ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A incineración é unha estafa: Máis de 50...

25-10-2018

A incineración é unha estafa: Máis de 50 plataformas en todo o Estado asinan unha declaración contra a incineración

-A Declaración de Ponferrada vertebra a unidade de acción do movemento contra a incineración e polo residuo cero.
- "Estaremos atentos ante a nova Lei sobre cambio climático".
- Preséntase este venres 26 en Madrid, no Teatro del Barrio

 "A incineración é unha estafa, contribúe ao quecemento global e ao cambio climático e é unha ameaza seria para a saúde pública", din miles de cidadáns, médicas, técnicos, profesoras e ecoloxistas de todo o estado, representados por máis de cincuenta plataformas asinantes do manifesto que artella a unidade de acción do movemento anti-incineración estatal. Esta é a "Declaración de Ponferrada contra a incineración e polo Residuo Cero ', que será presentada hoxe no Teatro del Barrio de Madrid.

A declaración é o resultado da oitava reunión da Coordinadora Estatal das plataformas contra a incineración de residuos, realizada recentemente na cidade de Ponferrada por unha vintena de grupos, aos que xa se engadiron e continúan a se engadir plataformas, xuntando máis de 50 entidades ecoloxistas e veciñais de todo o estado que "trasladan as súas ideas e demandas ao Ministerio de Transición Ecolóxica, ás outras administracións interesadas, á Fiscalíal especial de Medio Ambiente e a toda a sociedade".

"Esiximos ás administracións -afirma a Declaración de Ponferrada- que non concedan máis licenzas de incineración ou co-incineración e desenvolvan alternativas para a redución de residuos baseadas na reutilización, reciclaxe e na prohibición do non-reciclábel, para que non convirtan a cementeiras ou centrais térmicas en incineradoras de residuos encobertas".

"A (co)incineración de residuos produce compostos químicos tóxicos: furanos, compostos orgánicos persistentes, metais pesados, ftalatos (plastificantes), dioxinas, gases de efecto invernadoiro e gases ácidos, que logo de liberados á atmosfera pasan ás plantas, animais e persoas causando cancro, trastornos hormonais, problemas respiratorios e outras enfermidades ".

A Declaración de Ponferrada rexeita eufemismos como "valorizar" ou que a enerxía xerada por (co) incineración poida considerarse neutra e moito menos limpa: "Trátase de electricidade negra que se disfraza de enerxía verde ou renovábel. Este branqueamento ou "greenwashing" é inaceptábel polo quenos opomos firmemente que a futura lei de cambio climático branquee a biomasa para o uso enerxético e esiximos que a estratexia de transición de enerxía exclúa a biomasa. Estaremos atentos á elaboración da Lei de cambio climático para demandar ao Reino de España perante a Unión Europea no caso de que se inclúan practicas como a incineración de biomasa que baixo o pretexto do cambio climático, conleven riscos para a saúde" .

A incineración é a peor solución: existen alternativas

"A incineración de residuos - segue o manifesto -, ademais de perigosa, está obsoleta. Dispomos de medios técnicos, económicos e sociais eficientes e suficientes para apostar por alternativas sustentábeis para a xestión de residuos e a produción de enerxía.  As estratexias de Residuo Cero demostran que os recursos naturais poden ser xestionados doutro xeito (Reducir, Reciclar, Reutilizar, Redeseñar). A prevención de residuos, a prohibición de produtos de uso único -como a praga das bolsas de plástico-, o consumo responsábel, a reutilización e a reciclaxe son excelentes aliados na loita contra o cambio climático e o aforro de enerxía" .

"Estamos comprometidos coa desmaterialización da economía, favorecendo a transición cara a unha economía decrecentista na que consumir menos signifique vivir mellor. Os avances tecnolóxicos demostran que un modelo enerxético baseado na prevención ea xeración de enerxía limpa é máis barato e máis sustentábel".

A incineración é unha estafa

Para os asinantes da declaración, a incineración é unha farsa da que se lucran as industrias cementeiras, térmicas e demais incineradoras que reciben grandes subvencións por dereitos de emisión de CO2: "Baixo o pretexto de combater o cambio climático, en realidade as administracións están a pagar para desfacerse como sexa das súas toneladas de lixo, que non saben como xestionar ".

"A incineración de residuos representa tamén un perigo para a agricultura, sobre todo para a agricultura ecolóxica, pois a instalacións de incineración expulsan ao aire numerosos compoñentes perigosos, que van a parar á terra e á auga, acumulándose, con resultados catastróficos: Unha agricultura de baixa calidade significa menos xeración de recursos e de traballo".

"Sabemos como actúan as empresas especuladoras, -con despedimentos masivos cando convén ao seu beneficio, como fixeron moitas veces, sen importarlles persoas, ou familias-. Presentan como estábel un traballo precario, ao abeiro de intereses e decisións deslocadas, como recentemente en León a multinacional danesa Vestas (400 despedimentos sen dubidar para aforrar 30 millóns por ano, despois de recibir máis de 15 millóns de € de axuda pública). A medio e longo prazo, o traballo máis intensivo, ético e duradeiro é o relacionado coa boa saúde ecolóxica e ambiental ".

A Declaración interpela con significativas demandas ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e ás demais administracións, como a esixencia para etiquetar os sacos de cemento detallando con que enerxía foron fabricados ou os produtos que conteñen, o seu perigo e as normas de manipulación para protexer aos consumidores.

Así, na parte dispositiva do documento, as cincuenta plataformas acordan "presentar canto antes unha denuncia conxunta contra a incineración ante a Fiscalía Especial de Medio Ambiente. Denunciar as autorizacións concedidas en anos anteriores a incineradoras vulnerando a lei e facer cumprir as Autorizacións Ambientais Integradas. Denunciar nos tribunais aos concellos que non cumpran cos plans autonómicos de residuos. Esixir estudos científicos de calidade do aire obxectivos e independentes nas fontes directas de contaminación. Dirixirnos de forma conxunta ao Grupo de Dereitos Fundamentais, Dereitos dos Cidadáns e libre circulación de persoas do Consello de Europa para que inste a este Consello a incluír o dereito a un ambiente saudábel na Convención Europea dos Dereitos Humanos e na Carta de Dereitos fundamentais da ONU".

Por último, a Declaración de Ponferrada manifesta o seu apoio a Bierzo Aire Limpo na súa loita contra a incineración de pneumáticos no Bierzo -que reuníu xa máis de 11.000 sinaturas entregadas ao Presidente da Junta de Castilla y León- e contra a macro-incineradora de biomasa promovida por Forestalia en Cubillos del Sil; solidarízase cos activistas mexicanos Brisa Violeta Carrasco e Tadeo Vargas, atacados por empresas cementeiras; e agradece a presenza nas reunións do profesor novaiorquino Paul Connett, líder mundial nas estratexias de Residuos Cero.

Asinan a declaración plataformas de Alsasua, Benahadux e Carboneras (Almería), Montcada i Reixac, Madrid, Sant Feliu de Llobregat, Barcelona, Bierzo, Asturias, Galicia, Bizkaia, Gipuzkoa, Sta. Margarida i Els Monjos, Buñol, La Garriga, o Alcores (Sevilla), Cordoba, Niebla (Huelva), Morata de Tajuña e Mora (Toledo), Campo de Xibraltar e Baía de Alxeciras, entre outros, así como grupos Alternativamente Verde AsturiasEQUO, Amigos da Terra, ADEGA, Ecologistas en Acción, Gaia, La Olla del Bierzo, Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica, Rede Decrecemento e Tyto Alba.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal