ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA e a SGO piden a paralización urxente das...

13-06-2019

ADEGA e a SGO piden a paralización urxente das obras do suposto parque eólico do Oribio

ADEGA e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) piden á Xunta que paralice de inmediato e de forma cautelar as obras que se están a desenvolver nun dos montes máis emblemáticos do Courel, no cumio da Serra de Oribio, e que aparentemente corresponden ao Parque Eólico Serra de Oribio. De confirmarse que se as obras correspondente a ese parque eólico, a empresa promotora, Fergo Galicia Vento S.L., estaría actuando de forma ilegal, xa que o expediente de modificación do proxecto solicitado pola empresa aínda non foi resolto pola Consellaría de Industria, polo que non contaría con autorización administrativa recente e definitiva.

Así mesmo, Fergo Galicia Vento podería estar incorrendo nun delicto penal por estar intervindo sen autorización e cunha Declaración de Impacto ambiental caduca sobre un espazo natural protexido como zona de conservación da ZEC Ancares-Courel, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e, por tanto, zona de Rede natura 2000. Debemos lembrar que nestas áreas non están permitidos os parques eólicos, agás a repotenciación dos xa existentes, segundo o Plan Director da Rede Natura. Ademais, os terreos nos que se está a actuar tamén están considerados “área potencial” no bosquexo do Plano de Recuperación do Oso Pardo cantábrico e zona incluída na potencial Reserva da Biosfera Ribeira Sacra-Serra de Oribio.

As obras xa destruíron parcialmente o Camiño Real que percorre a cima do monte e que une Vilafranca do Bierzo e Monforte e están a poñer en risco outros bens patrimoniais inventariados, como a mámoa de Fial ou as Ventas da Braña, do Retorno ou o Portazgo do Oribio (antigo lugar de dereito de paso).
ADEGA xa advertiu destes feitos ao SEPRONA e ás Consellarías de Medio Ambiente e de Cultura para que comproben in situ a natureza das obras e dispoñan as medidas oportunas que, nun comezo, deberían pasar pola paralización cautelar inmediata.

Unha tramitación opaca e con continuos atrancos

Desde ADEGA e a SGO tememos que estas obras respondan a unha estratexia de feitos consumados, favorecida ademais por unha tramitación do proxecto opaca e con continuos atrancos. Van seis meses desde que ADEGA solicitou ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ser parte interesada no expediente de modificación das características do parque eólico e ter acceso a dito expediente. Malia que a Consellaría de Industria vén de atender o noso requirimento, ADEGA non poderá acceder a esa información ata ter transcorrido outros dous meses, tempo no que a empresa podería presentar recurso contencioso contra a resolución de Industria. Transcorrerán como mínimo 8 meses dende a nosa solicitude antes de que poidamos consultar a documentación.

Por outra banda, o proxecto eólico na Serra do Oribio vense de retomar despois dun longo período de parálise. Comezou a súa tramitación en xaneiro 2004, hai máis de 15 anos. En 2005 aprobouse a súa DIA (Declaración de Impacto Ambiental) e dende aquela, non houbo máis disposicións sobre este parque, até que en outubro de 2018, 13 anos despois, Fergo Galicia Vento SL, recupera o proxecto e solicita a Industria a modificación das súas características.

Mentres as máquinas xa están abrindo pistas e construíndo cimentacións na serra, en plena Rede Natura 2000, non sabemos se para o propio parque eólico (que carecería de autorización) ou para as torres de alta tensión, única parte do proxecto industrial que conta cos permisos pertinentes.

Paralizar as obras e comezar desde cero a tramitación do parque

ADEGA e a SGO entenden que a autorización ambiental emitida en 2005 caducou. Daquela, non estaba consolidada a Rede Natura 2000 nin existía Plano Director (marzo de 2014), nin estaba en vigor o Catálogo Galego de Especies Ameazadas (abril de 2007). En consecuencia, cando Fergo Galicia Vento SL retoma o proxecto en 2018, debería ter presentado un novo Estudo de Impacto Ambiental. E, polo que atinxe á Xunta, Medio Ambiente debería ter emitido unha nova DIA, desta volta negativa, ao abeiro do disposto no vixente Plano Director da Rede Natura 2000 (art. 60.3.d.2º).

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal