ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O Couto da Eirexiña, un proxecto de custodia do...

17-03-2019

O Couto da Eirexiña, un proxecto de custodia do territorio de ADEGA Vigo

#CoutoDaEirexiña

Que é o Couto da Eirexiña?

O Couto da Eirexiña é un proxecto de custodia do territorio que se establece entre a comunidade de montes da parroquia de Rebordelo (Cerdedo-Cotobade) e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a través da súa delegación de Vigo. O proxecto conta cunha superficie total de 157,6 hectáreas custodiadas, e o seu principal obxectivo é a conservación e a posta en valor do patrimonio natural e cultural da parroquia.

Deste xeito naceu o proxecto do Couto da Eirexiña, cuxa principal liña de acción céntrase no voluntariado e na educación ambiental, ferramentas que consideramos clave para o coñecemento e a protección do medio natural.

O bosque autóctono, un patrimonio a conservar

En Galiza, o bosque atlántico é un patrimonio de enorme valor medioambiental, capaz de achegar ao medio e á sociedade unha gran cantidade de recursos ecosistémicos. A súa conservación é clave tanto para sustentabilidade do territorio como para a biodiversidade do lugar.

Por estes motivos, unhas das principais liñas de actuación do Couto da Eirexiña son a realización de accións de educación e voluntariado ambiental encamiñadas á recuperación, conservación e posta en valor dos bosques autóctonos.

Deste xeito, as repoboacións con árbores autóctonas, a eliminación de Especies Exóticas Invasoras (EEIs) como o eucalipto ou a acacia negra, ou a promoción dos valor naturais destes ecosistemas, son algunhas das actividades principais que desenvolvemos desde o proxecto.

E para acadar estes obxectivos, tamén estamos integrados en rede con outras iniciativas coas que colaboramos activamente, como son Cousa de Raíces e as Brigadas Deseucaliptizadoras.

En defensa dos ríos e das charcas

Os sistemas fluviais, riparios e os bosques de ribeira son ecosistemas de gran biodiversidade, tanto polas súas particularidades como pola gran variedade de microhábitats que albergan, mais tamén por teren unha función clave no medio natural: actúan como corredores ecolóxicos capaces de dar continuidade aos ecosistemas, contrarrestando así a fragmentación do territorio.

Pola súa banda as charcas son pequenas masas de auga que conforman ecosistemas de gran importancia, non só porque constitúen o hábitat de numerosas especies de flora e fauna, senón que diversifican a paisaxe, favorecen a biodiversidade e actúan tamén como corredores ecolóxicos.

Deste xeito, algunhas das actividades que desenvolvemos desde o Couto da Eirexiña son as inspeccións do estado ecolóxico do río Almofrei a través do Proxecto Ríos e a monitorización e recuperación do bosque de ribeira, así como a restauración e seguimento dun sistema de charcas a través do proxecto Charcas con vida.

Coñecendo a biodiversidade

A biodiversidade é un dos principais aspectos máis ameazados ante o actual paradigma de cambio climático. Por outra banda, a fragmentación e a dispersión territorial, a xestión productivista forestal baseada no monocultivo, as Especies Exóticas Invasoras e outras actividades como a caza e a pesca, supoñen un grave perigo para biodiversidade, xa que leva a súa redución, extinción e á perda do equilibrio ecosistémico.

Desde o proxecto do Couto da Eirexiña levamos a cabo estudos de biodiversidade para coñecer a riqueza ecosistémica e de especies presentes no territorio, seguindo a máxima de coñecer para protexer.

Deste xeito realizamos bioblitzs colectivos de descuberta de biodiversidade, e a través de cámaras de fototrampeo, realizamos estudos de mamíferos, contribuíndo así ao proxecto do Atlas de Mamíferos de Galicia.Tamén levamos a cabo un mapeo dos diferentes hábitats presentes ao longo de toda a comunidade de montes, avaliando o seu estado de conservación e así como as medidas a adoptar para acadar o seu máximo potencial.

A posta en valor dun patrimonio comunitario

Unha das accións de actuación do Couto da Eirexiña é a conservación e a posta en valor do patrimonio material e inmaterial da parroquia de Rebordelo. A historia cultural e as xentes do lugar, en interacción coa biodiversidade, a xeodiversidade e os procesos xeomorfolóxicos, conforman a riqueza paisaxística e o legado cultural deste territorio, un aspecto fundamental a protexer e difundir.

Así, a comunidade veciñal de montes en man común de Rebordelo ten un valor incalculable na conformación destes saberes e nas transformacións sufridas no territorio ao longo dos séculos. Isto deu lugar á actual variedades de paisaxes e á distribución de mosaicos nos usos do solo presentes na parroquia.

Por iso, a decisión da comunidade de montes de Rebordelo en realizar unha xestión do terreo comunal baseada na conservación e na restauración dos bosques autóctonos, é unha aposta clara pola conservación colectiva de todo o patrimonio comunitario presente na parroquia.

Queres ser voluntaria/o?

Podes facerte voluntaria ou voluntario do proxecto  enviando un correo electrónico a contacto@coutodaeirexinha.gal ou cubrindo o seguinte formulario.

Agardámoste!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal