ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Semana Europea de Prevención de Residuos:...

21-11-2017

Semana Europea de Prevención de Residuos: iniciativas partilladas por ADEGA

A Semana Europea da Prevención de Residuos é unha iniciativa cuxo obxectivo é promover e implantar durante unha semana accións de sensibilización sobre recursos sustentábeis e xestión de residuos. Convida un amplo rango de publico (autoridades públicas, entidades privadas, sociedade civil e cidadadáns individuais) a participar.

Nesta semana ADEGA organiza ou participa en diversas actividades e inciativas relacionadas cos residuos e a súa problemática, en varios concellos do país.

Compostela: compostaxe comunitaria e compostaxe na escola

Primeiros resultados da compostaxe comunitaria: Este 21 de novembro procedemos a repartir o compost entre os usuarios e usuarias do composteiro comunitario de Galeras. Os proxectos de compostaxe comunitaria en Compostela encetados este ano atinxen tamén aos bairros de Santa Marta, Salgueiriños e Galeras.
ADEGA ocupouse de informar á veciñanza e esta respondeu moi ben: dende o primeiro momento participaron do proxecto e todos os días hai aportacións, cóbrense os restos con estruturante e a separación é perfecta. O persoal de xardinería tamén se implicou achegando estruturante, remexendo, hidratando e mantendo as condicións da área de compostaxe en perfecto estado.
Hoxe fixemos entrega do primeiro compost, e a veciñanza puido comprobar en moitos casos abraiada como os seus restos de comida xa se transformaran en terra ou compost, un abono de calidade.

Ampliación da compostaxe na escola: Ante o éxito do proxecto de compostaxe no CEIP Raiña Fabiola, este curso o concello decidiu darlle continuidade abríndoo ao resto dos centros de ensino. Foron 6 novos centros os que entraron a formar parte da rede de compostaxe na escola de Compostela: CEIP Santiago Apóstolo, CEIP de Vite, CEIP de Roxos, CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, CEIP Ramón Cabanillas e CEIP Fontiñas.
A cada centro leváronse 2 composteiros de 320L, 3 caldeiros para recoller os restos de comida, unha ferramenta para remexer, luvas e un recipiente con estruturante (restos de podas trituradas). Cada centro ten dereito a 10h de formación por parte de ADEGA.  Tras a entrega de material e a charla introdutoria, é tarefa dos colexios organizar as achegas ao composteiro. En breve faremos unha segunda visita para comprobar que o proceso está a funcionar correctamente e ao final de curso abriremos o composteiro por abaixo para comprobar se xa temos compost.

Universidade da Coruña

Xornada de concienciación para mellora na separación de residuos na UD: Este mércores 22 de novembro a Oficina de Medio Ambiente da UDC, coa que ADEGA ten un convenio de colaboración, organiza unha xornada na facultade de Ciencias da Educación para concienciar sobre a necesidade dunha boa separación en orixe. A xornada comeza ás 10:30h e durará toda a mañá, farase unha caracterización dos residuos e co persoal bolseiro e a aula de educación ambiental elaborarase unha exposición para concienciar ao resto da facultade.

Exposición sobre a compostaxe na facultade de filoloxía na UDC: Dende o 16 de novembro até o 30 de novembro coincidindo coa semana europea da prevención de residuos poderase visitar a exposición de ADEGA “A compostaxe e o compost: Os seus beneficios e a súa función, dende a teoría á práctica”. Será na facultade de filoloxía na UDC. Varios comedores universitarios, entre o que se atopa o de filoloxía, xestionan os seus residuos orgánicos mediante a compostaxe, os composteiros son xestionados polo persoal bolseiro da Oficina de Medio Ambiente.

Mancomunidade de concellos Serra do Barbanza

Formación para profesorado dentro do plan de concienciación da Manc de concellos do Barbanza: A xestión dos residuos domésticos dos concellos da Mancomunidade do Barbanza, baséase na compostaxe dos restos de comida e na reciclaxe de vidro, papel-cartón, envases plásticos e metálicos, etc. Mais para que a compostaxe e a reciclaxe sexan posíbeis é preciso realizar unha correcta separación en orixe destas fraccións de residuos na casa e tamén nos centros de ensino.
Estamos a organizar charlas informativas co profesorado dos centros de ensino co obxectivo de:      

  • Dar a coñecer os detalles deste modelo de xestión de residuos domésticos para poder trasladalo ao alumnado nas materias que así o requiran.      
  • Mellorar as prácticas de separación de residuos no centro (implantación do modelo húmido-seco) que permitan acadar as mellores cifras de reciclaxe.
As charlas terán lugar:
  • Xoves 30 novembro, 11.30 h, Aula de informática da casa da cultura de Muros (Ctra. Miraflores, s/n - 15250)
  • Mércores 13 decembro, 11.30 h, Casa da Cultura de Noia (Corredoira Luis Cadarso, 6)
  • Xoves 14  decembro, 11.30 h, Pazo da Peregrina (Av. da Peregrina, 16) Bertamiráns-Ames.

Concello de Cerdedo-Cotobade

Proxecto de compostaxe caseira Cerdedo-Cotobade: Acabamos de rematar a terceira visita aos fogares que se apuntaron ao programa de compostaxe caseira. Nesta quenda foron 75 vivendas deste concello as que participaron. Como todos os programas de ADEGA, as persoas anótanse voluntariamente e reciben un curso de formación, ao remate levan o composteiro para as súas vivendas e ao longo de 7 meses (que é o tempo que tardan en transformase os residuos en compost) reciben 3 visitas dunha educadora ambiental. O obxectivo das visitas e comprobar o correcto uso de composteiro e resolver dúbidas.
Nesta ultima visita ademais fíxose unha enquisa para que os participantes poidan avaliar o programa. En xeral a xente está contenta co funcionamento do composteiro, e son máis conscientes do lixo que producen e obteñen un abono moi bo para a horta.
Ademais do programa de compostaxe neste concello redistribuíronse os contedores facendo illas de reciclaxe para favorecer a separación en orixe, divulgouse a necesidade de usar o punto limpo e a recollida do concello de voluminosos.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal