ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Nova denuncia na Fiscalía polas obras do camiño...

03-10-2019

Nova denuncia na Fiscalía polas obras do camiño de acceso ao paque eólico do Iribio

As entidades ecoloxistas ADEGA e a SGO, en nome da plataforma Salvemos o Iribio, veñen de presentar ante a Fiscalía provincial de Lugo un escrito no que se pide  que o Ministerio Fiscal investigue se a empresa que está a construír o parque eólico Serra do Oribio, Fergo Galicia Vento SL, cumpre coa disposición da Consellaría de Industria que lle prohibe acceder ao cumio da serra a través do camiño que pasa por Airapadrón e Lampazas, no concello de Samos. Desde a plataforma Salvemos O Iribio téñense observado nos últimos días subir camións de obra cara o cumio da Serra polo percorrido polo que prohibiu acceder a Consellaría de Industria. Isto, sumado á evolución que teñen experimentado nas últimas semanas as obras do parque eólico, suxire que a empresa estaría incumprindo tal prohibición disposta o pasado 21 de agosto.

Xa no mes de maio, a empresa Fergo Galicia Vento SL mudara pola súa conta o trazado de acceso ao parque eólico aprobado pola consellaría de Industria de forma irregular e coa conivencia do Concello de Samos, sen ter obtido previamente as autorizacións preceptivas das consellarías de Medio Ambiente e de Cultura da Xunta, así como da propia Consellaría de Industria, poñendo en risco a preservación dun camiño público que forma parte da zona de especial conservación Ancares-Courel e de Rede Natura e que pertence tamén ao BIC Camiño de Santiago Francés.

Mámoa do Fial recortada polas obras

Estes feitos foron denunciados por ADEGA o pasado 14 de agosto, unha vez que puido acceder ao expediente de modificación do proxecto eólico e comprobar que a empresa, nin estaba a respectar o trazado aprobado para acceder ao parque eólico, nin tiña solicitado a modificación de tal trazado no proxecto, a cal debería ser avaliada ambientalmente. En resposta a aquela denuncia, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas vén de confirmarlle a ADEGA que os feitos denunciados son certos e que desde o 21 de agosto a empresa ten prohibido acceder coa súa maquinaria polo trazado modificado, que discorre por Airapadrón e Lampazas (Samos) ata o alto do Iribio. 

Sen embargo, desde a plataforma Salvemos o Iribio estamos a comprobar como as obras seguen o seu curso no cumio da serra, sen que a prohibición de acceso polo trazado non autorizado, emitida hai máis de un mes, pareza ter afectado a evolución das mesmas ou a disposición de maquinaria e de material na zona do poligonal do parque. Desde a plataforma Salvemos O Iribio advertimos que esta non sería a primeira vez que Fergo Galicia Vento SL estaría a actuar sen o permiso da Administración ou en contra das súas disposición, xa que no pasado mes de maio iniciou as obras do parque eólico sen as licenzas e autorizacións previas da Xunta, o que derivou nunha paralización cautelar.

O alcalde de Samos permitiu obrar no acceso ao cumio non autorizado pola Xunta

ADEGA e a SGO tamén solicitan á Fiscalía que investigue se existe responsabilidade penal por parte do rexedor do Concello de Samos, o socialista Xulio Gallego, por permitir a Fergo Galicia Vento SL realizar as obras de “acondicionamento” do camiño que vai por Airapadrón (Samos) ata o cumio da Serra para dar servizo ao parque eólico, sen a autorización previa dos diferentes organismos da Xunta competentes no espazo natural protexido como Rede Natura e BIC Camiño de Santiago. Estas obras comezaron xa a finais do pasado mes de maio, e tras a denuncia de ADEGA e doutras entidades ecoloxistas, tamén foron paralizadas temporalmente polo Concello de Samos por “carecer de toda autorización administrativa” e por realizar “movementos de terras non autorizados en terreos situados na delimitación do parque eólico”, segundo o concello.

Porén, inexplicablemente, o pasado 5 de xullo, o alcalde de Samos levantou parcialmente a paralización cautelar das obras, permitindo á empresa continuar sen licenza municipal coas obras do camiño desde Airapadrón ao longo de todo o seu percorrido de subida cara ao cumio da serra, agás en 25 metros onde se fixeron desmontes e alteracións do terreo supostamente non autorizados polo concello, e que a xuízo do goberno local terían que ter contado co permiso preceptivo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Consellaría de Medio Ambiente da Xunta.

Mámoa do Fial recurtada polas obras do camiño

Desde ADEGA e a SGO consideramos inaudito que o Concello de Samos permita realizar obras de carácter industrial nunha zona de Rede Natura e BIC sen informar á Xunta e que, ademais, pretenda legalizar estas obras de accesos por treitos, pois só considera necesaria a autorización de Medio Ambiente para obrar sobre uns 25 metros do percorrido, cando todo o trazado de acceso ao parque eólico forma parte dun espazo natural protexido como Rede Natura. 

Lamentablemente, estas obras non autorizadas pola Xunta a día de hoxe xa foron executadas pola empresa eólica co visto bo do Alcalde de Samos, sen ter habido antes unha avaliación adecuada do impacto das mesmas sobre o territorio afectado, e sen contar aínda cun informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural ou coa aprobación da modificación do trazado de acceso por parte da Consellaría de Industria.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal