ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA Vigo notifica unha nova vertedura no río...

18-11-2018

ADEGA Vigo notifica unha nova vertedura no río Lagares

ADEGA Vigo vén de notificar ás autoridades competentes, para a súa inspección e localización do foco contaminante, unha nova vertedura no río Lagares. Estes feitos producíronse os pasados días 13 e 14 de novembro na altura do estadio de Balaídos, máis concretamente nas inmediacións da ponte da avenida Citroën coa rúa dos Olímpicos. Deste xeito súmase, unha vez máis, un novo impacto ambiental negativo contra o río da cidade olívica.

Como puidemos constatar na XI Limpeza Simultánea de Ríos, onde nun treito de menos de 500 metros extraeuse preto de 400 quilos de lixo, así coma nas diferentes inspeccións realizadas no marco do Proxecto Ríos que amosaron un estado deficiente da augas, o río Lagares está lonxe de gozar dunha calidade ambiental boa para cumprir as súas funcións ecolóxicas e servizos ecosistémicos.

Desde ADEGA Vigo denunciamos a impunidade coa que fican os infractores e demandamos un novo modelo da xestión da auga e dos espazos naturais da cidade, que neste caso debería encamiñarse cara á restauración ambiental e renaturalización do río Lagares.

Créditos das fotos: Miguel Núñez

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal