ADEGA

Inicio / Novas / Todas / CERNA 80: repetindo e reparando os erros do ...

11-02-2019

CERNA 80: repetindo e reparando os erros do pasado

ADEGA publica a edición número 80 da revista CERNA


ADEGA publica unha nova edición da revista CERNA na que recolle a crónica da sesión parlamentaria na que se tombou a ILP a prol do Bosque autóctono. Coa abstención do PSdG, o PP rexeitou a iniciativa lexislativa popular máis apoiada da historia pola sociedade  galega, repetindo o mesmo erro de 1989, cando outra ILP pretendía mudar o modelo forestal e de montes imperante en Galiza. Unha historia cíclica e receosa de mudar, malia a continuada publicación de estudos, como algúns dos recollidos nesta edición, que exaltan os beneficios ambientais das especies forestais autóctonas, como o castiñeiro ou o carballo, fronte ás foráneas como as do xénero Eucalyptus. Os artigos referidos a estes estudos están asinados por profesores da Escola Politécnica Superior de Lugo, da Escola Politécnica de Mieres, da Universidade de Swansea (UK), entre outros.

CERNA 80 tamén repasa a vella loita ecoloxista de ADEGA contra o caótico crecemento urbanístico de Barreiros, con motivo do recente xuízo contra o Alcalde e o anterior equipo de goberno deste concello por presunta prevaricación urbanística. Amosa, así mesmo, o traballo da anovada delegación de ADEGA-Vigo e as súas liñas de acción, tanto no litoral como no monte de interior.

No eido urbano, atendemos á folla de ruta do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, a primeira aposta de grande alcance pola compostaxe dos residuos orgánicos a nivel local. Ademais, compartimos cos lectores e lectoras as propostas de refrixeración ecolóxica que nos chegan desde a Universidade da Coruña ou a particular suxestión que fai Adrián Dios para abaratar a factura da luz a través da regulamentación do sector eléctrico.

A custodia do territorio segue xuntando xente arredor dos espazos naturais protexidos. É o caso do traballo de ADEGA no Sobreiral do Arnego, que trata de reparar a perda de biodiversidade deste espazo natural a través dun acordo de custodia iniciado xa no ano 2016. En canto á conservación das especies, acudiremos aos ríos galegos para coñecer as catro libeliñas que habitan os nosos efluentes e que se atopan no Anexo II da Directiva Hábitat. Tamén saberemos da problemática xerada pola invasión da ameixa asiática e das estratexias de xestión preventiva.

Con CERNA 80, Miguel Conde únese ao noso equipo de redacción cunha primeira entrega de “O Recanto das Palabras”, unha nova sección que mostrará o rico patrimonio inmaterial que envolven os nomes en galego da Natureza.




Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal