ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Denuncia de ADEGA polo baleirado da lagoa na...

22-10-2019

Denuncia de ADEGA polo baleirado da lagoa na canteira de Casalonga: ´restaurar´ o traballo da natureza?

ADEGA vén de denunciar perante o SEPRONA as operacións de baleirado da lagoa da canteira de Casalonga. Logo de anos de abandono, a canteira converteuse nun interesante hábitat húmido que agora a empresa está a "restaurar", sen contar con autorización

As operacións de restauración da canteira de Casalonga recentemente pasaron por un procedemento de participación pública e avaliación ambiental: “Plan de restaurón da concesión de explotación "Casalonga II" Nº 6996”, con número de expediente 2019/0104", e que polo de agora non consta que dende a Administración teña resolto.

ADEGA solicitou a paralización inmediata das operacións de baleirado, das que consta que a data de hoxe, 21 de outubro de 2019, están tendo lugar. Con bombeo e verquido libre, e sen revisión e tratamento, de miles de metros cúbicos de auga cara o exterior da lagoa e pendente abaixo, ocupando en parte as gabias da estrada que cruza a canteira.

A existencia desta lagoa, no interior da canteira, e froito do abandono da actividade fai anos, xerándose alí unha recuperación natural espontánea que deu lugar ao anegamento dos principais ocos da canteira, xurdindo neles unhas lagoas artificiais poboadas de rica fauna e tupida vexetación de ribeira. Hoxe en día ditas lagoas supoñen a mellor expresión dun proceso de restauración ambiental, e de feito existen múltiples experiencias de rexeneración de canteiras que empregan esta técnica.

Consideramos moi grave o baleirado que se está iniciando, e preocupa o impacto que pode ter o baleirado de miles de metros cúbicos de auga nos acuíferos superficiais e subterràneas nesta microconca pertencente à bacía do Sar, dentro do sistema do Ulla, por medio de varios canais de drenaxe.

Dende ADEGA valoramos que dito espazo sexa restaurado conforme a solución ambiental que proporciona a actual situación de rexeneración natural, conservando as lagoas e no posible mellorar as súas condicións coma espazo natural.de interese e ocio, e prohibir o uso de residuos coma material externo pra acometer tarefas de recheo, aproveitàndose os propios da canteira.

Consideramos que esta operación de baleirado vén motivada para que a empresa, sen contar aínda con autorización pra facelo, elimine posibles trabas administrativas coas que poder así acadar o obxectivo de realilzar unha suposta operación de "restauración ambiental" co depósito de até 10 millóns de metros cúbicos de residuos de construción e tecnosolos-lodos, que supón de feito o verdadeiro modelo de negocio da intervención.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal