ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / TOUROLEAKS (4): A solución da mineira de Touro...

06-02-2019

TOUROLEAKS (4): A solución da mineira de Touro para evitar a contaminación dos ríos: suprimir os ríos!

No culebrón mineiro de Touro sucédense os capítulos cada vez máis delirantes. Ante a contaminación dos cursos fluviais causados polos lixiviados da antiga explotación mineira, Explotaciones Gallegas S.L. propón seguindo a "doutrina George W. Bush", suprimir estes ríos bombeando as súas augas a unha balsa, a de Vieiro, que tería que se baleirar ao abrir a mina, vertendo de novo a contaminación ao dominio público...

Xogo de trileiros coas augas contaminadas

O proxecto da empresa consiste no bombeo temporal das augas dos regatos Portapego, Felisa e da balsa de Angumil con destino á balsa de Vieiro. Xustifican o carácter provisorio destes bombeos pola limitada capacidade da balsa de Vieiro, hoxe case ateigada, para acoller o volume de auga desviada doss regatos, o que fixa un horizonte temporal máximo para o bombeo de 6,8 meses. Logo de vertidas na balsa de Vieiro, non está previsto tratamento algún para para corrixir a hiperacidez e a alta carga de metais pesados destas augas, alén do bombeo, polo que o proxecto só supón o trasvase temporal do problema dun lugar a outro, ao máis puro estilo dos trileiros. Andar mareando as augas contaminadas en troques de tratalas, e agochalas baixo a alfombra da balsa de Vieiro é o que pretende agora Explotaciones Gallegas S.L.

Temos pois que para facer fronte á problemática das augas contaminadas con efluentes mineiros dos regos Felisa e Portapego e Angumil a empresa decide, seguindo a doutrina popularizada por Goeorge W. Bush, suprimir os ríos durante 6,8 meses. Mais que ten previsto facer a mineira con estas augas se lle autorizan a abrir de novo a mina? Pois voltar a bombealas ao dominio público hidráulico (agora durante 3 anos, xunto co resto dos 1,8 millóns de metros cúbicos da balsa de Vieiro) de novo sen acreditar o seu correcto tratamento, apesar da grave contaminación que presentan. O que se chama un “Paquí-Pallá”...

Cinismo e deixación no tratamento das augas contaminadas

A empresa promotora volta a argumentar que non actuou nas augas do Portapego, Felisa e da balsa de Angumil porque a súa natureza hiperácida e fortemente metálica xerou unha biota de organismos extremófilos con gran interés científico. Resulta sorprendente e dende logo inaceptábel que Explotaciones Gallegas S.L. esgrima como xustificación para non resolver un problema de contaminación tan severo o suposto interés científico das augas contaminadas polos seus efluentes, fuxindo das súas responsabilidades na restauración do medio afectado,

Igual de sorprendente é a afirmación de que a debido ao escaso caudal aportado por estes regos, a súa carga contaminante non afectará significativamente ao río no que verten, o Lañas, e finalmente ao Ulla do cal é tributario. De novo Explotaciones Gallegas S.L. delega a súa responsabilidade ambiental na capacidade de dilución que poida ter a bacía fluvial na que verten os ríos contaminados pola súa actividade mineira.

Recoñecemento explícito dos pasivos ambientais deixados pola mina

O proxecto de drenaxe inclúe tamén un interesante anexo: Trátase dun informe técnico que complementa a solicitude de permiso de vertedura da balsa de Bama, presentada pola empresa perante Augas de Galiza. Neste informe proponse tratar con tecnosolos as aguas que escoan pola explotación cara a balsa de Bama co obxecto de reducir o pH e a carga de metais e sólidos en suspensión que están chegando e rebordando cara o Dominio Público Hidráulico.
Neste informe técnico, chaman poderosamente a atención os seguintes aspectos:

-A balsa de Bama leva vertendo durante anos augas contaminadas pola mina ao DPH, sen ningún tratamento e sen contar co preceitivo permiso de vertedura (que acaban de solicitar).

-A empresa recoñece a alta carga contaminante das augas de escorrentía interiores á mina, que denominan "augas brutas". Son estas as que escoan cara a dita balsa de Bama e fan que os as verteduras por rebordamento desta balsa ao Brandelos non cumpran coas normas de calidade.

-Explotaciones Gallegas S.L. afirma tamén que estas “augas brutas” xéranse na mina debido ao alto potencial acidificante de "case a totalidade” (>90%) dos materiais xeolóxicos naturais da explotación. Din tamén que o risco de acidificación é todavía maior nas entulleiras e taludes onde se acumulan os estériles da antiga explotación. Estas afirmacións cuestionan a catalogación e cubicación que a promotora realizou dos materiais denominados NAG (non xeradores de drenaxe ácida) e PAG (potencialmente xeradores de drenaxe ácida), e que estimou nun 50%-50% como máximo, no proxecto de reapertura da explotación. Este feito vén a confirmar o xa apontado por ADEGA nas súas alegacións, no senso de que a prática totalidade dos entullos xerados pola reapertura da mina xerarían drenaxes ácidas. Consecuentemente, todo o sistema de caracterización e distribución dos estériles previsto pola empresa no seu documento técnico sería inaxeitado, invalidando o proxecto na súa totalidade.

-A concesionaria informa de altos contidos de Cd para as augas "brutas" do interior da mina que chegan á balsa de Bama. Recoñécese pois que hai augas con altos valores deste metal tóxico que se orixinan no interior da mina e chegan ao DPH através do rebordamento desta balsa. Xa que logo, a teoría que mantén a empresa (apoiada nun ditame pericial) de que o Cd que aparece no rego das Pucheiras provén dos puríns vertidos pola actividade gandeira, carece de calquera fundamento.

ADEGA insta a Augas de Galiza a tomar nota da importantes cuestións reveladas neste proxecto, á hora de emitir o seu informe definitivo sobre a reapertura da mina. Fica claro que por parte da empresa estase tentando “branquear” un proxecto que cada vez amosa máis vías de auga, e todas elas contaminadas.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal