ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A COP25, un novo fracaso na loita contra o Cambio...

16-12-2019

A COP25, un novo fracaso na loita contra o Cambio Climático

O pasado venres 13 de decembro finalizou a vixésimoquinta Conferencia das Partes (COP, das súas siglas en inglés), o órgano supremo de toma de decisións en materia de mitigación e de redución dos efectos do cambio climático da Convención Marco das Nacións Unidas sobre Cambio Climático (CMNUCC) que se reúne cada ano desde hai 25 anos.

Ante un case fracaso total do cumio, houbo que agardar até onte, domingo 15 de decembro, para pechar un acordo definitivo entre as Partes que resta ambición na loita mundial contra o cambio climático, impedindo neste cumio establecer as medidas necesarias para acadar o obxectivo de emisións cero para 2050.

O contexto no que se desenvolveu a COP25

Esta COP25, presidida por Chile e con sede en Madrid, supuña un novo reto por ser a última COP antes da entrada en vigor do Acordo de París do 2015 no 2020. Neste acordo do 2015 os países membros comprometéronse a realizar as accións necesarias para que a temperatura do planeta non superase a finais de século os 2ºC respecto a niveis preindustriais, e incrementar ao máximo os esforzos para limitar este incremento por debaixo dos 1,5ºC. Lonxe de chegar a acadar estes obxectivos e de cumprir as primeiras follas de ruta que se estableceron antes de 2020, nos últimos anos incrementáronse aínda máis as emisión de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) á atmosfera, acadando a cifra récord de 415 partes por millón (ppm) de CO2 na atmosfera en abril de 2019. Neste contexto a ONU ditaminou que se teñen que multiplicar por cinco os esforzos dos países para limitar o incremento por debaixo dos 1,5ºC. Ao ritmo actual a temperatura vaticinada sería de 3,4ºC máis para 2100.

En canto ao ámbito xeopolítico é salientable a retirada de EEUU (o segundo maior emisor de GEI) do Acordo de París, mentres que grandes países contaminantes clave na loita contra o Cambio Climático como Brasil, China, India, Arabia Saudita ou Rusia, polo xeral, amosan pouco interese ou plans insuficientes para acadar os obxectivos acordados en París. O cumio pechouse tamén coa falta de acordo nesa mesma semana por parte da UE para pechar unha estratexia común europea de emisións cero para 2050 pola negativa de Polonia, país cunha forte industria enerxética baseada no carbón.

Ademais dos estados membros, nas COPs están presentes nas mesas de diálogo sectores da sociedade civil, como organizacións non gobernamentais e empresas. Con estes últimos, permítese a entrada na COP ás multinacionais que constitúen as grandes poluíntes e que empregan estes eventos como unha estratexia de greenwhasing para lavar a súa imaxe, como é o caso de Endesa, a maior empresa contaminante do estado español. Ademais, pasan a ser axentes activos con grande poder de influencia nas negociacións procurando acadar acordos en beneficio do capital.

A COP25, os obxectivos para a ambición que non se materializaron

Nesta COP25 debatíanse aspectos e retos cruciais para a posta en marcha do Acordo de París, entre os que salientaba o deseño da folla de ruta cos pasos a seguir nos próximos cinco anos a partir de 2020. Tratábase de establecer obxectivos e medidas co fin de aumentar a ambición e o compromiso na loita contra o Cambio Climático por parte dos países firmantes para acadar a meta de cero emisións netas en 2050. Esta folla de ruta común para cada país debería terse aprobada nestas semanas para contar co tempo suficiente para que a súa aplicación polo países membros puidese ser avaliada na COP26 de Glasgow, algo que non foi posible consensuar.

Ademais, tratáronse temas de grande importancia como os mercados de carbono, as achegas ao Fondo Verde para o Clima, os mecanismos de danos e compensacións por fenómenos climáticos extremos e o apoio aos países en desenvolvemento para a transición dun novo modelo enerxético. Todo este conxunto de acordos permitiría establecer ás Partes os mecanismos para dar continuidade ao marco técnico desenvolto na COP24 de Katowice no 2018, así como pechar cuestións nas que aínda non había consenso. Infelizmente, moitos destes temas adiáronse para a COP26 do próximo ano con sede en Glasgow, ou ben reduciron a súa ambición ante a incapacidade de chegar a un acordo entre as Partes durante o cumio.

Tamén durante a COP25 a agricultura quedou fóra das negociacións, a pesar da importancia que ten este sector a nivel mundial para lograr o equilibrio ecosistémico e unir estratexias na loita contra o Cambio Climático. Tamén quedou sen acordo o control das emisións do transporte marítimo e aéreo, os cales carecen de plans de redución de emisións, a pesares da gran pegada ecolóxica que teñen estes sectores industriais.

A perverso sistema do mercado do carbono

Un dos temas máis importantes a tratar nesta COP25 consistía en consensuar as regras de aplicación do artigo 6 do Acordo de París, onde se establece a regulación dos controvertidos mercados de dióxido de carbono, que desde ADEGA consideramos unha estratexia perversa que non axuda a poñer freo á emerxencia climática e social, e que ten importantes impactos negativos nos países máis empobrecidos do Sur global. Este mercado de CO2 regula o intercambio de dereitos de emisións de países e empresas para compensar o efecto invernadoiro a través dos “bonos de emisións”. Deste xeito, os países e empresas máis contaminantes que non logren reducir as súas emisións poden comprar os “dereitos sobrantes” daqueles países que cumpren cos seus obxectivos de redución e de límite máximo de cota de emisión.

Na COP25 deberían terse regulado os mecanismos que evitasen a dobre contabilidade de redución de emisións, mediante a cal o país vendedor e comprador de dereitos de emisións suman estes por partida dobre á contabilización das reducións de emisións a nivel global, falseando así a contabilización real de redución de GEI. Tamén un punto controvertido no debate foron os dereitos de emisión existentes antes do Acordo de París e xerados polo protocolo de Quioto, onde países como India, China, India o Brasil queren traspasar estes dereitos acumulados e facer uso deles coa entrada en vigor do Acordo de París que sustituirá ao Protocolo de Kioto de 1997.

A imposibilidade de implementar un acordo común do artigo 6 constitúe un dos escollos  máis salientables desta COP25, obrigando a tratar novamente este asunto na COP26 de Glasgow. Non hai que esquecer que o mercado de CO2 foi tamén un tema controvertido no cumio de Katowice onde se decidiu que se resolvería na recente COP25, polo que a persistente situación de bloqueo resta ambición ao Acordo de París e reduce os diálogos e o clima de consenso para a COP26. Mentres tanto seguen aumentando os niveis de CO2 na atmosfera ante a incapacidade dos gobernos para actuar.

O Fondo Verde para o Clima e a fenda da desigualdade entre o Norte e o Sur global

O Fondo Verde para o Clima, un órgano da CMNUCC para o financiamento de plans de loita contra o Cambio Climático para países principalmente do Sur Global, tampouco conseguiu os obxectivos e a ambición establecida para o 2020, ano de entrada en funcionamento do devandito fondo. Despois da COP25, o Fondo Verde para o Clima non logrou acadar os 100.000 millóns de dólares que os países do Norte global se comprometeran a achegar para ao financiamento deste fondo, comprometendo aínda máis a capacidade de adaptación e de mitigación dos países máis pobres do Sur global aos efectos do Cambio Climático.

Debido á insuficiencia de financiamento do Fondo Verde para o Clima, vese comprometida tamén a dotación orzamentaria do Mecanismo Internacional de Perdas e Danos (WIM) aprobada na COP19 de Varsovia, cuxo obxectivo é facer fronte ás perdas e danos derivados  dos impactos negativos do Cambio Climático. Unha vez máis o Sur global atópase nunha situación de maior desvantaxe e vulnerabilidade de adaptación e supervivencia para facer fronte á crise climática pola avaricia do Norte global.

O Plan de Acción de Xénero: o logro do feminismo nas negociacións

Durante a COP25 aprobouse polas Partes o Plan de Acción de Xénero (PAX), unha folla de ruta que permitirá garantir a igualdade de xénero de xeito transversal, así como fomentar a participación e o liderazgo das mulleres en todas as políticas climáticas que se realicen,m tanto a nivel nacional como internacional, establecendo mecanismos e recursos a través do Fondo Verde para o Clima. Neste texto inclúense ademais o dereito á saúde e os dereitos dos pobos indíxenas, das comunidades locais, das migrantes, das crianzas, das persoas con diversidade funcional e das persoas en situación vulnerable. Aínda así, falta mención explícita á comunidade LGBT+ e á situación de discriminación histórica deste colectivo.

A PAX recoñece no texto a desigualdade de xénero histórica e actual que leva a unha situación de discriminación da muller, e fai ademais mención explícita aos “dereitos humanos” e á “transición xusta”, mencións aos que se opuñan algúns países durante a primeira semana da COP25. Este documento terá avaliacións en 2022 e 2025 polo Órgano Subsidiario de Execución, o organismo encargado de supervisar a aplicación da  Convención Marco de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático.

A outra cara da COP25: o éxito das mobilizacións e do Cumio Social polo Clima

A sociedade civil mobilizada e o ecoloxismo social mostrou unha vez máis a súa capacidade de autoorganización e de transformación mediante a realización do Cumio Social polo Clima, un espazo de encontro de loitas compartidas e sinerxías que se desenvolveu paralelo á COP25. Este cumio contou coa adhesión de máis de 920 organizacións, entre elas a de ADEGA, e nel participaron máis de 15.000 persoas vindas de todo o mundo nas máis de 350 actividades realizadas. Durante o cumio social quedou máis que clara a necesidade de tecer redes ante a actual crise climática, ecolóxica e social que estamos a vivir produto do desigual sistema capitalista. E especial importancia tiveron as comunidades indíxenas como axentes activas na defensa da terra e da Xustiza Social e na loita contra o Cambio Climático.

O cumio social deu comezo o pasado venres 6 de decembro coa gran Manifestación polo Clima, onde o ecoloxismo galego acudiu a través da plataforma do Movemento Galego polo Clima, participando conxuntamente da marcha diferentes asociacións ecoloxistas galegas como ADEGA, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace Galicia, Amigas da Terra, Verdegaia, así como Fridays for Future ou Extinction Rebellion Galiza, entre outras.

Recapitulando a COP25

Desde ADEGA lamentamos este novo fracaso das Partes e das elites para adoptar acordos firmes ante a situación actual de emerxencia climática e social consecuencia directa do poder destrutivo que ten o sistema capitalista. Un novo fracaso na toma de compromisos que dilatará os tempos e atrasará en anos as medidas que os países membros terían que ter xa adoptado neste encontro co fin de poñer freo ao Cambio Climático. Pola contra celebramos a aprobación do PAX e o non acordo referente ao mercado do carbono polas desigualades que este sistema de compravenda provoca nos países do Sur global.

A COP25 reduce así a ambición do Acordo de París, dificultando a súa aplicación e dilatación no tempo, situación que terá resultados catastróficos para os ecosistemas, as especies, así como para acadar a tan necesaria xustiza e igualdade social. Trátase dunha declaración simbólica que deixa na propia iniciativa dos países membros a aplicación de medidas máis ambiciosas para o 2020, e na que non se establecen tempos nin calendarios comúns para a redución dos GEI.  Só 84 países comprometéronse a presentar plans máis duros e ambiciosos para o 2020, estando fóra grandes países contaminantes como China, Rusia, India ou EEUU. Ademais este acordo condena a unha maior falta de mitigación e de adaptación aos efectos do Cambio Climático aos países do Sur global.

Estamos ante un acordo débil, sen ambición e que adía debates importantes para futuras COPs. Todo isto semella que o reto de manter o incremento da temperatura por debaixo do 1,5Cº está lonxe de conseguirse pola incapacidade das Partes de chegar a un pacto global con garantías para evitar o quecemento do planeta e frear así esta situación de emerxencia climática, ecolóxica e social.

O tempo de actuar foi onte!

Agora é hora de poñer a vida no centro!

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal