ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA e a Xunta renovan o convenio de...

14-05-2019

ADEGA e a Xunta renovan o convenio de colaboración para o Proxecto Ríos

A presidenta de ADEGA e Coordinadora do proxecto, Virxinia Rodríguez Álvarez, asinou hoxe, xunto coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourellle, a renovación do convenio de colaboración con Augas de Galicia que dota de orzamento o Proxecto Ríos de voluntariado ambiental en ríos.

O acto tivo lugar na área recreativa e fluvial de Tapia, no concello de Ames, ao tempo que se desenvolveu unha inspección dun treito do río Tambre cos rapaces e rapazas de ASPANAES (Asociación de pais de persoas con trastorno do espectro autista), que seguiron a metodoloxía de Proxecto Ríos para avaliar o estado de saúde do treito fluvial.

Na actualidade, o Proxecto Ríos desenvolto por ADEGA conta con 407 grupos de voluntarios/as de ríos en toda a xeografía galega, que supoñen a participación de máis de 4.000 persoas no estudo e conservación dos ríos de toda Galiza.

Este convenio permitirá desenvolver durante este ano 2019 unha extensa lista de actividades de capacitación do voluntariado fundamentais para acadar unha participación activa da cidadanía na conservación dos ecosistemas fluviais. Son 15 anos xa de traballo continuo, ao longo de catro lexislaturas e con gobernos de moi distinta cor política, o que avala o valor e o interese deste proxecto colectivo de custodia fluvial, que pretende unir ríos e persoas.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal