ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Canto contamina realmente ENCE? Pois o que ENCE...

02-06-2017

Canto contamina realmente ENCE? Pois o que ENCE diga... á Xunta válelle

Tres documentos de ENCE con datos de emisións distintos

Ramón Varela Díaz, experto en contaminación ambiental e ex-presidente de ADEGA, quixo cuantificar o impacto ambiental da fatoría de ENCE en Pontevedra, coñecendo cais son os consumos de recursos do complexo, que cantidades de contaminantes emite á atmosfera e á auga así como cantos residuos xera anualmente. Para iso, acudíu tanto ás fontes oficiais (rexistro estatal PRTR) como á documentación publicada pola propia empresa na súa web.

O resultado é certamente sorprendente: acontece que para un mesmo ano (2015) as cantidades de contaminantes declarados por ENCE son distintas segundo consultemos o rexistro PRTR (Rexistro estatal de emisións e fontes contaminantes), a Declaración Ambiental ou o informe anual de Responsabilidade Social Corporativa 2016 (datos de 2015). Cómpre subliñar que a fonte dos datos dos tres informes é a propia empresa: valiadados pola Xunta no caso do PRTR e certificados por AENOR para a Declaración Ambiental.

Que datos son verdadeiros, se é que hai algún? Como é posíbel que a administración dea por boas valores de emisións declarados no rexistro estatal, que para un mesmo ano entran en contradicción cos ofrecidos pola empresa na súa Declaración Ambiental (certificada por AENOR) e na súa memoria anual de Responsabilidade Social?

Datos do rexistro estatal PRTR

Segundo as Guías do Rexistro de Emisións Contaminantes PRTR, as industrias de fabricación de pasta de papel como ENCE emiten 25 contaminantes á atmosfera e 21 contaminantes á auga, en total 46. En 2015 ENCE só declara 3 contaminantes á atmosfera e 9 contaminantes á auga (12 en total). En anos pasados delaraba tamén CO, CO2, compostos orgánicos haloxenados... que en 2015 aparecen sen datos.

Descoñecemos se a razón é porque non acadan o limiar mínimo para que sexa obrigatorio declaralos (para o CO2 son 100.000 toneladas e nese ano emitíu 92.654 t como recolle a Declaración Ambiental) ou si intencionadamente ou por desinterese non os puxeron. O mesmo acontece cos residuos perigosos e os asimilados a urbanos que tampouco aparecen declarados no 2015.

Con relación ao mercurio, no ano 2015 ENCE declara o vertido de 1,6 kg. Nos últimos dez anos o vertido de mercurio a auga foi de 27,49 kg. Descoñecemos por que nun ano como o 2008 verteu 8,46 kg e ao seguinte (2009) só 1,83 kg, e de novo en 2010 5,15 kg. A que se deben estas flutuacións? E xa postos, en que medida son fiábeis estas cifras dun contaminante tan perigoso como o mercurio?
Tamén e ao contrario que a maioría das empresas, ENCE no PRTR de 2015 non declara a información (opcional) relativa á cuantificación da produción, aos consumos de electricidade, auga, combustíbeis... e ao número de traballadores.

Semella que para a Xunta non pasa nada se en 2015 de 46 contaminantes ENCE só declara 13. Que aconteceu co arsénico, cromo, compostos haloxenados ou monóxido de carbono que sí aparecían en anos anteriores? Comprobou realmente a Xunta as razóns polas que estes perigosos contaminantes non figuran no rexistro estatal ou fixo a vista gorda? Tampouco parece preocuparlle a causa das bruscas variacións nas emisións de mercurio, un perigoso veleno.

Datos da Declaración Ambiental e do Informe de Responsabilidade Social Corporativa

Nestes dous informes, os datos tampouco cadran. Comezando polos consumos, ENCE no Informe de responsabilidade social de 2015 di gastar 13.729.728 m3 de auga ao ano, cando na Declaración Ambiental di que foron 13.506.684 m3, 1/4 de millón de metros cúbicos de diferenza!
En canto ás emisións de contaminantes, as discrepancias tamén son significativas:
-Para a DQO (Demanda Química de Osíxeno) ENCE declara emitir 1.793.445,7 kg/ano no Informe de RSC mentres que na Declaración Ambiental figura que verte 1.930.743 kg ano, case un 8% máis.
-Para o Nitróxeno total, no informe de RSC di que verte 128.716 kg e na Declaración Ambiental 94.392 kg, desta volta unha diferenza nada menos que do 27%.
-E para aos Óxidos de Nitróxeno, o informe RSC recolle a emisión de 1.274.290,4 kg/ano, bastante distinto (30% de diferenza) dos 897.000 kg/ano que declarou no PRTR.

Semella incríbel que, para un mesmo ano, os datos provintes dunha mesma fonte, a fatoría de ENCE de Pontevedra, poidan ser tan diferentes nos tres informes. Nesta altura preguntámonos: que cifras de contaminación son verdadeiras? Que grao de fiabilidade presentan estes datos cando existen contradicións claras entre eles? Como é posíbel que a Xunta poida validar unhas cifras (PRTR) e logo en dous informes da empresa aparezan valores distintos?

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal