ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A febre do litio chega a Galiza e Portugal

10-05-2019

A febre do litio chega a Galiza e Portugal

ADEGA insta a procurar alternativas menos agresivas co territorio

Infografía: Faro de Vigo e elaboración propia

Ante a nova demanda internacional de litio para a fabricación de baterías para a industria automobilística, Galiza e Portugal son lugares potenciais para a súa explotación, xa que aquí se atopa unha das maiores reservas de litio europeo.

Litio, o ouro branco

A industria automobilística e a súa reconversión e aposta cara o coche eléctrico está a provocar que o litio, elemento químico co que se fabrican as baterías eléctricas, se estea a posicionar como elemento en alza, atraendo grandes investimentos internacionais no eido da minaría para dar saída a esta nova demanda. Agárdase que para o ano 2025, a demanda de litio a nivel mundial sexa de 300.000 toneladas para satisfacer esta reconversión da industria do coche, excedendo así 11 veces máis á demanda actual deste elemento. Esta situación especulativa provocou que nalgúns mercados o prezo desta explotación aumentase até un 200% nos últimos  tres anos.

Neste escenario internacional, Galiza e Portugal son países que non están alleos a este mercado do “ouro branco”, pois é nestes dous territorios onde se atopa unha das maiores reservas potenciais de litio do continente europeo. Este elemento atópase no sur de Galiza e no norte de Portugal, principalmente presente en minerais como a espodumena, lepidolita ou petalita, asociados a rochas filonianas pegmatíticas formadas ao final do proceso de consolidación dos magmas graníticos (a diferenza dos xacementos de tipo salmoira, como o salar de Uyuni en Bolivia). Aínda que na actualidade xa existen explotacións mineiras no país luso para a extracción de litio para a industria da cerámica, aínda non hai ningunha explotación operativa para extraer óxido de litio para a fabricación de baterías de coches.

A prospección e a explotación do litio na Galiza: todas as facilidades...

A prospección do litio en Galiza atópase aínda nunha fase moi inicial en comparación co país veciño, contando na actualidade con tres permisos para a exploración de litio no pais. Estes permisos están baixo titularidade das empresas Salamanca IngenierosSolid Mines España e Recursos Minerais de Galiza e teñen como obxectivo a prospección de litio nos concellos pontevedreses de Fornelos de Montes, Cerdedo, Covelo, A Lama e Forcarei, e nos concellos ourensáns de Avión, Beariz, Boborás e O Irixo. 

Pola súa banda, a actual "Lei de depredación" do ano 2017 (Lei de Fomento da Implantación das Iniciativas Empresariais en Galicia)  facilitará a concesións futuras de licitacións para a exploración e explotación de litio, favorecendo o investimento de capital estranxeiro na Galiza para a extracción de “riqueza” que será cotizada nas grandes bolsas financeiras internacionais. A apropiadamente alcumada “Lei de depredación” modifica profundamente  a lexislación mineira galega (2008) no senso de colapsar trámites, reducir prazos, facilitar axudas e dar ao órgano mineiro capacidade substantiva para resolver un proxecto ou solicitude de dereito mineiro, á marxe das consideración dos concellos e doutros departamentos da administración (medio ambiente, patrimonio, urbanismo...).

A maior mina de litio en Europa a 15 km da fronteira de Ourense

Na actualidade, Portugal conta con máis de 40 solicitudes de prospeccións, de tal xeito que o goberno portugués lanzará o ano próximo un concurso de licencias de exploración que atrae xa a inversores estranxeiros, como a australiana Fortescue MetalsGroup Exploration ou Savannah Resources. Estas licencias de prospeccións concentraranse en oito zonas establecidas pola Direcção-Geral de Energia e Geologia (DGEG), tres das cales se atopan a menos de 70 quilómetros da fronteira galega.

Á súa vez, a empresa Lusorecursos ten previsto abrir o próximo ano o proxecto mineiro Sepeda-Morgade, localizado na cámara municipal de Montalegre, a tan só 15 km da fronteira con Ourense. Este proxecto, que pretende extraer máis de 300 millóns de toneladas do mineral, xa conta cunha grande oposición das poboacións situadas a ambos lados da raia seca.

Outra mobilidade e outra minaria é posible

Desde ADEGA cremos preciso que se busquen alternativas ao litio que causen menos impacto no medio, así como a aposta pola reutilización e reciclaxe destes elementos presentes en baterías de numerosos trebellos electrónicos. Neste sentido é preciso pular por unha estratexia que fomente a investigación en I+D+i nestes sectores e reconversión da industria mineira cara á reutilización. 

Tamén é necesario aplicar medidas a nivel internacional que avoguen pola aposta real dun transporte público e colectivo en detrimento do automóbil, co fin de diminuír a demanda do vehículo privado e, por ende, do litio e do petroleo.

Na actualidade, os diferentes organismos competentes en materia de regulación, traballan a favor das grandes compañías extractivas que intentan obter o maior beneficio mediante a especulación do territorio. Estas operacións, que venden o falso discurso de xeración de emprego, esquecen e dividen á poboación local, á cal hipotecan o seu territorio para o desenvolvemento doutras iniciativas de dinamización rural baseadas na sustentabilidade.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal