ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / TOUROLEAKS (5): As contradicións da empresa sobre...

19-02-2019

TOUROLEAKS (5): As contradicións da empresa sobre a natureza dos estériles invalidan todo o proxecto mineiro

Novos datos tirados dos recentes informes incorporados ao proxecto confirman o que xa denunciara ADEGA: que a práctica totalidade dos materiais xeolóxicos da mina van xerar drenaxes ácidas e mobilizar metais tóxicos. Todo o proxecto mineiro foi pois construído sobre unha mentira e debe ser rexeitado!

Con 33 anos de retraso, Explotaciones Gallegas S.L. vén de solicitar á Xunta o permiso de vertedura da balsa de Bama. Esta balsa verte intermitentemente augas contaminadas ao rego de Pucheiras, procedente das escorrentías interiores do complexo mineiro. Á marxe do recoñecemento implícito de que se estiveron vertendo augas contaminadas durante décadas sen autorización, a documentación da solicitude contén outras revelacións chave para o conxunto do proxecto.

Na “Documentación técnica asociada a la solicitud de autorización de vertido das aguas pluviales procedentes de la balsa de Bama” recoñécese a necesidade de xestionar e tratar “las aguas de escorrentía circulantes a través de las superficies afectadas por la anterior actividad minera”, ás que denominan “augas brutas”, algo que non se tiña feito anteriormente. Estas “augas brutas” portan unha alta carga contaminante debido á natureza dos materiais afectados pola actividade mineira.

A cuestión é, ademais de recoñecer a esistencia de augas contaminadas que escoan ao exterior sen tratamento, que esta contaminación débese a que, segundo a empresa “la casi totalidad de los materiales es potencial productor de sistemas con aguas hiperácidas y en menos de un 10% y, solo si es separado en origen del resto de los materiales ricos en S reducido, podría considerarse que el riesgo de hiperacidificación es mínimo”. Isto supón que máis do 90% dos materiais in situ da mina de Touro (zonas mineralizadas, anfibolitas, xistos e paragneises) darán problemas de acidez e de mobilización de metais tóxicos. A empresa di tamén que “los únicos materiales que no tienen un potencial acidificante son prácticamente los suelos superficiales y algunas saprolitas fuertemente oxidadas de naturaleza caolinítica. El resto de los materiales siempre producirá acidez y, prácticamente en todos los casos, si no se realizan actividades preventivas de mitigación de los procesos oxidativos y de tamponización llegarán a condiciones hiperácidas”. E polo que atinxe aos produtos da actividade mineira, Explotaciones Gallegas S.L. afirma “A idénticas conclusiones, sólo que todavía con mayor riesgo de acidificación se llega analizando el contenido de azufre y la cinética de oxidación forzada en laboratorio, de materiales recogidos en escombreras y cortas de la mina Touro”.

Un proxecto fraudulento construído sobre mentiras que debe ser rexeitado

Estas revelacións teñen unha repercusión capital non só para a regularización da actual situación da mina (verteduras sen tratar) senón que condicionan a viabilidade do proxecto de explotación no seu conxunto. A empresa tiña afirmado que o volume de estériles que xeraría drenace ácida (PAG na terminoloxía do proxecto) estaría arredor do 50% ou incluso menos, e que os materiais non acidifiantes –NAG- serían outro 50%). Así no estudo de impacto do proxecto mineiro, a empresa sostiña que “la ocurrencia de estéril de mina potencialmente no generador de ácido (NAG) sea de aproximadamente un 50 % y con baja capacidad de movilización de metales, el cual podrá ser usado para construcción de dique de depósito de estériles y acondicionamiento de bancos para la impermeabilización de cortas, así como en zonas de relleno de las cortas que queden liberadas”. Agora a empresa vén de asegurar, como apontaba ADEGA nas súas alegacións, que a práctica totalidade (máis do 90%) dos materiais da mina xerarán drenaxes ácidas: xa non é pois o 50%-50% de antes, cálculo en función do que se deseñaron todas as entulleiras, os recheos dos ocos mineiros, as drenaxes, a depuradora e as medidas de contención dos lixiviados.
Portanto, todas as medidas de tratamento dos estériles, as de contención e mitigación da drenaxe ácida e as propostas de restauración, son incorrectas e ineficientes, o que inviabiliza o conxunto do proxecto.

ADEGA esixe ás consellarías competentes (Medio Ambiente e Industria) que emitan respeitivamente unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) desfavorábel e deneguen definitivamente o proxecto mineiro de Touro. É unha chafallada con inexactitudes e deficiencias críticas que poñen en perigo a saúde ambiental e cidadá. Xa hai anos que a Xunta debera ter iniciado un procedemento de caducidade da concesión polos graves incumprimentos da lexislación mineira e de calidade ambiental en canto ás obrigas de restauración e ao tratamento dos residuos, que agora fican patentes. Mais aínda está a tempo de evitar males maoires…

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal