ADEGA

Inicio / Buscador / A Estratexia Galega contra o Cambio Climático...

17-04-2019

A Estratexia Galega contra o Cambio Climático cheira demasiado a fume de carbón e eucalipto

ADEGA vén de alegar ao plano operativo que desenvolve a Estratexia Galega de Cambio Climático que tramita a Xunta. Son 170 medidas, o 60% sen orzamento asignado, que non tocan nin o negocio das térmicas nin o de ENCE, que mesmo favorecen...

O devandito Plano Operativo, que xunto con outros similares desenvolverá a Estratexia Gelaga de Cambio Climático e Enerxía 2050, ten como horizonte de aplicación o ano 2023. Suponse pois que debe conter as medidas de choque para mitigar e combater os efectos do cambio climático a curto prazo. Porén, moitas destas medidas (preto dun 60%) son simples propostas en estudo e sen orzamento: Un plano, portanto, "operativo" só nun 40%...

Redución drástica de GEIs: que o fagan outros

No ámeto da mitigación, as medidas para conquerir unha redución significativa das emisións de gases de efeito invernadoiro resultan fundamentais. Porén, o Plano abeira reclamar unha redución das emisións das industrias máis intensivas en C pola vía do abandono da xeración eléctrica con carbón.

O fomento das enerxías renovábeis déixase na Estratexia á iniciativa privada, con 0€ de achegas públicas, aínda que se anuncian “mecanismos específicos de financiamento” e “acordos voluntarios”. Pola contra, prefírese adicar o investimento público ao sector domiciliario (caldeiras de biomasa, solar térmica, xeotermia….) transmitindo a mensaxe de que a responsabilidade de reducir as emisións recae na cidadanía fronte á grande industria contaminadora.

Preténdese tamén reducir a xeración de CO2 asociado aos residuos pola vía da "ampliación de SOGAMA para queimar menos plásticos" (30M€) mentres que o orzamento para a compostaxe e a redución dos residuos son 6 veces menores (5M€ e 0,1 M€ respeitvamente), malia a ser estas medidas prioritarias de prevención. Fica claro o pouco compromiso deste plano coa redución das emisións derivadas da xestión de refugallos, que segue baseándose na incineración, o vertido e a centralización da xestión.

Aumentar a fixación de CO2 plantando máis eucaliptos...

Como non se quere apostar decididamente por reducir as emisións das térmicas, a Xunta pretende cadrar as contas climáticas pola vía so secuestro de C. A idea de potenciar a silvicultura como elemento compensador recibe neste Plano un investimento de máis de 46M€, co obxectivo de acadar as especies forestais máis eficientes, exclusivamente en termos de secuestro de C.
Porén, non se consideran os demais servizos ecosistémicos que prestan a vexetación, os bosques naturais e os ecosistemas forestais e de monte en xeral, en termos de mantemento da biodiversidade, regulación do ciclo da auga, fertilidade do solo, capacidade de purificación da auga e do ar, loita contra a erosión etc. Só interesa fixar máis carbono en máis madeira o máis rápido posíbel, e a vía é o eucalipto e as especies de crecemento rápido.
Esta estratexia confírmase ao comprobar que no Plano Operativo, ao propoñer "optimizar a xestión forestal sustentábel como ferramenta de adaptación ao cambio climático dos montes galegos", e incluir nas “Accións de defensa contra incendios en extinción e prevención directa e indirecta” os 250 M€ até 2013 dos distintos PLADIGAs. Semella que en troques de optimizar a xestión forestal sustentábel, preténdese unicamente xestionar as consecuencias (lumes cada vez máis intensos e frecuentes) dun modelo forestal fortemente insustentábel.

Recoñecer a importancia de conservar os ecosistemas naturais, sen medidas para protexelos

Chama a atención que malia á importancia de conservar os ecosistemas naturais e seminaturais, particularmente daqueles con alta capacidade para a retención e fixación do C, ou chave para o amortecemento dos impactos da mudanza climática (aumento da resiliencia), este Plano non contempla o alongamento da superficie dos espazos protexidos incluidos na RN2000 e dos humidais Ramsar. Nen sequera daqueles hábitats para os que a Comisión Europea advertíu ao estado español da súa escasa representatividade (como as turbeiras ou bosques de ribeira).
As zonas húmidas, e particularmente as turbeiras e brañas, fixan 3 veces máis C que os bosques maduros e almacenan no seu conxunto unha cantidade deste elemento superior á de todos os bosques do planeta. Incorporar estes hábitats a novos espazos protexidos até aproximarnos á media estatal de superficie RN2000 (actualmente 12% para Galiza, 27% para o Estado) é fundamental para evitar a súa destrución e recuperar aqueles degradados (como as turbeiras do Xistral).
Alongar a rede de humidais protexidos baixo a convención Ramsar (hoxe só 5 en Galiza), especialmente en zonas litorais, bacías endorreicas e cabeceiras fluviais, resulta chave para amortecer os impactos da mudanza climática (maior erosión costeira, aumento dos fenómenos meteorolóxicos estremos, maior incidencia das secas…) e aumentar a resiliencia dos ecosistemas.

En resumo, a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e o Plano Operativo para comezar a implantala de eiquí ao 2023, recolle na súa maior parte (60%) simples propostas sen orzamento. A responsabilidade da loita contra o CC volta a recaer na cidadanía, pois a Xunta rexeita poñerlle o bozo ás térmicas de carbón e a SOGAMA. Pola contra, vai dar cobertura a unha nova vaga eucaliptizadora a maior gloria de ENCE, coa excusa do secuestro de C. É ao cabo, outro "libro branco" da Xunta para camuflar ter estado a velas vir durante máis de 10 anos fronte ao cambio climático.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal