ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A erosión e a desertificación en Galiza, un...

17-06-2019

A erosión e a desertificación en Galiza, un problema de primeira magnitude

Xosé Santos (Amigas das Árbores)

Hoxe, 17 de xuño, no Día Mundial da Loita contra a Desertificación do Solo, ADEGA chama a atención sobre a necesidade de adoptar medidas urxentes e efectivas contra esta problemática, da que Galiza non está exenta. No territorio galego pérdense anualmente preto de 42 millóns de toneladas de solo debido á erosión. Segundo o Inventario Nacional de Erosión de Solos (INES), na Galiza pérdense cada ano un total de 14,5 toneladas por hectáreas de solo debido a procesos erosivos, afectando a unhas 2.880.817 hectáreas. Esta superficie fai un computo total de 41.695.509 toneladas de solo erosionado anualmente no país.

A súa vez, ante o actual contexto de cambio climático, o 12% do territorio galego sofre risco de desertificación causado por estes procesos erosivos. Os incendios forestais, os monocultivos, a agricultura e a gandería intensiva, as explotacións domésticas, o  urbanismo e a ocupación do litoral, a minaría, e en xeral os cambios nos usos de solo, provocan a perda da cobertura vexetal. Estas actuacións, unidas aos períodos de maior seca e ás mudanzas no réxime de precipitacións debido ao cambio climático, fan que a erosión e a desertificación sexan un problema medioambiental de primeira magnitude na Galiza.

A conservación do bosque autóctono e a loita contra os incendios forestais terían que ser as accións principais para a conservación e protección do solo.

Os incendios forestais, unha das principais causas de erosión

Galiza presenta de media uns 6.000 incendios forestais anuais nas últimas dúas décadas. Concéntranse así no territorio galego máis do 50% do total dos lumes que teñen lugar no Estado, sendo Ourense o territorio mais afectado, seguido de Pontevedra, A Coruña e Lugo.

Despois dun incendio forestal, os montes queimados quedan desprovistos de cobertura vexetal, o que provoca que o solo debilitado sufra un proceso de forte escorrenta superficial debido ao paso de chuvias torrenciais que se unen á acción dos ventos intensos durante os temporais. Isto dá lugar ao arrastre e á perda do substrato máis superficial rico en nutrientes e en sementes, que co paso reiterado dos lumes forestais e as malas praxes nos usos do solo, rematan por provocar a desaparición total do solo ficando ao descuberto a rocha nai. Pérdense así numerosas toneladas anuais dun recurso natural non renovable tan importante e valioso como é o solo.

Os solos, un reservorio de biodiversidade

Os solos albergan unha cuarta parte da biodiversidade do planeta. Constitúen un reservorio de biodiversidade que conforma un ecosistema complexo que achega numerosos servizos ecosistémicos necesarios para a vida. O solo é a base para a produción de alimentos saudábeis, e é capaz tamén de almacenar e filtrar a auga. Ademais, o solo é, despois dos océanos, o segundo sumidoiro de carbono polo seu importante papel nos ciclos bioxeoquímicos.

En Galiza, a conservación e a protección dos bosques autóctonos, a loita contra os incendios forestais e o fin da cultura do lume, xunto cunha ordenación territorial efectiva e sostible, deberían ser uns dos principais piares de acción contra os procesos de erosión e desertificación, co propósito de garantir a conservación do solo e da súa biodiversidade.

A compostaxe, unha práctica para a conservación do solo

Prácticas como a compostaxe caseira e a compostaxe comunitaria, experiencias que ADEGA desenvolve desde hai varios anos en diferentes concellos do país, constitúen excelentes actuacións para loitar contra a perda do solo en áreas urbanas e rurais, xa que estas prácticas permiten pechar o ciclo da materia mediante a devolución dos nutrientes ao solo a través do compost obtido dos residuos orgánicos.

Ademais, partindo dunha boa recollida separada en orixe, a fracción orgánica do lixo doméstico, os residuos agrícolas e de granxa e a biomasa forestal permiten obter un compost de calidade de grande axuda para a loita contra a erosión en todo o territorio. ADEGA solicita dos concellos e da Xunta a organización de sistemas eficientes de recollida destes residuos, como é o modelo porta a porta para o lixo urbano, e plantas de compostaxe comarcal, que completen as prácticas de compostaxe doméstica e comunitaria. Lamentamos que a planta de compostaxe de SOGAMA, ademais de ser a única promovida pola Xunta en todo o país, non reúna estes elementos imprescindibles para poder fabricar compost de calidade.

E, no lugar de queimar restos de materia orgánica en parcelas urbanas e rurais, deberíase promover a súa compostaxe para acumular carbono nos solos e mellorar a calidade agrícola e a loita contra a erosión.

O bosque autóctono, un aliado contra a erosión e a desertificación

Desde  ADEGA consideramos de máxima prioridade a conservación do bosque autóctono como ferramenta para dotar ao territorio dunha maior resiliencia ante os efectos da erosión e a desertificación provocados polo cambio climático, conservando así o patrimonio natural, a biodiversidade e os seus recursos ecosistémicos. Por este motivo, ademais de formar parte da plataforma Cousa de Raíces, desde a asociación lévanse a cabo diferentes actuacións de sensibilización e de educación ambiental neste eido.

Unha destas actuacións máis recentes é o proxecto de custodia do territorio o Couto da Eirexiña, posto en marcha o pasado mes de marzo entre ADEGA-Vigo e a comunidade de montes de Rebordelo (Cerdedo-Cotobade). Este proxecto ten a finalidade de mostrar prácticas positivas, propositivas e comunitarias de intervención no medio natural a prol da conservación, da restauración e a posta en valor do bosque autóctono e da súa biodiversidade, incluído a rexeneración de solos.

Así mesmo, ADEGA participou na I e na II edición da Deseucaliptización simultánea de Cousa de Raíces, acadando a eliminación conxunta duns 300.000 pés de eucaliptos e acacias do monte galego.


Desde ADEGA esiximos á Xunta unha loita efectiva contra o cambio climático que se materialice co veto e coa diminución da superficie destinada á plantación de monocultivo de  eucalipto. Ao mesmo tempo a Xunta debería aumentar a protección real e efectiva de máis espazos naturais a través das diferentes figuras legais existentes, ademais de planificar accións e prácticas de ordenación territoriais sostibles co medio. Medidas que no seu conxunto evitarían a perda do solo e do aumento do risco de desertificación ante o actual paradigma de Cambio Global, garantindo a conservación do patrimonio natural galego.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal