ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Crónica do CONAMA 2016

02-12-2016

Crónica do CONAMA 2016

A participación de ADEGA no CONAMA comezou o mércores día 29 de novembro asistindo á conferencia de “Mecanismos de financión e modelos de negocio orientados á conservación da biodiversidade”, na que puidemos desfrutar de variados puntos de vista sobre as diversas opcións financieiras que existen ligadas a proxectos de conservación de biodiversidade. Maila que en xeral todas as iniciativas tiveron unha perspectiva bastante optimista en canto ás posibilidades económicas dispoñibles, botamos en falta un pouco máis de claridade en canto ás financiacións públicas, xa que prácticamente todos os poñentes centráron o seu interés en buscar capital privado para financiar os proxectos de conservación da biodiversidade.

Despois de xantar tivemos a oportunidade de asistir á sesión sobre “Espazos mariños protexidos. Situación actual, retos e perspectivas”, onde o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) nos achegaría a súa vontade de transformar o 8% de espacio mariño protexido nun 15% engadindo unha nova zona de protección: o corredor de migración de cetaceos do Mediterráneo que abranguerá uns 55000 km2 .

Tras as intervencións de entidades como Oceana, a Fundación Lonxanet e o CENEAM, aportando a súa visión sobre o estado das areas mariñas protexidas e a súa necesidade de converter parte desa superficie protexida en zonas de protección integral, ADEGA formaría parte do grupo de traballo de conservación do medio mariño que tivo lugar ao final da mañá. Alí debatiuse a necesidade de protexer o medio mariño e de aumentar o número de zonas protexidas como obxectivo prioritario a curto prazo, ao que nós tivemos que sinalar a importancia non só de aumentar o número de reservas, senón de esforzarse por facer que aquelas que xa existen sexan xestionadas de xeito adecuado. Destacamos á existencia de zonas protexidas en Galicia que se atopan en condicións inaceptables en cando á cantidade de lixo mariño.

Na última xornada do CONAMA, o xoves 1 de decembro, ADEGA participou xunto coa AEBAM (Asociación Española de Lixo Mariño) da que forma parte, na presentación do "Decálogo cidadán contra o lixo mariño" e na posterior actividade de caracterización de lixo que se realizou no entorno do palacio de congresos municipal de Madrid. Alí puidemos explorar unha nova ferramenta que será incorporada aos nosos propios traballos coñecida como Marnoba, unha aplicación movil para a caracterización de lixo mariño que nos permite ter unha base de datos do que atopamos nas praias e que serve de fonte de análise para os traballos da AEBAM.

Xa pola tarde ADEGA asistiu á reunión anual da xunta directiva da AEBAM, na que definimos as próximas liñas de traballo na loita contra o lixo mariño nos nosos mares e océanos; rematando o noso paso polo CONAMA cun doce sabor e moitas ganas de seguir traballando na conservación e protección da natureza.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal