ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Proxecto Ríos de ADEGA celebra o Día Mundial da...

21-03-2019

Proxecto Ríos de ADEGA celebra o Día Mundial da Auga con atividades dende este 22 até a semana vindeira

Dez anos loitando contra as especies invasoras do río Tea, participación no LIFE INVASAQUA, saídas formativas

Este 22 de marzo celébrase o día Mundial da Auga que trata de facer unha chamada de atención sobre este elemento esencial para a vida das persoas e dos ecosistemas do planeta.

O Proxecto Ríos, participa en diferentes actividades que van neste camiño. O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA que conta co apoio de Augas e Galiza e CH Miño – Sil.  A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

Este 22 de marzo comeza o Campo de Voluntariado Ambiental no río Tea para a eliminación de flora exótica invasora que se estenderá toda a fin de semana. Os campos do Tea son a continuación dos traballos desenvolvidos ao abeiro do programa de Voluntariado en Ríos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que comezaron en 200. En 2019 realizarase un campo de voluntariado ambiental, co financiamento da Confederación Hidrográfica do Miño – Sil, a fin de semana do 22, 23 e 24 e marzo.
O voluntariado terá cubertos os gastos de aloxamento e manutención, e contará con seguro de accidentes. Con este son dez anos loitando contra as invasoras, o que o converten nunha das iniciativas de máis longo percorrido do país.

Voluntarios e voluntarias de toda Galiza traballarán na eliminación de flora exótica invasora presente en diferentes treitos do río Tea (localizados no LIC río Tea ES1140006). As especies a eliminar son plántulas de dúas árbores (Acacia dealbata e A. melanoxylon) coñecidas vulgarmente como mimosas, tamén se eliminarán árbores de falsa acacia (Robinia pseudoacacia) e pequenas matas de bambú (Phyllostachys spp.) e tintureira (Phytolacca americana).

E tamén nesta liña, mañá venres 22, e coincidindo co Día Mundial da Auga, o Proxecto Ríos estará presente na Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” (EHEC) da USC, na presentación do proxecto LIFE 17/GIE/ES/000515 - INVASAQUA - Especies exóticas invasoras de auga doce e esteiros:  Sensibilización e prevención na Península Ibérica.

O acto desenvolverase na aula da EHEC en Castroagudín - Cea, Vilagarcía de Arousa, a partir das 10.00h. Intervirán Pablo Caballero, Xefe do Servicio de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia; Ramsés Pérez, representante da Asociación Ecoloxista ADEGA e responsable do Proxecto Ríos e Fernando Cobo, Director da Estación de Hidrobioloxía e Vicepresidente da Sociedade Ibérica de Ictioloxía (SIBIC).

Para a vindeira semana inícianse as saídas formativas do Proxecto Ríos, que consisten en acompañar aos grupos de voluntarios e voluntarias nas súas inspeccións de río. Estas inspeccións son a base de participación do Proxecto Ríos no que se crea unha rede de cidadáns preocupados polos nosos cursos fluviais e se afonda na biodiversidade que albergan. Para a vindeira semana están previstas as seguintes saídas:    

  • Martes 26 de marzo: CIFP San Paio. Río Sarela, 16:30 horas.
  • Xoves 28 de marzo: CEIP Plurilingüe Infante de Salvaterra do Miño. Río Tea.
  • Sábado 30 de marzo: AFA Montessori Compostela. Río Sar.
Para máis información:
Ramsés Pérez
Proxecto Ríos
Travesa de Basquiños,9 baixo-
15704 Santiago de Compostela
Teléfonos: 981 570 099 e 616 23 80 50
ramses@adega.gal

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal