ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA e a PDRA esixen da Xunta que bote o peche...

27-11-2019

ADEGA e a PDRA esixen da Xunta que bote o peche definitivo ao proxecto mineiro de Touro

Vistas as últimas achegas de Cobre San Rafael ao expediente da mina de Touro, seguen sen resolverse as principais eivas sinaladas por Augas nos seus informes previos. Abonda pois de papelaxe: a que agarda a Xunta para rexeitar o proxecto

A empresa mineira segue inundando os despachos da administración de informes e contra-informes que pretenden alongar de xeito espúreo o inacabábel expediente da mina de Touro. ADEGA e a PDRA (Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa) vimos de avaliar as últimas "entregas documentais" de CSR, en resposta aos demoledores informes que Augas de Galiza emitíu en maio de 2018 e febreiro de 2019.
Nesta última achega documental, a mineira en troques de atender ás demandas máis recentes de Augas no seu informe de febreiro de 2019, a empresa refírase novamente ás consideracións xa emitidas polo organismo de bacía en 2018. Trátase pois da segunda resposta da empresa a un mesmo documento, xa superado pola máis recente resposta de Augas.
Lembremos que Augas de Galiza advertíu que o promotor non achegara novidade algunha na súa primeira resposta, e concluía que polo que atinxe á afección ao medio hídrico,  o nível de detalle do proxecto era insuficiente. A administración hidráulica consideraba finalmente que polas eivas detectadas “non se poida asegurar que o proxecto non vaia causar impactos ambientais significativos”.

Graves omisións, imprecisións e mesmo negativas da empresa a facilitar datos do proxecto

Na súa última achega documental a tónica xeral é que o promotor, en troques de entregar a información demandada por Augas nas súas reiteradas comunicacións, limítase nalgúns casos a describir a metodoloxía; sinalar que a información xa consta en anteriores documentos; ou con moita frecuencia indicar que presentará o requerido “una vez que el proxecto cuente con la Declaración de Impacto Ambiental –DIA- favorable”.

Tal acontece por exemplo co desvío de regos, os encanamentos e pasos, as anulacións das cabeceiras de ríos, as afeccións ás captacións públicas, a modificación da rede fluvial, os caudais ecolóxicos... Precisamente cos caudais ecolóxicos, para os que a Xunta requeríu información detallada, a empresa resposta que “No tiene ningún sentido hacer un estudio de caudales ecológicos en esta fase de solicitud” e que o fará cando se lle conceda a DIA.

Sobre os planos de prevención de accidentes e o de restauración, e malia ás advertencias de Augas de non telos achegado ao proxecto, a empresa segue sen presentalos. Encol do Plano de Emerxencia Interior, CSR indica que o elaborará logo de concedidada DIA, limitándose a describir os contidos e metodoloxía que seguirá para facelo. Encol do Plano de Restauración, a empresa reitera o seu compromiso de cumprir coa lexislación, mais como aponta Augas, tampouco o presenta. Insisten en que “se desarrollarán llegado el momento en los correspondientes proyectos específicos, y considerando los condicionados de la Declaración de Impacto Ambiental”.

Contradicións críticas sobre o manexo dos estériles e o uso dos tecnosolos

Augas de Galiza tiña sinalado importantes eivas sobre cuestións chave para a autorización do proxecto: a natureza e manexo dos estériles e o uso dos tecnosolos. Na súa última resposta, Cobre San Rafael afonda nas omisións e mesmo amosa contradicións críticas, suficientes para inviabilizar todo o proxecto mineiro.

Sobre a aplicación de tecnosolos como principal medida de restauración, Augas advertíu a CSR de que a súa aplicación está totalmente prohibida nas cabeceiras e marxes dos ríos así como nas proximidades de fontes e captacións de augas para abastecemento. Diante desta advertencia, CSR resposta que “Se considera como opción experimental el empleo de tecnosoles en algunas parcelas de reducida superficie dentro de las zonas restauradas durante el desarrollo del Proyecto”. Porén, na documentación do proxecto a empresa insistía en presentar os tecnosolos como unha das principais actuacións de rexeneración. Resulta curioso que a empresa tente agora minimizar o seu uso considerándoos un simples “experimento”.

E sobre a natureza e o manexo dos estériles, Augas demandara coñecer a metodoloxía para identificar e separar os que xeneran drenaxe ácida (PAG) dos que non (NAG). A mineira asegura que, como máximo, só un 50% dos estériles terán capacidade para xerar drenaxes ácidas (PAG) e que a clasificación dos estériles realizarase sobre a marcha logo de iniciado o proxecto. Porén, na diversa documentación do expediente, CSR indicou que “la casi totalidad de los materiales es potencial productor de sistemas con aguas hiperácidas y en menos de un 10% y, solo si es separado en origen del resto de los materiales ricos en S reducido, podría considerarse que el riesgo de hiperacidificación es mínimo."
Fica pois evidente a contradición sobre a natureza dos estériles e o seu potencial contaminante, cuestión chave para avaliar os riscos ambientais e, portanto, a viabilidade da explotación. Deste xeito, todas as medidas de tratamento dos estériles, de contención e mitigación da drenaxe ácida así como as propostas de restauración, son incorrectas, mal dimensionadas ou ineficientes, o que inviabilizaría o proxecto no seu conxunto.

Conclusións: abonda xa de burlas! A Xunta non debe agardar máis para denegar o proxecto mineiro

Na súa contestación a Augas de Galiza CSR non dá resposta á maioría das cuestións demandadas pola administración hidráulica en maio maio de 2018 e febreiro de 2019. Pola contra, a empresa abusa do envío de informes e documentación técnica, por veces duplicada en documentos e anexos, que na súa maior parte non contribúe a solucionar as graves eivas postas de manifesto polo ente público.
Ben ao contrario: a mineira afonda nas gravísimas contradicións que supoñen a caracterización e manexo dos estériles e o uso dos tecnosolos.

O reiterado recurso de invocar a consecución da autorización ambiental (DIA) como condición previa par cumprir coas demandas do ente público, ou o feito de negarse a subministrar algúns dos datos requeridos, apoian a conclusión de Augas de que hai aspectos relevantes “sobre os que non se aporta ningunha novidade”. Mesmo poderiase dicir que a actitude de CSR é non querer cumprir cos requerimentos da administración.

Semella que a empresa pretende criar confusión e xerar dilacións inxustificadas no expediente, dificultando tanto á administración como ao resto das partes implicadas un axeitado seguemento e avaliación do proxecto. Por iso, dende ADEGA e a PDRA demandamos da Xunta que poña fin xa a este "culebrón" administrativo e denegue definitivamente o proxecto mineiro de Touro.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal