ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA celebrará este sábado en Carballo a súa 44ª...

27-02-2020

ADEGA celebrará este sábado en Carballo a súa 44ª Asemblea Xeral

Este sábado, 29 de febreiro, a asociación ADEGA celebrará a Asemblea Xeral Ordinaria Anual na que congrega aos seus asociados e asociadas para dar conta da súa actividade durante o ano 2019, das contas anuais e do informe de organización, ademais de acordar as liñas estratéxicas de traballo para este ano 2020. O encontro, que acada xa a súa  44ª edición, terá lugar durante toda a xornada do sábado no Edificio Fórum Carballo. Os actos festivos da Asemblea estenderanse á mañá do domingo, na que se realizará unha visita guiada pola costa Razo-Baldaio.

Sesións de traballo da 44ª Asemblea Xeral

Na sesión de mañá, que comezará ás 10 horas, ADEGA celebrará previamente unha Asemblea Extraordinaria para aprobar, entre outros asuntos, a modificación parcial dos seus Estatutos. A continuación, iniciarase a Asemblea Xeral Ordinaria na que se presentarán os informes de contas, o balanzo de actuacións de ADEGA durante 2019, o informe de organización e a proposta de liñas estratéxicas de traballo para 2020. Na sesión da tarde, tras un xantar 100% vegano-ecolóxico nas instalacións do Fórum, ADEGA trasladará entre os seus socios e socias o debate sobre a cuestión da transición ecolóxica en Galiza, que se abordará a través de grupos de traballo desde 3 perspectivas ou ámbitos diferentes: a enerxético-industrial, a rural-urbana e dos residuos ou da economía circular. Tamén se aprobarán as propostas de resolución que sexan achegadas polas socias e socios.

Entrega dos Premios Osíxeno e Dioxina 2019

Tras o peche das sesións de traballo e a aprobación das propostas de resolución, será a quenda dos actos festivos da convocatoria. No decurso da Cea de confraternización da 44ª Asemblea Xeral, que se iniciará ás 20 horas no Hostal Río Sil de Carballo, ADEGA fará entrega dos Premios Osíxeno e Dioxina que recoñecen, respectivamente, as mellores e peores actuacións ou actitudes (individuais e colectivas) para o medio ambiente galego durante o ano 2019. Desta volta, as persoas e entidades galardoadas serán:

  • Osíxeno Individual: Manuel García, do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL)
  • Osíxeno Colectivo: Asociación ambiental Senda Nova, de Carballo.
  • Dioxina Individual: O actual Director Xeral de Enerxía e Minas, Ánxel Bernardo Tahoces. Dioxina Colectivo: Os responsábeis da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Tamén se entregará o Premio Osíxeno de Honra a toda unha traxectoria vital a prol da defensa do medio ambiente, que en 2019 foi outorgado á catedrática en bioloxía, docente e política, Elvira Cienfuegos López, quen desenvolveu gran parte da súa carreira de docente na vila de Carballo.

Acudirán á entrega de premios todas as persoas galardoadas cos Premios Osíxeno 2019.

Visita guiada pola Costa Razo-Baldaio

No marco desta 44ª Asemblea Xeral,  o domingo 1 de marzo, ADEGA tamén realizará unha visita guiada á costa de Razo-Baldaio, que incluirá a entrada ao Espazo da Natureza de Oza, de posta en valor do patrimonio natural e paisaxístico da zona. A visita estará aberta ao público xeral, pero será preciso inscribirse previamente para poder participar en: ramses@adega.gal, 981570099.


Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal