bloqueadas no día de onte pola actual conselleira da área.

Cal é o papel da Consellería fronte ás irregularidades no sector eólico?

Os representantes do SLG-CCLL, ADEGA, FEG e SGHN no COGAMADS, instaran xa nas súas intervencións previas á Consellaría de Medio Ambiente a actuar fronte ás ilegalidades cometidas polas empresas enerxéticas e postas de manifesto nos últimos días por parte dos tribunais de xustiza. O incumprimento da normativa medioambiental comunitaria reducindo de 30 a 15 días de exposición pública os proxectos con impacto directo na poboación, e a externalización de servizos de avaliación de impacto patrimonial que deberían ser realizados pola Administración pública, son dúas das sentenzas xudiciais máis recentes.

Canda estas praxes ilegais, os vogais chamaron a atención tamén sobre a recurrente táctica de fraccionar en varios proxectos os parques eólicos que comparten subestacións ou liñas de evacuación, sendo na práctica un macroparque eólico. “Fíxose algún informe desfavorable por fraccionamento? A nós non nos consta, e existen pronunciamentos xudiciais de ilegalidade deste tipo de prácticas. Non recoller estas casuísticas nos informes sectoriais desta Consellería pode ser tildado mesmo de prevaricación”, salientaron.

A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais en Galicia e a Lei 9/2021, de 25 de febreiro, de Simplificación Administrativa e de Apoio á Reactivación Económica de Galicia, renomeadas pola cidadanía como “as leis de depredación”, e fortemente contestadas dende os ámbitos sociais por restrinxir os dereitos da poboación afectada por proxectos industriais, son responsábeis de ter alentado os abusos condenados agora polos tribunais. “Como se está a tratar este aspecto dende a Consellería? Hai sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza conforme os prazos de exposición non poden ser reducidos”, inquerimos dende as organizacións sociais. Interpelando directamente á Conselleira Ángeles Vázquez, cuestionamos o papel de “mera espectadora” da Consellería, fronte a unha accionar por parte da área de Industria que entra en obvia colisión cos ámbitos de protección medioambiental.

Abondando nesta situación, as organizacións sociais chamamos a atención sobre o preocupante informe da Comisión Técnica Temporal sobre Enerxía Eólica e Paisaxes Culturais do Consello da Cultura Galega (CGG) emitido o pasado decembro, no que urxía a realizar unha revisión inmediata do Plan Sectorial Eólico, e de xeito específico en todo o relativo ás avaliacións ambientais estratéxicas, Directrices de Ordenación do Territorio, Directrices da Paisaxe, novos espazos da Rede Natura, recursos hidrolóxicos -neste momento apenas se están tendo en conta-, o patrimonio cultural e a conectividade entre o espazo social e medioambiental. Ademais, destacamos a necesidade de contar con datos de seguimento de impacto dos parques xa en funcionamento, como por exemplo a nivel de mortandade de aves e outros animais ou afectación a augas subterráneas e superficiais.

A invasión eólica dos nosos montes está a impactar tamén directamente na destrución de terras agrícolas, masas forestais e pasteiros. Ademais de limitar a súa función principal -a produción de alimentos e materias primas-, a instalación masiva de plantas enerxéticas está a rachar coa función de conservación das montañas e masas forestais, eliminando sumidoiros de carbono.

Ante a situación de desprotección do noso medio rural, e o rol absolutamente feble da Consellería de Medio Ambiente fronte ás estratexias de Industria -cando non directamente facendo deixación das súas obriga, como no caso da negativa a tramitar as votacións solicitadas onte-, o SLG-CCLL, ADEGA, FEG e SGHN cuestionamos á conselleira como consideraba que ía ser posible integrar este plan sectorial depredador dentro de liñas de traballo da súa Consellería, tales como a tan publicitada Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia.

Máis información:
Diego Sánchez Agra, vogal do SLG-CCLL no COGAMADS (Tlf: 608 175 565)
Fins Eirexas, vogal de ADEGA no COGAMADS (Tlf: 661 993 406)
Serafín González, vogal da SGHN no COGAMADS (Tlf: 626 595 593)
Benito Andrade, vogal da FEG no COGAMADS (Tel. 636281252)

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal