ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Xunta e ADEGA asinan un convenio para...

04-06-2015

A Xunta e ADEGA asinan un convenio para conservación de especies e hábitats

A presidenta de ADEGA, Virginia Rodríguez Álvarez e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e infraestruturas, Ethel Vázquez, asinaron hoxe no Grove un convenio de colaboración destinado a protexer a píllara das dunas e a eliminar especies invasoras en espazos protexidos a través de voluntariado ambiental.  

O convenio abrangue diferentes actuacións que se desenvolverán ao longo de 2015. Entre elas destaca o apoio na divulgación da especie protexida a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), actividade incluída no plan de conservación desta especie en Galiza. Tamén se celebrarán unhas xornadas sobre a especie na que participarán diferentes colectivos e persoal da administración.  

No referido ás especies invasoras, ADEGA desenvolverá actuacións incluídas no plan de recuperación do sapoconcho común (Emys orbicularis) ou xornadas de eliminación de especies vexetais invasoras en espazos protexidos. O programa tamén inclúe unha parte divulgativa sobre estas especies, na que se realizarán charlas e tamén unha exposición sobre as especies invasoras.  

O acordo busca acadar unha maior sensibilización da poboación no respecto e coidado do noso medio, mediante o desenvolvemento de programas e actividades de información e formación ambiental. As medidas recollidas no convenio teñen como obxectivo común a defensa e promoción da conservación dos hábitats e da diversidade biolóxica de Galicia e procura a implicación e a participación cidadá na busca de alternativas e solucións aos problemas ambientais actuais, como a perda da biodiversidade.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal