ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA Vigo aposta pola peonalización sen túnel da...

19-02-2020

ADEGA Vigo aposta pola peonalización sen túnel da zona vella de Vigo

#VigoSenFumes


ADEGA Vigo, xunto con Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Verdegaia, Amigas da Terra e Fridays for Future Vigo, súmase ao manifesto do colectivo Vigo Histórico co fin de demandar outra solución sen túnel para o actual proxecto de peonalización da Porta do Sol. Este proxecto consiste na construción dun túnel para vehículos a motor desde a rúa Policarpo Sanz até a rúa Elduayen, aumentando así o tráfico rodado, o ruído e a contaminación no centro da cidade.

Desde os colectivos asinantes reclamamos unha peonalización integral e sen túnel da Porta do Sol, da rúa Elduayen e do Paseo de Alfonso XII como medida urxente a adoptar polo consistorio vigués. Esta medida respondería a unha política de altura ante a situación de crise climática, ecolóxica e social que estamos a vivir, adaptando o urbanismo e a mobilidade da cidade á Declaración de Emerxencia Climática aprobada polo concello de Vigo o pasado mes de setembro do 2019.

Ademais unha peonalización integral permitiría crear unha zona de baixas emisións, a cal vai ser obrigatoria a partires do ano 2023 en tódalas cidade de máis de 50.000 tal como prevé a futura Lei de Transición Ecolóxica que provén de Directivas Europeas. Tamén, a través da peonalización dáse protagonismo ás peóns e ás ciclousuarias, permitindo así construír unha cidade máis habitable, sostible e segura con medidas e políticas que permitan poñer a vida no centro.

O túnel, unha infraestrutura que só aumentará o tráfico rodado

O concello de Vigo xustifica a construción do túnel co obxectivo de peonalizar a Porta do Sol de Vigo e como medida estrela contra o Cambio Climático. Mais esta infraestrutura non reduce o tráfico, senón que o soterra e aumenta a circulación no centro da cidade favorecendo un efecto funil de vehículos no paseo de Alfonso XII. Ademais esta obra supón un grande impacto visual polas barreiras de saída e entrada do túnel nunha rúa tan estreita como Elduayen, acentuando o ruído e a contaminación neste punto da cidade e afectando tamén a elementos patrimoniais soterrados na zona vella, como a antiga muralla da cidade.  

Ademais as beirarrúas da rúa Elduayen, a máis afectada pola obra, veranse reducidas pola construción das ramplas de acceso restándolle espazo e protagonismo ás peóns. Tamén o túnel imposibilita a construción do carril bici nesta rúa, impedindo así unha futura ampliación desta escasa infraestrutura tan demandada por ciclousuarias que se teñen que enfrontar á elevada violencia vial desta cidade.  

Pola súa banda, o concello de Vigo vai a empregar fondos europeos para a sostibilidade ambiental nun proxecto que non responde a tal fin. En primeiro lugar sería preciso realizar un estudo de mobilidade na cidade, un estudo de impacto ambiental e xeotécnico da obra, así como unha planificación urbana adaptada ao actual contexto de Cambio Climático seguindo ás directrices e leis internacionais que promoven unha mobilidade a pé, en bici e en transporte público. Esta obra non cumpre nada disto, perpetuando así un modelo de facer cidade caduco e que conta cunha importante mobilización social da veciñanza do barrio, artellada a través do colectivo Vigo Histórico.

Outra mobilidade sostible é posible en Vigo

Desde o concello de Vigo, co gallo de adoptar políticas acordes coa Declaración de Emerxencia Climática, tería que apostar por medidas que procurasen unha redución do vehículo privado nos desprazamentos diarios favorecendo os desprazamentos a pé, en bicicleta e en transporte público e colectivo. Unha peonalización integral da zona vella sen túnel respondería a esta lóxica de reducir o tráfico do centro da cidade conectando así os diferentes e fragmentados barrios da zona vella de Vigo.

Mais estas medidas deberíanse acompañar dunha política integral baseada na pirámide de mobilidade, onde as diferentes medidas de mobilidade urbana deberían dar prioridade á mobilidade peonil e ciclista, seguida do transporte público, do transporte de loxística e por último aos vehículos privados como o coche. Como exemplo, a peonalización de rúas principais, a ampliación do carril bici, a pacificación do tráfico a 30km/h ou menos en todo o perímetro urbano, a ampliación e reestruturación do servizo de autobuses serían medidas urxentes a realizar, sen esquecer a necesidade dun tren de proximidade que permitise vertebral unha mobilidade comarcal efectiva e intermodal.

Xuntas pola peonalización sen túnel da zona vella de Vigo!

Por todos estes motivos, os movementos ecoloxistas e sociais da cidade xuntámonos unha vez máis para reclamar a paralización das obras do túnel e apostar por outro modelo de facer cidade pensada para dar resposta á Emerxencia Climática!  

Así, o vindeiro sábado 22 de febreiro terá lugar, ás 12:30h no paseo de Alfonso XII, o #EntroidoEnVerde, un acto reivindicativo onde podes vir disfrazada de árbore para reclamar un #VigoSenFumes.

Durante o evento terá lugar a lectura do comunicado entre os diferentes colectivos asinantes así como unha rolda de prensa co fin de poñer de manifesto todos os impactos ambientais, patrimoniais e sociais do túnel, o cal atravesará como unha fenda a zona histórica de Vigo.

Agardámoste!

Peonalización si! Túnel non!
Non máis fendas no barrio!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal