ADEGA

Inicio / Buscador / Premios Osíxeno e Dioxina ás millores e piores...

29-03-2019

Premios Osíxeno e Dioxina ás millores e piores actuacións ambientais de 2018

Trátase da 18ª edición dos premios Osíxeno e Dioxina cos que ADEGA quere subliñar o millor e o pior do pasado ano dende a perspectiva ambiental. Este 2018 xiran arredor da  minaría, a eucaliptización e a defensa dos ríos.

Premio Osíxeno de Honra 2018

Concedido para subliñar unha traxectoria vital en defensa do ambiente e do patrimonio do país. Desta volta o premio Osíxeno de Honra recoñece o traballo e o compromiso coa natureza e a cultura de Galiza de Adela Figueroa, bióloga, escritora, histórica ecoloxista, fundadora e ex-presidenta de ADEGA. Moitas grazas Curra!

Premios Osíxeno 2018 ás millores actitudes ou actuacións ambientais do ano

-Premio Osíxeno 2018, categoría individual: Para Paloma Fernández, voceira da Coordenadora Anti-Encoro do Umia, por represnetar a vontade irrenunciábel dunha veciñanza de recuperar o seu río, nunha loita que abrangue xa 25 anos e continúa na actualidade. Moitos azos e ningún paso atrás!

-Premio Osíxeno 2018, categoría colectivo: Para as Brigadas Deseucaliptizadoras, colectivo que abrangue a ecoloxistas e veciñanza comuneira, pola seu compromiso coa sustentabilidade dos nosos montes fronte á ditadura do eucalipto, efeitivizado mediante a intervención directa. Hai futuro para os nosos bosques e ímolo construir.

Premios Dioxina 2018 ás accións máis nefastas para o ambiente

-Premio Dioxina 2018, categoría individual: Para o profesor da USC e catedrático de Edafoloxía Felipe Macías,
polo seu apoio (un máis) a proxectos tan delirantes e agresivos como a Mina de Touro-O Pino. Propoñer un parque temático de organismos estremófilos nos ríos contaminados pola mina supera outras controvertidas actuacións que avalou como os parques eólicos do Xistral, a piscifatoria de Touriñán, a balsa mineira das Pontes, a reapertura mina de San Fins...

-Premio Dioxina 2018, categoría colectivo: Para os dirixentes políticos da Dirección Xeral de Industria da Xunta de Galiza, por terse constituido, con leis como a de Depredación e coa súa entrega ao lobby da minaría contaminante, nunha das principais ameazas para o ambiente e a saúde da cidadanía.

Acto de entrega

Os premios entregaranse no decurso dun xantar de confraternización que terá lugar o vindeiro domingo 31 de marzo a partires das 14:30h nas dependencias do Centro Social do Mar de Bueu ( (Rúa Montero Ríos 18, Bueu, Pontevedra).

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal