ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Limpeza submariña en Ribadeo, unha batalla gañada...

16-03-2015

Limpeza submariña en Ribadeo, unha batalla gañada contra o lixo

O pasado sábado 14 de marzo, celebrouse no peirao de Porcillán (Ribadeo), unha xornada ambiental de limpeza do fondo mariño organizada pola CEMMA, o C.A.S. Costa Lugo e ADEGA. Estas tres organizacións volven colaborar novamante para realizar unha xornada que ten como actividade central unha limpeza submarina, desta volta co apoio do Concello de Ribadeo, a Deputación de Lugo e o Clube Náutico de Ribadeo. Aínda que a actividade estrela foi o mergullo, o obxecto desta xornada era tamén concienciar sobre os perigos dos lixo mariño e divulgar a grande diversidade das nosas costas.

Ás instalacións do clube Náutico de Ribadeo, que serviron de base de operacións para esta xornada, fóronse achegando pouco a pouco persoas de varios puntos de Galiza para colaborar voluntariamente, aínda que moitos viñan do propio Ribadeo tamén chegou xente de Ferrol, A Coruña, Lugo, etc. En total máis de 40 mergulladores e máis de 10 persoas no equipo de terra participaron nesta actividade.

Unha vez listos os equipos de mergullo, todas as persoas voluntarias reuníronse no peirao para sacar a foto de grupo de rigor e escoitar a charla pre-inmersión na que se repetiron as normas básicas de seguridade e se repartiron os sacos e cestas de rede para recoller o lixo. Comezaron entón os mergulladores a somerxerse divididos en dous grupos para poder abarcar todo o porto na procura de lixo.

Pasado un tempo, empezou a chegar ó peirao o lixo submarino que trae apegado animais e algas. O persoal de terra encargouse paciente e coidadosamene de ir separando e metendo en tanques con auga esta flora a fauna mariña. Estes animais de diversos grupos (crustáceos, moluscos, ascídeas, etc) permaneceron nos acuarios e tanques de auga para a súa identificación e observación. Nesta actividade de divulgación na que as nenas e nenos foron os protagonistas, tamén participaron os pescadores e outras persoas da zona para botar unha man nas labores de terra.


Ao final da mañá os voluntarios e voluntarias conseguiron retirar uns 200kg de lixo composto por moitos aparellos de pesca como poteiras, tanzas, cañas, etc, pero no que tamén había partes dos pantaláns, carriños de bebé, cadeiras de praia, e incluso teléfonos móbiles. A cantidade de lixo recollida non foi tan grande como noutras actividades semellantes.

A pouca cantidade de lixo recollida é síntoma de que estas actividades de concienciación teñen a súa repercusión, e en Ribadeo tanto os usuarios dos peiraos como os mergulladores da zona están preocupados polo lixo mariño. A mellor nova que se pode esperar dunha limpeza mariña é que non haxa lixo que limpar.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal