ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Rinlo, Touriñán... Crónica do saqueo ambiental e...

02-03-2015

Rinlo, Touriñán... Crónica do saqueo ambiental e do desbaldimento de cartos públicos

Piscifatoría de Rinlo (Ribadeo)

A recente sentenza do Supremo que reafirma a ilegalidade do permiso que Fraga e Feijóo deron a Touriñán, únese á que en 2012 fallou o TSXG sobre a piscifatoría de Rinlo. Dúas actuacións ilegais que custaron ao erario público 1.780.000€

Chafallada administrativa ou escandaloso trato de favor?

Na súa recente sentenza sobre Touriñán, o Supremo calca os argumentos que o TSXG, a denuncia de ADEGA, usou para anular en 2012 a planta de rodaballo de Álvarez-Cascos en Rinlo (Ribadeo). O permiso dado a ambos proxectos pola administración Fraga en 2005, na que Feijóo era vicepresidente, foi nulo de pleno dereito dada a afección ambiental "inaceptábel".

As dúas instalacións, fillas do Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria aprobado en 2005 polo governo Fraga en funcións, tiñan unha importante afección sobre hábitats da Rede Natura 2000 considerados prioritarios. Esta cuestión foi obviada ou directamente falseada pola Xunta nas súas resolucións, como recoñeceu o tribunal. Foi o principal motivo para que a planta de Rinlo, promovida por Acuinor (propiedade do curmán de Álvarez-Cascos, Ramón) fora anulada en 2012 despois dun recurso contencioso de ADEGA; e é tamén o argumento que o Supremo vén de usar para confirmar a legalidade da anulación que o bipartito fixo do proxecto de Pescanova para Touriñán.

Resultado: a ilegal actuación da Xunta do PP custou ao erario público 689.000€ no caso de Rinlo (Acuinor pedía 7,3 millóns) e 1.090.000 no de Touriñán (Pescanova pedía 9 millóns), polas indemnizacións que os tribunais condenaron a pagar á administración en conceito de compensación ás empresas polos investimentos e gastos feitos.

Crónica dunha desmontaxe lexislativa planificada

Piscifatoría de Touriñán (Muxía)

As facilidades lexislativas que dende un principio os governos do PP deron á acuicultura industrial non teñen precedentes en ningún país europeo. Para facilitar as instalacións das macropiscifatorías en solo rústico de especial protección, mesmo sobre espazos protexidos, modificouse ad hoc a Lei do Solo 9/2002. Este trato de privilexio, todo un agravio comparativo para outros sectores produtivos, persiste no novo borrador que o PP vén de apresentar no Parlamento.

En 2010 eliminouse a necesidade de adatarse ao Plano do Litoral (POL) dos planos sectoriais xa en marcha (caso do acuícola ou o eólico) e en 2011 eliminouse a tramitación ambiental dos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal que afectaran a un só concello, antes obrigatoria, para facela discrecional: é o caso da planta de Touriñán ou do convenio urbanístico de Barreiros (anulado despois polo TSXG a demuncia de ADEGA).

Tamén en 2011 a Xunta declarou a acuicultura como "utilidade pública de primeira orde" para permitir ás empresas do rodaballo ocupar espazos da Rede Natura con hábitats prioritarios (Touriñán, Rinlo...), e deste xeito pontear o artigo 6.4 da Directiva 92/43 CE:
Art. 6.4 da Directiva 92/43 CEE: [...] No caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritarios, unicamente poderanse alegar consideracións relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben, outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde. Neste último caso, através da canle correspondente, haberá que consultar, previamente, á Comisión Europea.

Finalmente, o Plano Director da RN2000 aprobado o pasado 2014 consolida unha Rede Natura a medida dos interses acuícolas, eólicos, mineiros, etc. con inxustificadas ausenzas e "ocos" á medida (como o da Laxe Brava para a piscifatoría de Corrubedo ou o do Foxo Longo, en Ribadeo-As Catedrais). O publicitado documento abusa da discrecionalidade e das excepcións para permitir construir piscifatorías, incineradoras, autoestradas, concentracións parcelarias e aumentar a edificabilidade nun 50% nas zonas de máxima protección ambeintal.

Os amigos do poder sempre gañan

Sexa como for, a patronal acuícola amiga do poder de turno (xa sexa Pescanova ou Álvarez-Cascos) sempre gaña: Se un governo autoriza piscifatorías ilegais en espazos protexidos, xenerosamente subvencionadas cun 50% de fondos públicos, e ninguén denuncia, negocio redondo.
Se pola contra, os tribunais anulan estes proxectos por denuncia de terceiros (ADEGA no caso de Rinlo e Touriñán), ou son desbotados por outra administración que aplica a lei (bipartito) as empresas tamén gañan en conceito de "compensacións" (689.000€ no caso de Rinlo e 1.090.000€ no de Touriñán) mesmo sen ter posto unha soa pedra das súas instalacións.
En calquera caso, a cidadanía sempre perde e acaba pagando, literalmente, as ilegalidades cometidas pola administración.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal